O Goberno galego, que deita a metade da responsabilidade nos sindicatos, admite que o prazo máximo de medio ano para resolver os casos “pode modularse” malia que hai denuncias pendentes de hai máis dun ano
O remate do confinamento polo coronavirus e do teletraballo xeneralizado supón a fin dun alivio parcial para os e as traballadoras que se senten vítimas de acoso laboral. Tamén na administración pública, na que a pandemia demorou diversos trámites e empeorou o tempo de resposta doutros, como o protocolo de loita contra o acoso laboral na Xunta, que xa non cumpría os prazos establecidos. Hai un ano o prazo para resolver os casos desde que se formula a denuncia dun posible acoso laboral foi ampliado de un a seis meses, pero segue habendo casos pendentes de resolver cuxas denuncias foron formuladas hai máis dun ano. Ademais, ás persoas denunciantes esíxeselles “estrita confidencialidade” sobre os seus casos, limitándolles así a capacidade de loitar contra o mesmo a través doutras vías que non sexan a establecida no propio protocolo, como as denuncias públicas da súa situación.
A Xunta deita a metade da responsabilidade das eivas existentes na loita contra o acoso laboral nos sindicatos desde que en 2016 aprobou coas catro principais organizacións con representación nela (CIG, CCOO, UGT e CSIF) o protocolo de loita contra o acoso laboral na administración autonómica, procedemento que non se aplica a todo o persoal dependente dela, como o da Xustiza, que queda fóra. Co protocolo creouse un comité de intervención composto por oito membros, catro a proposta do Goberno galego e catro representantes sindicais, que debían resolver sobre as denuncias que recibisen nun prazo dun mes. Hai agora un ano o protocolo foi modificado para ampliar ese prazo a seis meses ante a incapacidade material de atender todos os casos que había sobre a mesa, segundo admitían representantes sindicais consultados por este diario, ademais de mellorarse a formación na materia dos membros do comité ou facilitar o seu acceso aos centros de traballo para facer comprobacións, entre outras cuestións.
Os atrasos non só se producen na resolución dos casos senón mesmo na primeira toma de declaración á persoa denunciante
Porén, un ano despois da modificación do protocolo e o seu prazo, o comité seguía tendo sen resolver casos denunciados hai moito máis tempo que eses seis meses, mesmo descontando a paralización administrativa polo coronavirus. Este diario puido comprobar que así sucede cando menos cunha denuncia formulada a comezos de 2018 e outra de comezos de 2019 de dous casos en dúas provincias e departamentos distintos da Xunta que dous anos e un ano despois seguían sen estar resoltas. O propio Goberno galego, consultado ao respecto, así o admite, ao sinalar que se está “cumprindo, de forma xeral o prazo máximo de seis meses”, pero matizando a continuación que “en determinados asuntos debido á súa complexidade ou polo importante número de dilixencias que hai que realizar, en casos puntuais pode modularse ese prazo”.
Pero o atraso non se está a producir só nos prazos de resolución dos casos por mor desas “dilixencias” que argumenta a Xunta, senón mesmo na primeira toma de declaración da posible persoa acosada por parte do comité de intervención, con casos aos que tivo acceso este diario de máis dun ano entre a formulación da denuncia e a citación a comparecer para expoñer a situación. Isto é, non é só que haxa casos que non se resolvan nos seis meses establecidos senón que algúns non comezan a ser investigados ata máis dun ano despois de seren denunciados. E iso antes da paralización administrativa polo coronavirus.
Na citación que reciben para declarar, os denunciantes son advertidos de que "as persoas que interveñan no procedemento, incluída a declarante, teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade"
Ademais, a citación que as persoas denunciantes reciben para expoñer o seu caso ante o comité inclúen a advertencia directa e persoal de que non poden contar por outras vías o que lles sucede. No escrito co que son citadas para comparecer ante o comité en data e hora concreta se lles indica: “As persoas que interveñan no procedemento, incluída a declarante, teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade e reserva e non deben transmitir nin divulgar información sobre o contido das denuncias presentadas ou en proceso de investigación”.
