María Yáñez presenta este 26 de setembro no Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) a súa primeira longametraxe: Kiro, a diva do torreiro. Dende unha ampla bagaxe de traballo como xornalista, creadora, no mundo do cinema e nos medios dixitais a realizadora lucense achégase a Ana Kiro e ao seu público cun filme documental que propón "reescoitar" a obra musical da gran estrela da música popular, á que ela mesma, confesa, comezou achegándose "cun punto irónico" para despois redescubrila como "fascinante", unha artista que "daba a mesma importancia a un gran auditorio que ao palco máis pequeno dunha parroquia" e que como "galega traballadora, emigrante; era subalterna e nas súas cancións converteu esa subalternidade en algo digno de ser cultura de masas". Conversamos con ela na libraría Galgo Azul da Coruña sobre o filme, que chegará ás salas comerciais o 11 de decembro.
Por que consideraches que era necesaria ou era un bo momento para facer unha películas sobre Ana Kiro e o seu público?
Sempre digo que as películas necesarias non son. Está ben que as haxa, pero nada máis. Ana Kiro era unha personaxe que daba para facer unha película, un documental musical e divertido, que mostrase e representase un país a través das súas cancións. Isto nace de escoitar moito a Ana Kiro; canto máis as escoitas, máis dis: por que ninguén coñece este repertorio? A imaxe que temos dela é cativa, vinculada á última etapa da súa vida, cando saía máis na televisión. Pero a medida que vas coñecendo a personaxe ves o máis fascinante.
"Sinto que lle debo algo á xente que levou o galego ao pop; foi a través diso como lexitimei a lingua que me falaban na casa"
Eu sempre tiven fascinación por ela; sinto que lle debemos ou polo menos eu lle debo algo á xente que levou galego o pop. No meu caso foi a través da cultura pop como lexitimei a propia lingua que me falaban na casa. Grazas a Televisión de Galicia cando apareceu, grazas as primeiras casetes que traía meu pai que estaban en galego, grazas aos primeiros intentos de levar o cómico, o cinema, a televisión, a música lixeira á nosa lingua eu empecei a dicir “a miña lingua mola” con sete ou oito anos nos 80. Como lle debo á cultura pop normalizar a miña propia lingua, sinto que reivindicar iso é seguir alimentando un poco esa lexitimación a través dun produto que pode ser de masas como é unha película que quixemos facer grande, ambiciosa dentro do seu tamaño, e con toda a cor e toda a fantasía, que non só Ana Kiro merece, senón que tamén nós, o público e os cidadáns e cidadás de Galicia merecemos.
Ao presentar a película falades de diva, de icona da cultura popular… Ao velo queda tamén a sensación de que é un retrato dunha obreira da música, ou dunha “galega traballadora” como ela mesma dicía: a xente que traballaba con ela falando de 90 ou 100 concertos nun ano por verbenas de toda a Galicia, a distribución de casetes…
Ela na canción Galega traballadora fala un pouco de si mesma, pero non só, senón dela e dese pobo que representaba: o pobo emigrante, que non hai pobo máis traballador. Ela mesma era unha emigrante de orixe humilde que sabía que para saír adiante tiña que traballar, só que ela elixiu traballar no mundo de espectáculo; tiña a determinación de que quería ser artista, que non quería ser outra cousa. Sempre buscou a vida como artista, mesmo en períodos complicados da súa vida: tiña unha filla pequena, separada nos anos 60, que era moi ousado e valente na súa época… Tiña esa ética do traballo duro, neste vinculado á arte; encantáballe o mundo dos escenarios, deu ese pelotazo, pegou ese chimpo con Galicia terra meiga, vendeu milleiros de casetes no pobo emigrante e dixo: aquí hai algo que podo seguir facendo e non parou de traballar. Primeiro, coa casa de discos Belter en Bacelona e despois, cando decide volve a Galicia di: por que vou seguir eu dependendo da casa de discos? Decide autoproducirse, autodistribuír os discos e as cintas, o seu manager era o seu home, que iba con ela polas festas cobrándolle ás comisións de festas. Montou seu propio negocio, case o seu pequeno imperio, controlando todos os procesos. Case unha, perdón pola comparación [ri], Amancio Ortega da canción con esa vontade industrial na súa escala, algo que nin sequera hoxe é tan tan común
E tiña claro que para levar a música ao pobo, á verbena, non chegaba co voluntarismo ou ser moi alegre, senón que tiñas que ter unha mínima estrutura. Ela mesma destacaba e así se ve na película tamén que conseguiu “unha certa tranquilidade económica”, non si?
