O Goberno galego segue sen protocolos de actuación para o persoal da educación e da xustiza e a Valedora reclámalle que habilite en todos os eidos figuras de mediación temperá que permitan atallar os problemas
Para a Valedora do Pobo a loita contra o acoso laboral na Xunta é “un asunto de enorme sensibilidade, lamentablemente recorrente e que figura entre os principais compromisos desta institución”. Así o di no seu último informe anual feito público hai uns días, no que volve facerse eco de varias queixas puntuais recibidas para amosar a partir delas o panorama xeral que segue a existir na administración galega, con protocolos de actuación só na administración xeral e na sanidade pero que funcionan lentamente, coa educación e a xustiza sen protocolo e coa Xunta gardando silencio ante as súas peticións para que habilite en todos os eidos figuras de mediación informal temperá “que permita atallar o problema na súa fase inicial”.
Como vén contando Praza.gal desde hai anos, a Xunta non se dotou do seu primeiro protocolo de loita contra o acoso laboral ata 2016, pero restrinxiuno á administración xeral e un par de anos despois mudou os seus prazos de actuación ampliando de un a seis meses o tempo das investigacións ante a falta de recursos para poder cumprilo. Unha demora nas súas actuacións que vén de ser condenada pola xustiza nun caso no que tardou dous anos en resolver o acoso laboral que sufriu un traballador. Ou que puido constatar este diario noutro caso no que a Xunta tamén tardou dous anos en ditar medidas correctoras tras unha denuncia.
Agora, no seu último informe anual, a Valedora parte da premisa da imposibilidade pola súa parte de pronunciarse sobre o fondo das queixas que lle chegan. Isto é, a súa incapacidade para saber se efectivamente hai ou non acoso laboral nos casos que lle denuncian, algo que en moitas ocasións ocórrelle tamén aos responsables da Xunta e dos sindicatos encargados de analizar os casos. Pero o propio feito de existir un protocolo de actuación reduce os casos ou a súa gravidade, algo que non sucede nos eidos da educación ou a xustiza onde aínda non existe tal procedemento malia a petición expresa da Valedora.
A Valedora censura que mentres na administración xeral os casos os analiza un órgano colexiado, no ensino faino a inspección educativa, órgano unipersoal que non garante "a distancia necesaria entre o feito e quen ten que intervir"
Por outra banda, a Valedora salienta, a respecto dunha denuncia dunha traballadora do eido da educación, que “mentres o persoal da administración xeral da Xunta acude á intervención dun comité específico para a prevención de posibles situacións de acoso, na Consellería de Educación ese papel resérvase para a persoa responsable da inspección educativa, modificándose dun xeito substancial o marco de análise e resolución deste tipo de conflitos: dun órgano colexiado a outro unipersoal e vinculado directamente coa organización,
avaliación e seguimento da actividade do centro en que se desenvolve a posible situación de
acoso, perdendo a “distancia” necesaria entre o feito e quen ten que intervir”.
A Valedora tamén constata como nese caso en concreto tras a denuncia da traballadora afectada o inspector non acudiu ao centro a entrevistarse coas persoas implicadas ata 25 días máis tarde. A conclusión final do caso foi que non era acoso laboral, pero a realidade para a persoa afectada foron sucesivas baixas laborais con informes psiquiátricos que certificaron como lle estaba a afectar a situación laboral que vivía.
Noutro caso relatado no informe anual da valedora, desta volta no eido da sanidade, onde si hai un protocolo específico de actuación desde 2019, a persoa afectada tampouco logrou que se recoñecese a súa situación como de acoso laboral, pero a administración nin sequera contestou ás súas solicitudes de adaptación do seu posto laboral en función dos informes sanitarios que certificaban o efecto que tiña sobre ela a súa contorna laboral. Un silencio que a Valedora reproba lembrando que todo cidadán ou funcionario ten dereito a que a administración responda ás súas peticións.
“Lamentablemente, xa podemos adiantar que non serán as últimas queixas presentadas neste sentido”, di a Valedora sobre os casos analizados no seu último informe anual
“A Administración está obrigada a responder á cidadanía que acude a ela debendo ofrecerlle unha resposta por escrito que ademais sexa unha resposta directa, rápida, exacta e legal, fundada en tempo e forma adecuada ao procedemento que corresponda e congruente coas pretensións expresadas, con prontitude e sen demoras inxustificadas”, di a Valedora. Isto é, que responda co que considere, pero que responda.
Sindicatos e as propias persoas afectadas veñen salientando que a lentitude ou o silencio da administración contribúe á vitimización destas últimas, xa que en moitos casos, sexan ou non vítimas de acoso laboral, certificados médicos e baixas evidencian que cando menos viven unha situación laboral insostible para a que non obteñen resposta. Por iso, ante a incapacidade existente en moitos casos de probar unha situación de acoso laboral, a Valedora ademais de pedirlle de xeito recorrente máis celeridade, vén apostando por recomendar á Xunta que, xa sexa nas áreas nas que existe protocolo de loita contra o acoso como nas que aínda non o teñen, valore a creación da “figura dun asesor confidencial, que faga posible resolver os conflitos dun xeito áxil e informal, facendo así efectiva a prevención primaria e a prevención secundaria, evitando a consolidación da situación de acoso antes da formalización da súa realidade nun procedemento formal”.
No último informe anual a Valedora sinala que remitiu a Sanidade e Educación “sendas resolucións na mesma liña de implantar unha figura de mediación informal que permita atallar o problema na súa fase inicial”, pero engade que “ambas están pendentes de resposta polas dúas consellerías”.
A Valedora remata o apartado dedicado ao acoso laboral no seu informe anual cunha nova mostra do pesimismo co que o iniciou: “Lamentablemente, xa podemos adiantar que non serán as últimas queixas presentadas neste sentido”.