A Xunta non responde á pregunta de que motivo técnico ou político recomendaría impedir á persoa que se sinte acosada que poida divulgar o seu caso
Preguntada por este diario, a Xunta asegura que sobre a confidencialidade “non se produciu ningún cambio no protocolo” e insiste, como xa facía hai un ano tras ampliarse os prazos do mesmo, en que o documento conta co apoio unánime dos sindicatos e que en todo caso “os prazos dependen dun órgano colexiado formado por sindicatos e administración e non é, por tanto, un órgano administrativo”. Nada explica a Xunta, malia ser preguntada expresamente, sobre que motivo técnico ou político recomendaría impedir á persoa que se sinte acosada que poida divulgar o seu caso.
Por outra banda, malia que a Xunta asegura que non hai cambios no protocolo a respecto da confidencialidade, a redacción ao respecto non é a mesma nese documento que nas citacións que reciben as persoas denunciantes. As citacións fan fincapé no “incluída a declarante”, referencia persoal que non figura no protocolo, que fala da confidencialidade ao referirse á actuación dos propios membros do comité, dicindo textualmente que “as persoas que interveñan no procedemento teñen a obriga de gardar unha estrita confidencialidade e reserva e non deben transmitir nin divulgar información sobre o contido das denuncias presentadas ou en proceso de investigación”, pero sen ningunha referencia ás persoas denunciantes como si aparece nas citacións.
Fontes sindicais amosan a súa incomodidade co funcionamento do comité contra o acoso e o xeito en que a Xunta responsabiliza aos sindicatos das súas eivas, pero asúmeno como un mal menor
Varias fontes sindicais consultadas por este diario amosan a súa incomodidade co funcionamento do comité contra o acoso e o xeito en que a Xunta responsabiliza aos sindicatos das súas eivas, pero asúmeno como un mal menor. Ningún dos oito membros do comité, nin os sindicais nin os designados pola Xunta, están liberados para ese traballo, que deben compatibilizar con outras funcións, o que, din as fontes sindicais, dificulta atopar momentos para atender aos denunciantes cando estes poidan comparecer ou reunirse entre eles para decidir sobre os casos. “Non hai horas para o acoso, é algo novo”, coinciden varias das persoas consultadas.
En decembro, tres anos despois de aprobarse o protocolo, a Xunta cuantificou en 38 as denuncias recibidas, das que 11 foron arquivadas, 10 seguían en investigación e das 17 restantes só en dúas se recomendaron medidas como posibles casos de acoso
Tras publicar este diario hai case un ano unha ampla reportaxe sobre as eivas da loita contra o acoso laboral na Xunta e o seu lento arranque, o BNG formulou unha pregunta parlamentaria respondida o 11 de decembro pola directora xeral de avaliación e reforma administrativa, Natalia Prieto. Daquela, indicou, o comité recibira 38 denuncias desde a súa creación en 2016, das 10 seguían en investigación e 28 xa estaban finalizadas. Delas, 11 foran arquivadas ou inadmitidas porque o persoal, como o da Xustiza, non entraba no ámbito do protocolo, mentres que dos 17 casos restantes só en dous deles se produciran recomendacións como posibles casos de acoso. Na súa comparecencia a directora xeral chegou a salientar a posibilidade que teñen as persoas que se senten acosadas de cambiar de posto de traballo.
“Sabíamos que nola estaban colando, pero interesábanos que saíse adiante”, di unha fonte dese comité a respecto da súa creación en 2016, argumentando que o importante era lanzar canto antes o dispositivo de loita aínda que despois se fose mellorando xa que, admiten varios consultados, en moitas ocasións o propio feito de que se denuncie un caso xa fai que o posible acosador modere a súa actuación. Nesa liña, unha representante sindical resta importancia á esixencia de confidencialidade que se dirixe expresamente ao denunciante: “As situacións e as denuncias coñécense nos centros de traballo nos que se producen”.
“Sexan ou non acosadas, esas persoas séntense acosadas”
Desde o comité sinálase ademais que aínda que emitan as súas resolucións no prazo previsto, estas deben ser xestionadas e comunicadas aos afectados polas secretarías xerais das consellerías correspondentes, “e algunhas non fan caso”. “O 85% dos casos son de Política Social”, sinala un membro do comité, poñendo o foco en postos laborais como os das residencias que nos últimos tempos viviron situacións complexas e nos que o teletraballo é imposible.
“Sexan ou non acosadas, esas persoas séntense acosadas”, salienta unha fonte sindical, que sinala que moitas delas están de baixa médica polas situacións que viven. Cos atrasos nas análises deses casos perde o presunto acosado e perde a administración que non pode contar con eses empregados, admiten os representantes sindicais.