"Era unha diva e daba a mesma importancia a un gran auditorio que ao palco máis pequeno dunha parroquia"
Era unha emigrante, ADN emigrante puro, e a súa relación cos cartos tamén era a dunha emigrante galega traballadora: de estar moi preocupada polos cartos, aforradora, investilos ben… Unha cousa que me encanta tamén é que cando empeza a triunfar con Galicia terra meiga e empeza a actuar por palcos de toda Europa e Latinoamérica aínda vivía en Barcelona e despois decide volver a Galicia a principios dos 80, con 40 e pico anos. Podía vir aquí retirarse ou facer catro galas ao ano, cobralas ben, vender discos e xa está. Pero decide seguir actuando e dedicarse ao mundo da da verbena, nas aldeas, que nos anos 80 estaba moi puxante. Pasa de facer xiras por Latinoamérica a facelas por toda Galicia, ata a última aldea, do último concello; ao principio en precario; o seu entorno sempre conta como se cambiaban nunha sancristía, por tras do escenario… E despois xa coa caravana. Pero nunca perdía o seu glamour. Recuperamos unha actuación que atopamos en Youtube, na parroquia de Freixas, no concelho da Merca, no típico palco de bloques, e ela coas súas lentejuelas, a súa maquillaxe… Era unha diva, mesmo no palco máis pequeno. Esa idea parecíame fascinante, por iso o subtítulo de “a diva do Torreiro”. Daba a mesma importancia a un escenario dun gran auditorio dunha gran cidade como ao palco máis pequeniño da parroquia.
E unha diva do torreiro que decide instalarse no galego cando volve a Galicia aínda que tamén puido triunfar doutra maneira, como tamén se ve na película…
"Xente que entrevistamos dixo: 'Cantaba en galego polos cartos' e a min fascinoume. Quen puidera!"
Eu non sei se Ana Kiro cantaba en galego por militancia. De feito, falando con xente que entrevistamos en toda esta investigación; xente que eran nos seus oíntes e tamén xente máis crítica con ela nos 80, houbo unha frase que me encantou: “Ana Kiro non era tan do galego, cantaba en galego polos cartos”. E a min fascinoume. Claro, quen puidera! [ri] Se cantaba en galego polos cartos foi porque atopou unha maneira de que o galego lle dese diñeiro. E non a tanta xente lle sucede. Ela foi moi lista e nun momento no que a cultura era de masas e todo o mundo mercaba discos e cintas e ía a concertos pensou que o seu público era o pobo, a xente do común. Igual non unha elite intelectual galeguista máis visible ou máis militante do galego; que se só lle vendese os discos desa xente igual non gañaba tantos cartos…
Xente do pobo; polo tanto, masivo
Ela levou a cultura de masas ao máximo, o seu era querer chegar a un público amplo, era populismo cultural, populismo musical no mellor sentido da palabra, se queres, ou mesmo no peor, segundo como se mire. Para min, que alguén elixa o galego para facer a súa produción cultural por unha cuestión simplemente económica paréceme ata un obxectivo, algo ao que aspirar. E no seu momento foi unha anomalía. En todo caso non nego que tivese un sentimento de certa militancia, dalgunha maneira. Obviamente tiña ese cariño pola súa lingua, pola súa cultura e polos seus paisanos. Creo que o facía desde un lugar moi xenuíno; era lista, quería ser comercial e chegar a todo o mundo pero non só por unha cuestión de ambición económica, senón porque tamén tiña o desexo xenuíno de conectar co seu público e tiña un retorno. O público adorábaa. E, se o público adora que cante en galego, por que vou cantar en ningunha outra.
