No ano 1967 Ana Kiro participou coa canción "Por última vez" no festival de Benidorm, o evento que todos os anos reunía a moitas das estrelas da canción melódica de todo Estado. Non gañou un certame que este ano regresa para escoller a representante de España en Eurovisión, con Tanxugueiras como finalista, pero o tema editouse nun single do selo Belter con "Siempre te amaré" como Cara B.
Ademais de Ataque Escampe e Verto, está confirmada a participación no disco de Familia Caamagno, Radio Océano, Ale González, Os Amigos dos Músicos, Eladio y los seres queridos ou La casa de los ingleses
55 anos despois Ataque Escampe vén de publicar a súa versión de "Por última vez", un adianto dun álbum colectivo no que distintos grupos e artistas actuais están a gravar versións de clásicos da canción popular galega. O proxecto, titulado Puro Deleite, é unha iniciativa da marca galega de leite creada por gandeiros e gandeiras e que nos últimos anos xa apoiou outras iniciativas culturais. O disco será unha realidade nos últimos meses deste ano 2022. Hai uns meses xa coñecemos a versión da "Muiñeira de Chantada" realizada por Verto.
"Por se cabe algunha dúbida, a Máis Grande é Ana Kiro. É unha das iconas máis rotundas que temos no país a nivel musical, pero non sempre se lle recoñeceu o mérito, como pasa con moitas artistas populares", din Ataque Escampe
De momento, ademais de Ataque Escampe e Verto, está confirmada a participación de Familia Caamagno, Radio Océano, Ale González, Os Amigos dos Músicos, Eladio y los seres queridos ou La casa de los ingleses. Entre os artistas e formacións versionadas atopamos, por exemplo, Juan Pardo, Siniestro Total, Goma 2 ou Andrés Dobarro.
"Por se cabe algunha dúbida, a Máis Grande é Ana Kiro, e cando alguén ten esa categoría xa non fai falla explicalo", destacan Ataque Escampe nas súas redes sociais subliñando que "é unha das iconas máis rotundas que temos no país a nivel musical, pero non sempre se lle recoñeceu o mérito, como pasa con moitas artistas populares".
O grupo escolleu este tema co obxectivo de reivindicar á artista "indo a unha parte da súa carreira que aquí é máis descoñecida"
O grupo escolleu este tema co obxectivo de reivindicar á artista "indo a unha parte da súa carreira que aquí é máis descoñecida". "Nos anos 60 e 70, Ana estaba aínda emigrada en Barcelona e gravaba para o selo Belter en castelán. Os seus discos desa época non nos emocionan polo pouso galego das letras e as músicas, senón simplemente polo estupenda que era como cantante", explica a banda compostelá.
Nesta emotiva canción de ruptura, "Ana soa delicada e poderosa a un tempo". "Se nos achegamos un pouco a ese carácter delicado e poderoso da orixinal xa podemos estar contentos", conclúen as Ataque Escampe, que na súa xa longa traxectoria publicaron outras versións de clásicos galegos, dende o "Para che falar de amor" de Andrés Dobarro ata a "Música Feliz" de Os Resentidos, pasando mesmo pola "Festa Malandrómica" de Malandrómeda.
"Por última vez" ten música orixinal de Mario Sellés e letra de Vicente Beltrán, adaptada ao galego por Ataque Escampe. Gravada e mesturada por Carlos Quintá n’As Gonzalinhas (Lalín) en xuño de 2021, a versión contou coa produción artística do Hevi.