Os mesmos feitos que a Audiencia de Lugo interpretou como delitivos son considerados agora polo alto tribunal como simplemente “unha situación laboral tensa, da que todos os implicados son responsables”
“Non pode deducirse máis que unha situación laboral tensa, da que todos os implicados son responsables”. Así vén de dar a volta o Tribunal Supremo á sentenza coa que hai ano e medio a Audiencia Provincial de Lugo condenaba a máis dun ano de cadea e nove de inhabilitación ao alcalde popular de Palas de Rei, Pablo Taboada, e o seu antecesor, Fernando Pensado, por prevaricación e acoso laboral contra unha ex-secretaria municipal, causa na que outros sete concelleiros e funcionarios recibiron penas inferiores.
A secretaria municipal, segundo os feitos probados que o Supremo só varía puntualmente, tomou posesión do cargo en decembro de 2007, momento a partir do cal os acusados dificultáronlle o acceso a documentación e desobedeceron as súas peticións, chegando a ser trasladada de despacho. Posteriormente, iniciaron contra ela un proceso sancionador. Porén, o Supremo interpreta eses feitos de xeito distinto ao como o fixera a Audiencia de Lugo e considera que carecen da entidade que require o tipo penal do acoso laboral, que esixe reiteración e gravidade en actos hostís e humillantes.
O tribunal considera que o vivido no Concello de Palas “non pode dicirse que constitúa esa situación de hostigamento e humillación que sinalan os xuíces [da Audiencia de Lugo] senón, ao sumo, unha situación de fricción laboral, que non pode dar lugar á comisión delitiva que se sanciona”. “Non pode identificarse desobediencia con acoso laboral”, conclúe.
O Supremo ampárase nun informe favorable da Xunta para desbotar tamén o delito de prevaricación que se atribuía aos condenados por iniciar un proceso sancionador contra a secretaria
O Supremo tamén desmonta o delito de prevaricación, atribuído aos condenados polo procedemento sancionador que abriron contra a secretaria. O tribunal di que a prevaricación esixe actuar “a sabendas” de que se está facendo mal, mentres que no caso de Palas os que impulsaron a sanción contra a secretaria fixérono contando cun informe avalando a súa actuación emitido polo daquela director xeral de Administración Local da Xunta, Norberto Uzal, que tamén estaba acusado por este caso pero que xa fora absolto pola Audiencia de Lugo. O Supremo di que ese informe do alto cargo do Goberno galego “despexaba calquera dúbida de ilegalidade” sobre a sanción que o alcalde e os concelleiros querían impoñer á secretaria.