Marcos Pérez Pena

Unha ducia de momentos destacados na programación do Culturgal 2026

Queda menos dunha semana para que bote a andar unha nova edición do Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, catro días -de xoves a domingo- nos que o Pazo da Cultura de Pontevedra convértese no punto de encontro da creación e das artes en Galicia, un espazo para coñecer novas propostas, para conversar, para mercar, para atopar amizades e xente coñecida e, sobre todo, para pasalo ben. Velaquí unha ducia das citas máis destacadas da programación do Culturgal.

  1. 01

    'As Cigarreiras'

    A edición 2026 do Culturgal ábrese o vindeiro xoves 26 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Faino co espectáculo musical As Cigarreiras, que recrea a revolta das cigarreiras da coruñesa Fábrica de Tabacos da Palloza. Será ás 21 horas, con entrada libre previa retirada de invitación en Ataquilla).

    O espectáculo, co patrocinio do Concello da Coruña, reúne máis de cen artistas no escenario. A proposta xorde da unión da Banda Municipal da Coruña e o Coro Galego Cántigas da Terra, con dirección e arranxos musicais de Luís Bolón, texto orixinal de Carlos Ares e monólogo de Paula Carballeira. Conta tamén coa participación do Grupo de Baile Santaia.

  2. 02

    Homenaxe a Narf

    En novembro de 2016, hai xusto agora dez anos, deixounos Fran Pérez Narf, un dos pasamentos máis chorados da cultura galega dos últimos tempos. No décimo cabodano o Culturgal acollerá unha merecidísima e seguro que emotiva homenaxe a un músico creativo e xeneroso, reunindo a un dos seus grupos, Os Quinindiolas, e a Satélite Salitre. Será o venres 27 ás 19 horas.

    Na web do Culturgal pódese consultar a programación completa da feira.

  3. 03

    Xián Martínez. Á espera do baleiro

    O venres 27 unha das citas é Á espera do baleiro, unha peza de danza contemporánea, coprodución da compañía galega iXa, a Companhia de Dança de Almada e o Centro Coreográfico Galego, dependente de Agadic. Estrea en Galicia, é unha homenaxe ao coreógrafo desta peza, Xián Martínez, falecido moi recentemente aos 30 anos de idade. Ás 21 horas, con entrada libre con invitación.

  4. 04

    Festa dos clubs de lectura

    O sábado 28 terá lugar, ao longo de todo o día, a Festa dos Clubes de Lectura, que volverá reunir en Culturgal a integrantes de máis de 30 clubs de toda Galicia con autores como María Peinado, Carlos Lixó e Pedro Feijóo.

  5. 05

    Videoxogos no Culturgal

    Os videoxogos son unha creación cultural (e unha importantísima industria cultural). Iso está claro dende hai xa ben tempo e hai anos que veñen gañando peso e espazo no Culturgal. E nesta edición nace O barrio dos videoxogos, no que se agruparán os colectivos do sector. Ademais, no programa hai un gran número de actividades, comezando por un encontro sobre as Game Jam que se celebran en Galicia, un torneo de videoxogos ou un encontro dos clubs de videoxogos existentes no país.

  6. 06

    Programación infantil no Culturgal

    A rapazada é sempre protagonista do Culturgal, cunha programación variada que se estende ao longo de todos os días con música, contacontos, teatro, circo, e outras actvidades. Destaca o pasarrúas de Pulpiño Viascón (sábado), o concerto de Paco Nogueiras (sábado) e a actuación dos grupos gañadores do Quero Cantar! (domingo) ou o contacontos con escape room Xena, a gata da rúa (sábado).

  7. 07

    'Kiro'

    No ámbito do audiovisual destaca a proxección, nun pase restrinxido, de Kiro, o documental sobre Ana Kiro dirixido por María Yáñez. Será o sábado ás 17 horas.

    Ademais, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, haberá un maratón de curtas producidas en Galicia durante este ano, e proxectaranse tamén unha boa parte dos traballos documentais producidos no país no 2026.

    ENTREVISTA | "Ana Kiro atopou a chave das noces do galeguismo popular antes que Fraga"

  8. 08

    Antón Reixa e Nuno García Pico

    No ámbito das letras destaca a estrea do novo poemario de Antón Reixa, que estará na feira con Nuno Pico, de Grande Amore. Trátase de Galiciaplanismo Caníbal  (Factoría K). Será o sábado 28 ás 18 horas no Escenario Música.

  9. 09

    Rosa Aneiros e Miguelanxo Prado

    Tamén a presentación conxunta que farán Rosa Aneiros e Miguelanxo Prado de Cachita, o paraugas e mais eu (Xerais), quinto título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia e que nos fala da Revolta das pedradas, un movemento liderado por mulleres que protestaban pola alza do prezo da fariña e a escaseza de provisións. Será o sábado 28 ás 19 horas.

    Revolta das Pedradas, 1918: O día que a fame puido máis que o medo

  10. 10

    Premios Martín Códax

    Tamén o sábado 28 o Auditorio do Pazo acollerá un concerto das bandas gañadoras dos premios Martín Códax da música de Galicia, que a partir do Culturgal inicirán unha xira por Galicia. Actuarán Abril, Allo Negro, Lidia India e Michu da Rocha, coa presentación de Serxio Zearreta.

  11. 11

    Artes escénicas no Culturgal

    A programación de teatro e outras artes escénicas no Culturgal é igualmente variada, especialmente o sábado 28, comezando por unha mostra das escolas de teatro do país. Tamén a presentación do novo espazo web dedicado a Roberto Vidal Bolaño a cargo de Edicións Positivas ou as representacións de Cushing, ou a síndrome da turista (sábado), Fusiles de tinta (domingo) e O miradoiro (domingo).

  12. 12

    Vén e baila!

    Outra das citas que xa se converteu en tradición no Culturgal é o Vén e baila, a convocatoria aberta de baile popular guiada por Artur Puga. Será o domingo ás 13 horas

  13. 13

    'Balbino le a Neira Vilas'

    Nos últimos anos converteuse en tradición que o Cultural acolla a primeira actividade do Ano das Letras que está a piques de comezar. Neste caso, centrada en Xosé Neira Vilas, que será homenaxeado en 2027. O domingo a partir das 19 horas terá lugar o espectáculo Balbino le a Neira Vilas, unha combinación de letras e música con Cándido Pazó e o Ensamble Liberdade, que farán un repaso pola bibliografía de Neira Vilas a través dos ollos do seu personaxe.