O 'Xuntos' da Familia Caamagno formará parte de Puro Deleite, o disco de versións de clásicos da música galega realizadas por artistas e bandas actuais e que publicará nos vindeiros meses
Nos últimos meses deste ano 2022 poderemos escoitar completo Puro Deleite, o disco de versións de clásicos da música galega realizadas por artistas e bandas actuais, unha iniciativa de Deleite, a marca galega de leite creada por gandeiros e gandeiras. Xa coñeciamos a 'Muiñeira de Chantada' realizada por Verto e mais a homenaxe de Ataque Escampe a Ana Kiro en 'Por última vez', que serviu para presentar o proxecto.
Este venres chega unha gran sorpresa: a versión do 'Xuntos' de Juan Pardo realizada por Familia Caamagno, que se acompaña dun vídeo de estética soviética de Xaime Miranda que nos fai pensar en que tería pasado se Juan Pardo vivira na URSS, como destacan en VINTE.
O tema tamén é o primeiro adianto do novo álbum da banda, que se publicará neste 2022
O tema tamén é o primeiro adianto do novo álbum de Familia Caamagno, que se publicará neste 2022. A banda destaca que o disco manterá o recoñecible son do grupo, "inspiración 60’s, guitarra rítmica moi marcada, guitarra de punteo abusando do Fuzz, melodías vocais e coros moi traballados", pero buscando igualmente "atopar un son máis contemporáneo e máis pop". Neste novo traballo, ademais, a banda conta con dos produtores máis destacados do indie estatal, Carlos Hernández, que nos últimos anos produciu discos de Triángulo de Amor Bizarro, Los Planetas, Viva Suecia ou Carolina Durante.
O vídeo inclúe sorpresas, como a aparición de Alejandro Cao de Benós e do equipo de amateur de fútbol sala 'Unión Soviética de Sigüeiro'
O vídeo, no que a banda aparece vestida con uniformes soviéticos e inclúe outros elementos de estética comunista, conta con sorpresas como a aparición de Alejandro Cao de Benós, presidente da Asociación de Amistad con Corea del Norte, ademais da actuación de varios amigos e amigas da formación e dos xogadores do Unión Soviética de Sigüeiro, equipo amateur de fútbol-sala.
A banda presenta o vídeo cunha mensaxe na que piden "menos bombas e máis kolghós!" e no que anuncian que con esta "resignificación" do clásico de Juan Pardo "expropiamos” a canción "como himno da nosa gloriosa República Socialista de Sigüeiro".
Este venres a banda interpretará no Luar da TVG a súa versión de 'Xuntos'
A presentación do vídeo inclúe unha última sopresa, que Familia Caamagno anunciaron a través das redes sociais. Este venres pola noite a banda interpretará no Luar da TVG a súa versión de 'Xuntos', compartindo escenario con Marta Sánchez e co propio Xosé Ramón Gayoso.
Juan Pardo publicou o seu 'Xuntos' no seu disco de 1987 Mírame de frente. O tema converteuse, coincidindo coa chegada de Manuel Fraga a Galicia en 1989, no himno oficioso do PPdeG e era habitual escoitalo nos seus actos políticos.
A banda de Sigüeiro publicou ata o momento un LP, Había que intentalo (2019) e máis cinco EP: Familia Caamagno (2012), Cantan polo Nadal E.P (2012), Hai que andar cos tempos! (2014) e Para unha vez que saímos (2016).