A finais de 2007 o concello de Palas de Rei estaba gobernado por maioría absoluta polo PP con Fernando Pensado á fronte da alcaldía. Foi daquela cando se incorporou ao consistorio unha nova secretaria municipal e, "dende pouco tempo despois", comezaron as "friccións" entre esta traballadora e un grupo de funcionarios municipais que derivou en "desobediencia", primeiro, e nunha persecución práctica nas súas tarefas diarias, despois, ata abocala a unha baixa por depresión. Segundo a Audiencia Provincial de Lugo, lonxe de non seren coñecidas polo grupo de goberno, estas prácticas "probadas" foron consentidas e avaladas por Pensado e mais polo seu sucesor, o tamén popular Pablo Taboada, e por elas veñen de ser condenados ambos a penas de inhabilitación e cárcere.
Veto ao acceso a documentación, omisión de instrucións ou escritos formais advertindo de que ían ignorala foron "estratexia" habitual dun clima de "acoso, menosprezo" e "humillación" que, atendendo á sentenza, recruou a partir das eleccións municipais de 2011, nas que Pensado foi remudado por Taboada. "Un dos primeiros decretos" do novo rexedor, que mantivo o anterior como tenente da Alcaldía, foi para "acordar que a secretaria pasase a un despacho que non estaba directamente comunicado coas oficinas". Xusto antes ditara outro decreto para retirarlle a funcionaria de apoio e trasladala ás instalacións da biblioteca, "que aínda non estaba en funcionamento.
Foi con este pano de fondo co que a secretaria se decidiu a interpoñer unha querela pola situación que estaba a vivir e, sempre segundo a sentenza da Audiencia, foi tamén cando o actual alcalde palense comezou a manobrar para "conseguir" que a secretaria "abandonase o concello" mentres a advertía de que "non lle ía consentir o que lle consentía o anterior alcalde, que lle vai baixar os cartos, que está xerando desprestixio e que vaia apelidos e herdanza lles deixa aos fillos". Mentres, os tres funcionarios encausados tamén como autores do devandito acoso laboral "referíanse á secretaria" de xeito "reiterado" como "a mona, a burra, esa idiota" e o alcalde realizaba "prácticas" como pedirlle informes sen tempo material para elaboralos.
A sentenza describe unha "estratexia" de "acoso, menosprezo" e "humillación" contra a secretaria municipal
O colofón dos movementos para empurrar a secretaria municipal fóra do concello chegou en abril de 2013. Tras abrirlle unha trintena de expedientes por diversos motivos o goberno local propiciou a convocatoria dun pleno extraordinario coa "única finalidade" de "acordar a sanción de destitución da secretaria". Esta foi, segundo o tribunal, unha operación efectuada "a sabendas da ilegalidade de tal acordo", xa que "o pleno non é, en ningún caso, o órgano competente" para destituír a secretaria, que por ser unha funcionaria estatal só poder ser afastada do seu posto polo Ministerio de Administracións Públicas. A irregularidade, resalta a sentenza, foi advertida polo voceiro do PSdeG na corporación o propio pleno, Horacio Rouco, pero o rexedor ignorouno e todo o grupo do PP votou a decisión que implicou "saltar" a lei. Isto é, prevaricar, delito que é atribuído a todos os concelleiros que votaron a prol.
A Audiencia conclúe que o goberno local do PP votou no pleno do Concello a destitución da secretaria malia saber que era ilegal facelo
Todo este "conxunto" é, para a Audiencia lucense, a mostra "dunha actividade reiterada" dos dous políticos e os tres funcionarios para cuestionar, "insultar, controlar" e "dificultar" o traballo da secretaria e empurrala á baixa por depresión "como consecuencia de tal trato despectivo e desprezativo", aspecto que a Sala dá por confirmado apoiado en informes médicos. Por iso considera aos cinco culpables do delito de acoso laboral, que para o actual alcalde implica unha condena de quince meses de prisión aos que se engaden 9 anos de inhabilitación para ser alcalde, concelleiro ou calquera outro cargo electo local polo delito de prevaricación. No caso do ex-alcalde Pensado a inhabilitación fica en 8 anos e a pena de cadea, en doce meses. Os outros 4 edís son inhabilitados durante 7 anos.
O tribunal resolve a imposición de penas de entre 6 e 9 meses de inhabilitación para os funcionarios e, para todos os condenados de xeito "solidario", unha indemnización de 12.000 euros á secretaria municipal acosada. A Audiencia, pola contra, resolve a absolución de quen daquela era director xeral de Administración Local da Xunta, Norberto Uzal, cuxo departamento emitiu informes solicitados polo Concello para apoiar a destitución. Uzal "debeu adoptar unha posición máis activa" e advertir de que o pleno non tiña competencias para tomar tal decisión, di a sentenza, pero non cometeu un delito.
En virtude da vixente lei de partidos a condena a inhabilitación trae consigo a obriga de dimisión do alcalde, toda vez que os cargos públicos condenados por delitos contra a Administración teñen a obriga de deixaren os seus postos aínda que a sentenza non sexa firme. É un suposto semellante ao que atinxiu o pasado xuño ao alcalde do municipio ourensán de Vilariño de Conso, o tamén popular Ventura Sierra, que tras ser inhabilitado por enchufar 29 persoas no Concello tivo que formalizar este mesmo xoves a súa renuncia ante o pleno municipal.