Deleite lanza o leite A2, máis dixerible e polo que os gandeiros reciben un prezo máis alto

As catro variedades do leite A2 © Leite Noso

O leite presenta habitualmente unha combinación de dúas proteínas, as betacaseínas A2 e A1. A betacaseína A1 relaciónase en ocasión con molestias dixestivas que sofre unha parte da poboación ao beber leite. A marca galega Deleite, impulsada por gandeiros do país, conseguiu producir de xeito natural leite que só contén a betacaseína A2, "o que proporciona unha dixestión máis confortable, entre outros beneficios", destaca. Todo o leite que a partir de agora venderá Deleite será desta variedade mellorada.

Para obter esta nova variedade, as granxas que subministran a Deleite limitáronse a seleccionar vacas que producen só leite A2

Parte dos problemas de intolerancia ao leite que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1. Para as persoas que certamente non poidan consumir lactosa, Deleite lanza tamén un leite A2 sen lactosa.

Para obter esta nova variedade, as granxas que subministran a Deleite limitáronse a seleccionar vacas que producen só leite A2. "Esta selección dos animais, que se fai cun sinxelo test de ADN, permítenos garantir que todo o leite comercializado pola marca Deleite é leite A2", destaca. Un leite, ademais, que continuará a ser 100% de orixe galega.

É a primeira vez que o leite A2 se comercializa a grande escala no Estado español, constituíndo tamén un fito a nivel europeo, onde só houbo ata o de agora pequenas experiencias

A marca Deleite especialízase desde agora en exclusiva no leite A2, que ofrece en catro variedades, buscando así diferenciarse das demais marcas e ofrecer unha máxima calidade no seu produto. O leite A2 comezou a comercializarse hai anos en Nova Zelanda. Desde entón a súa produción e comercialización estendeuse por distintos países, como Estados Unidos ou China. Porén, esta é a primeira ocasión en que se lanza a súa comercialización a grande escala no Estado español, constituíndo tamén un fito a nivel europeo, onde só houbo ata o de agora pequenas experiencias, destaca a marca.

 

Maior remuneración para as granxas

As granxas que lle entregan a Deleite o leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un "prezo diferencial", por riba do que se paga polo leite convencional

As granxas que lle entregan a Deleite o leite A2 asinaron nos últimos meses contratos a un "prezo diferencial", por riba do que se paga polo leite convencional. A través do seu novo leite, a marca galega consolida a súa aposta de pagar no campo prezos xustos que remuneren o traballo das granxas. Ademais, destaca a importancia de ofrecerlle "maior estabilidade" aos produtores, pois na última renovación asinaron contratos para os próximos tres anos. A marca destaca que "esta é a primeira ocasión en que unha marca asina contratos a tan longa duración". Cómpre lembrar que Deleite xa fora pioneira na posta en marcha de contratos anuais coas granxas que, a raíz da aposta da marca galega, xeneralizáronse tamén posteriormente entre outras industrias.

Nos puntos de venda, Deleite pasa a situarse na liña de prezos das marcas premium e desde agora pode atoparse tamén nos supermercados de Froiz e Gadis

Nos puntos de venda, Deleite pasa a situarse na liña de prezos das marcas premium, se ben cunha oferta de lanzamento nestas primeiras semanas. Así mesmo, desenvolverá unha campaña de marketing en toda España para dar a coñecer e posicionar o seu leite A2. Coincidindo co lanzamento do Deleite A2, Leite Noso está a estender a súa rede de distribución en Galicia. A maiores dos supermercados de Vegalsa-Eroski, grupo Cuevas, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés e tendas tradicionais, onde xa se comercializaba Deleite, desde agora pode atoparse tamén nos supermercados de Froiz e Gadis. 

A marca galega logrou producir de xeito natural leite que só contén a betacaseína A2 © Deleite

Outros beneficios do leite A2

Parte dos problemas de intolerancia ao leite que se asocian normalmente á lactosa, un azucre presente no leite, débense en realidade á proteína A1

Estudos clínicos veñen sinalando que as persoas que declaran sentir algún tipo de malestar dixestivo despois de beber leite, ao redor dun terzo da poboación en España, "declaran sentirse mellor bebendo leite A2, cunha dixestión máis confortable", sinala Deleite, que que destaca que co leite A2 "redúcense nestas persoas a dor abdominal e os gases, en comparación co consumo de leite convencional".

Os beneficios do leite A2 complétanse co seu positivo efecto a nivel inmunolóxico, "pois constatouse que o seu consumo reduce os marcadores inflamatorios intestinais, diminúe a presenza do aminoácido BCM-7, que pode ter efectos adversos na saúde, e aumenta a produción natural do antioxidante glutatión", engade a marca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.