Relacionado con iso, se cadra quen non coñeza a Ana Kiro ou se achegue agora á súa figura ao ver que hai unha película pode dicir: “Fixéronlle unha peli á musa do fraguismo, á gran cantante do fraguismo”. Na película tamén se aborda esa vertente que é, como mínimo, poliédrica, non? Insírese nesa Galicia política dos 90 e aproveita un terreo case de realismo máxico; cantando coa súa neta na TVG, sendo nomeada dama do Camiño de Santiago. Unha relación que existe nun momento en que Fraga tamén ve unha veta de negocio político en mimetizarse dalgunha maneira co país…
"Tivo amizade con Fraga e nunca ocultou a súa simpatía polo PP. Ao mesmo tempo, na súa vida era case todo o contrario dunha persoa conservadora, pero sabía ler moi ben os tempos"
Ela atopou a chave das noces do populismo ou do populismo galaico, dese dese galeguismo un pouco popular antes que Fraga. Entón, cando Fraga chegou dixo: quen é esta señora, quero conseguir o que esta señora conseguiu. Non sei moi ben como foi a historia daquela, pero quero pensar que foi Fraga quen se arrimou a ela. Porque Fraga tamén entendía perfectamente a comunicación de masas ao nivel de Ana Kiro. E se vía que había unha artista capaz de mover o que ela movía, dixo: quero que todo iso se converta en votos para mi. Foi en paralelo, supoño, e froito da época. Son dúas persoas que no seu momento identificaron a identidade e ese trauma, esa marca tan importante que tiña o pobo galego como eran a emigración e a lingua, daquela maneira, e aproveitárona no seu beneficio, ela producindo discos e conseguindo a súa aspiración de ser unha gran estrela para o pobo pobo galego e Fraga pois ganando eleccións. Pero si, tiveron esa amizade e ela nunca ocultou a súa simpatía polo Partido Popular. Pero ao mesmo tempo, declarándose como persoa de dereitas, conservadora… Na súa práctica, na súa vida, era case todo o contrario dunha persoa conservadora, só que sabía ler moi ben os tempos.
Na película tamén hai quen compara a Ana Kiro con Taylor Swift, pois é a nosa Taylor Swift e igual que Taylor Swift ten a súas eras: a era ye-ye ao principio, a era máis folclórica cando empezou con Galicia terra meiga vestida digamos “de gallega” nas portadas dos discos… Logo, a finais dos 70 e principios dos 80 tivo un momento de cantante reivindicativa: Dixo: agora que se leva sacar temas un pouco máis reivindicativos…
Que é cando a escoitamos, por exemplo, cantar Galicia ceibe, por exemplo. Que a alguén lle pode estoupar a cabeza ao escoitar: “Como, Ana Kiro cantando “Galicia ceibe”?
"Ten un disco no que fala dos caciques, di 'Galicia ceibe'... A miña teoría é que como viu que non a lexitimaban dixo: pois eu sigo coa miña verbena, que é o que mellor me funciona"
Ana Kiro ten un disco que se chama Morreu pensando en Galicia, no que se na portada así co afro, que é moi interesante porque nas letras fala dos caciques, di “loitemos, galegos”, “Galicia ceibe”.... A xente non coñece iso e estóupalle a cabeza. Despois xa se volve máis folclórica. Pero ten ese momento de dicir: se o que gusta á xente é que haxa un pouquiño de reivindicación, súmome a iso. Supoño que de maneira xenuína, tamén, non creo que fose unha muller que cantase algo no que non crese. Ese momento foi interesante, pero a miña teoría é que como viu que tampouco a lexitimaban digamos as elites ou a xente máis de esquerdas que escoitaba máis eses cantautores… Dixo: pois eu sigo coa miña verbena, que é o que mellor me funciona. Non sei se foi así ou non, pero ten as súas eras. Despois ten a súa era máis vinculada ao fraguismo e logo xa a túa etapa na Televisión de Galicia, de temas como Pídechas o corpo, que xa a converte un pouco noutra cousa. O que quixemos facer na peli é percorrer toda esa diversidade do seu repertorio
Esa etapa na TVG vai tamén un pouco no sentido que mencionabas: trataba temas que a priori non eran os máis cómodos, non si? Na película vémola falando, por exemplo, sobre o machismo en plena hexemonía fraguista na tele pública…
Ela tiña un programa diario que había que encher, entón había que falar de todo, supoño. Pero a ela encantáballe meterse en fregados e falar de calquera cousa. Como comunicadora non tiña moitos límites, tiraba para adiante e esa naturalidade foi o que enganchou. Ela empezou no Music Hall con Mary Santpere, que era unha das máis grandes cómicas catalás; entón, ela a comedia e o falar, non só o cantar, sempre o levou por diante. Nas súas verbenas tamén tiña momentos nos que contaba chistes así verdes, esta cousa pícara tamén nas cancións… A ela gustáballe moito ser vedete tamén, non só cantante, de falar. E, entón, na tele tanto che saía nun programa de cociña como presentaba unha gala con músicos de primeiro nivel dos que ela conocera na súa etapa en Barcelona ou che facía un talk show. Cre que era [Antón] Reixa que a chamara “a Oprah Winfrey galega” e ben, podería ser.
