A adquisición da histórica queixería confirma o crecemento de Leite Noso e servirá para manter os actuais 25 empregos nesta instalación
Leite Noso, a sociedade propiedade de gandeiros galegos que comercializa directamente e sen intermediarios as marcas Deleite e Muuu, vén de adquirir a monfortina Queixerías Prado a través dunha alianza con Oviganic Ibérica, empresa radicada tamén na comarca de Lemos.
A adquisición da histórica queixería, en funcionamento dende 1982, confirma o crecemento de Leite Noso e servirá para manter os actuais 25 empregos nesta instalación, ao igual que os actuais acordos coas granxas provedoras da comarca. Ademais, os novos propietarios buscarán incrementar a produción e modernizar e diversificar a oferta de queixos.
Leite Noso significouse dende o inicio por manter contratos estables coas granxas a prezos xustos
Leite Noso significouse dende o inicio por manter contratos estables coas granxas a prezos xustos, nun contexto no que os prezos pagados aos gandeiros galegos seguen por debaixo da media do Estado e se manteñen os peches de granxas. En abril do pasado ano protagonizou unha importante captación dalgunhas das ganderías máis innovadoras de Galicia, coas que asinou contratos a tres anos e coas vén levando a cabo proxectos de innovación e desenvolvemento en materia de calidade.
No seu nacemento xa fora pioneira en ofrecer contratos no campo a un ano e no 2020 converteuse tamén na primeira empresa en ofrecer contratos a tres anos en Galicia, o que lles achega unha maior estabilidade ás granxas. "Compromiso de prezos xustos en orixe, estabilidade contractual coas granxas provedoras e apoio ás causas sociais, á cultura galega e ao deporte" son as premisas nas que se asenta a actividade de Leite Noso.
"Por que etiquetamos en galego? Porque é o noso leite, porque pensamos que así ten que ser", salientaba a súa xerente, Patricia Sánchez, que subliñaba que esta é a mellor mostra de que "os cartos da xente que merca o brick de Deleite quedan aquí". "Nós falamos galego e etiquetamos o brick en galego", resumía, engadindo que "somos gandeiros, o único que queremos é dinamizar o sector".
"Nós falamos galego e etiquetamos o brick en galego", resumía a xerente de Leite Noso, engadindo que "somos gandeiros, o único que queremos é dinamizar o sector"
O proxecto está liderado por Oviganic Ibérica, unha industria asentada tamén en Monforte, con cincuenta e cinco traballadores e que destacou nos dous últimos anos por un importante investimento para a modernización da súa planta. Oviganic Ibérica é propiedade da multinacional china Yeeper desde o 2019 e está a poñer en marcha novas liñas de fabricación de leite en po para alimentación infantil de alta gama, así como liñas para a desmineralización de soro e para a elaboración de aceite de manteiga, que serve de ingrediente base para a industria alimentaria.