Ofertas de traballo do Servizo Galego de Emprego "vulneran a normativa" de riscos laborais

O conselleiro de Emprego, José González Vázquez, hai uns días ante unha oficina da Xunta e resolución da Valedora do Pobo CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

A Valedora do Pobo revela que a Xunta traslada ofertas a desempregados co requisito de que a formación en riscos laborais sexa previa e por conta deles malia que "corresponde ás empresas a formación do seu persoal"

O Servizo Galego de Emprego está a trasladar a persoas no paro ofertas de traballo nas que as empresas esixen formación previa en riscos laborais, malia que "corresponde ás empresas a formación do seu persoal". Así o considera a Valedora do Pobo, que vén de revelalo nunha resolución na que considera ese xeito de proceder "unha vulneración da normativa aplicable" e lembra á Xunta o seu deber legal de "analizar esta circunstancia nas ofertas de emprego a tramitar".

Na súa resposta á Valedora a Xunta non negou os feitos e limitouse a asegurar que non intervén no proceso de selección por parte das empresas nin acepta requisitos que discriminen ás persoas demandantes de emprego.

Fragmentos da resolución da Valedora que pide á Xunta que comprobe as ofertas de emprego que traslada para que cumpran a normativa de riscos laborais CC-BY-SA Praza Pública

A resolución da Valedora prodúcese logo dunha queixa na que se lle facía ver que o Servizo Galego de Emprego estaba a publicar na súa web ofertas de traballo nas que as empresas esixían como requisito obrigatorio para as persoas aspirantes, non como formación adicional a valorar, ter cursos de prevención de riscos laborais.

A Valedora salienta xurisprudencia do TSXG que incide na "formación como implícita no contrato de traballo"

Na súa análise da situación a Valedora salienta que a Lei de Prevención de Riscos Laborais establece que "o custo das medidas relativas á seguridade e a saúde no traballo non deberá recaer de ningún xeito sobre os traballadores". A lei tamén di que "o empresario deberá garantir" a formación do traballador en calquera momento e calquera modalidade de contrato e que esta "deberá impartirse, sempre que sexa posible, dentro da xornada de traballo ou, na súa falta, noutras horas pero co desconto naquela do tempo investido", insistindo en que "o seu custo non recaerá en ningún caso sobre os traballadores".

No caso das empresas de traballo temporal, a Valedora salienta que a lei obriga ao empresario a "garantir que, con carácter previo ao comezo da súa actividade, os traballadores [...] reciban información acerca dos riscos" e "unha formación suficiente e adecuada". A Valedora do Pobo tamén cita xurisprudencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que incide na "formación como implícita no contrato de traballo".

A resolución da Valedora di que no caso denunciado "atopámonos cunha obriga legal das empresas, respecto ás súas persoas traballadoras, de dar formación en prevención de riscos laborais axeitada ao posto de traballo a cubrir, e cunhas ofertas de emprego que requiren a previa formación en prevención de riscos específica do sector da construción que supón un custo para o candidato a ditas ofertas de emprego, non se imparte na súa xornada de traballo e tampouco supón unha alta na seguridade social".

A Xunta respondeu á Valedora que se limita a tramitar as ofertas de emprego "cos requisitos establecidos pola entidade ofertante"

Ante isto, a Valedora considera que ese tipo de ofertas "implican unha vulneración da normativa aplicable" e que a consellería debe comprobar que as ofertas que recibe non incumpren a legalidade.

Nas súas explicacións a Xunta trasladou á Valedora que se se limita a tramitar as ofertas de emprego "cos requisitos establecidos pola entidade ofertante, sendo esta a que establece os requisitos mínimos necesarios para acceder ao procedemento de selección". Segundo o Goberno galego, "estes requisitos son comprobados pola oficina de emprego para verificar que non supoñan ningún tipo de discriminación ou incumprimento da legalidade vixente". Porén, no informe da Xunta reflectido pola Valedora non se replica en ningún momento á consideración desta de que a formación en riscos laborais debe ser por conta da empresa. 

Sede da Valedoría do Pobo © Valedor do Pobo

Ante esta situación, a Valedora conclúe a súa resolución emitindo un recordatorio de deberes legais á Xunta para lembrarlle que, "de conformidade co disposto na normativa de prevención de riscos laborais, corresponde ás empresas a formación do seu persoal e, polo tanto, debe analizarse esta circunstancia nas ofertas de emprego a tramitar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.