Mencionabas antes que unha parte relevante da película é un retrato da emigración. Da súa propia emigración e da emigración galega en todos eses anos. Que atopaches na Galicia exteiror actual da música e do recordo de Ana Kiro? Na película dá a impresión de que segue moi presente aínda que xa pasasen máis de quince anos dende que faleceu…
"Para a emigración uniu a idea de ver unha gran artista con cantar en galego unha mestura de cancións populares con letras que falaban deles"
Si, eu diría que está máis presente para a Galicia exterior que para a xente que quedou aquí. Foi o seu tema, foi o seu público e durante moito tempo as súas letras falan case exclusivamente da experiencia emigrante. Tanto con emigrantes que aínda están na terra de destino como con emigrantes que retornaron, como con fillos e netos de emigrantes, dos “Ana Kiro” e todo o mundo ten ese vínculo forte. De que cando ías no coche a única cinta que se poñía era a súa, cando viron a Ana Kiro en Venezuela… Porque, a ver, para esa xente Ana Kiro era Madonna! Uníase a idea de ver unha gran artista enriba do escenario con que cantase en galego unha mestura das cancións populares soaban na casa con letras que falan de nós. Entón,a artista ten esa capacidade de falar case en primeira persoa da experiencia do seu público. As súas letras falan case sempre en primeira persoa ou en segunda: emigrantes, volvede, están aquí os vosos pais esperando por vós; volve galego, non chores máis… Eran moi de conversa co propio galego do seu momento.
A través da emigración pero non só, tamén fas un percorrido xeracional. Dende mulleres maiores a xente máis moza. Na película destectaches que, se cadra, quen eramos mozos ou adolescentes hai máis de vinte anos podiamos ter máis prexuízos cara a Ana Kiro e o que representa que a xetne nova que pode chegar a ela agora porque, por exemplo, lle sae en Spotify ou a atopa nun espectáculo queer?
"Sempre me sentín atraída pola súa figura; ao principio case dende un punto irónico para logo descubrila e dicir: de ironía, nada, isto mola 100% por moitos motivos (...) Era galega traballadora, emigrante; era subalterna e nas súas cancións converte esa subalternidade en algo digno de ser cultura de masas"
Cando fas unha película tes que saber moi ben dende onde a fas. Eu, por máis que me sentín atraída sempre pola figura de Ana Kiro, recoñezo que ao principio o facía case dende un punto irónico, o camp, o kitsch, porque facía graza, que dende un lugar máis xenuíno. Pero dende a ironía funme achegando para logo descubrila e dicir: de ironía, nada. Isto mola 100% por moitos motivos. Quen temos agora entre 40 e 60 anos, cando Ana Kiro soaba nos 80 e nos 90 era música que escoitaban os vellos e non nos gustaba, había unha rebelión contra iso no musical, probablemente no político, no estético… É unha señora que escoita meu pai, que é fraguista e hortera, non era algo que tivese prestixio. De feito, se les a prensa daqueles anos 80, para a intelligentsia da época, quitando algunhas voces un pouco discordantes, Ana Kiro era un personaxe a criticar ou a ignorar en contraposición con outros músicos que foron moito máis homenaxeados e reivindicados. Pasa un pouco como nas familias: os fillos teñen conflitos cos pais pero chegan os avós e acabouse o conflito. Creo que a xente nova abraza a figura de Ana Kiro asociándoa cun lugar de infancia e, ao mesmo tempo, como unha icona moi viva que os interpela. Por exemplo, o documental sen querelo moito é bastante queer, ves esa conexión co colectivo LGBTI e creo que ten razón ten razón de ser: é unha diva; a cultura pop como ferramenta dos subalternos para expresarse. E tamén unha cuestión de orgullo. Entón, Ana Kiro, sen ser queer ata onde eu sei, era galega traballadora, emigrante, era subalterna e nas súas cancións converte esa subalternidade e lévaa ao escenario. Converte a vivencia dos galegos, do pobo traballador galego en algo digno de ser cultura de masas. E esa reivindicación conecta con moitos outros orgullos: necesitar esa alegría, o brilli-brilli, as plumas, as lentejuelas, esa cousa do transformismo que te libera o che dá ferramentas para conectarte con xente coma ti… Por aí creo que moita xente conecta e lle resulta atractiva sen coñecela. Cando vexa a película e a coñeza vai flipar máis.
Tamén propicias o encontro con músicas e músicos de varias xeracións e perfís que, nalgún caso, tamén flipan e noutros semella que se reconcilian un pouco con Ana Kiro…
"Esta película vai de reescoitar as cancións de Ana Kiro e ao final, ver se a escoitamos doutra maneira"
A película traballa, entre outras cousas cun dispositivo que eu quería poñer aí que era a reescoita. Esta película vai de poñemos a escoitar de novo as cancións de Ana Kiro, sexa desde un taxi, desde unha radio pequena, desde un tocadiscos, desde un radiocasete. Vai de xuntarnos e ao final a película, congregarnos para volver a escoitar a Ana Kiro e a ver se escoitamos doutra maneira. Entón, un dos momentos da película é esa listening party que fixemos. Non quería facer unha película de expertos en Ana Kiro, pero si quixen coller xente que pode ter afinidade dende distintos lugares coa figura e xuntalos a escoitar de novo a súa música a ver que lles parecía. Temos ese momento no que xente como Nuno Pico, como Sés, como Josito Pereiro, Cibrán Tenreiro, David Miranda e Marta Pereiro, que tamén son académicos e escriben papers sobre Ana Kiro (o cal no seu momento era moi valente). E o que sase desa reacción ás veces é sorpresa no musical, porque de repente escoitas a Ana Kiro cantando unha canción con ritmos funkis que parece un tema disco dos anos 70. Ou de repente escoitan “Galicia ceibe” e tamén flipan. Ese exercicio de reescoita a través dos distintos personaxes que aparecen na película é a experiencia que logo queremos trasladar ao público, que a través da película o público que vai ao cinema poida reescoitar a música de Ana Kiro. E cando marche á casa, se quere a poña en Spotify e siga flipando con todo ese repertorio.
Visualmente elixiches contalo dunha maneira que, por unha banda, ten estéticas moi actuais pero tamén con certas concesións ou homenaxes á tele deses anos. Vemos por aí non sei se trazos da tele de Valerio Lazarov nos anos 70, da cultura do videoclip, por suposto das postais que enviaban os emigrantes… Un cóctel moi Ana Kiro, tamén.
Queríamos usar ese imaxinario camp, kitsch, hipergalaico que usaba ela nas súas portadas para crear o imaxinario e a arte da película. E tamén tentando darlle unha volta ao concepto da Galicia de postal: unha película coa Galicia de postal, pero de postal de verdade. E coller paisaxes que poderían ser idílicas, darlle esa pátina pero con elementos que renxen: un parque eólico, un guindastre que se escoita por aí, uns turistas na Torre de Hércules… Pareceunos moi interesante fazer ese xogo estético, esa fricción entre a Galicia de postal e a Galicia actual, a Galicia real. O último que quería era paisaxes de cantís con drons e tal, que parecese un anuncio de Turgalicia ou de Gadis. Queriamos chegar a unha Galicia contemporánea a través do retro metendo eses elementos: non somos da Galicia bonita, somos da Galicia real.
Por exemplo, con barrios das principais cidades facendo tamén un pouco ese diálogo entre as verbenas dos 80 en aldeas moi pequenas pero tamén un barrio da Coruña ou de Vigo
"Usamos un imaxinario kitsch, hipergalaico que ela usaba nos deus discos para darlle unha volta ao concepto da Galicia de postal e mostrar un retrato de país o máis contemporáneo e real posible"
Como dicía Ana Kiro e como di Brigitte Vasallo tamén na película, “eu traballo para a miña xente”. E nesta película dixen: pois eu tamén traballo para a miña xente. Entón, toda a xente que sae na película, xente que podían ser os meus veciños, os meus parentes, xente... Normal. Tentei facer unha visión do pobo galego natural, real, que ás veces tamén se bota de menos no cinema. Pero fíxeno sen demasiada intención, é a miña xente. Ata saen amigos meus, xente que eu coñezo e que podería ser a de calquera e que, polo que sexa, teñen en común que lles gusta Ana Kiro. Tamén era un pouco o que quería mostrar, un retrato de país o máis real e o máis contemporáneo posible, sen forzar nada. Mostrar un pouco como é. E é curioso como a película, a través do retro, proxecta certo presente. Non sei se certo futuro, pero digamos que queríamos retratar o presente a través desa viaxe ao pasado. Por exemplo, a rúa Barcelona [A Coruña] sae tal cal é, cos inmigrantes que ten agora, que son distintos ou non tan distintos, pero segue sendo un pobo emigrante só que agora somos nós os que recibimos esa emigración. encantaríame que Ana Kiro estivese aquí hoxe para analizar ese fenómeno e facer cancións sobre iso. Pero si, é esa Galicia real que ás veces non se amosa tanto, sen sublimala, sen ter un punto de vista condescendente ou exotizala. Interesábame moito ese contraste entre a fantasía que ten a película a través da música de Anakiro e das performance con esa Galicia real, eu creo que ao final é o que compón a esencia de Kiro, da película.