0 Gardados para despois

O alcalde do PP de Vilariño de Conso, inhabilitado por enchufar 29 persoas no Concello

Redacción | @prazapublica

O veterano Ventura Sierra é, practicamente, sinónimo de alcalde de Vilariño de Conso. Dirixiu este pequeno concello ourensán de menos de 1.000 habitantes baixo as siglas do PSdeG dende 1979, pero a mediados dos 90 decidiu pasarse ao PP. O cambio de siglas custoulle o bastón de mando, pero un tránsfuga devolveullo en 1996 e con el permaneceu ata as eleccións de 2007, cando un pacto entre socialistas e BNG o desbancou. No entanto, a mediados daquel mandato as discrepancias entre os socios de goberno e, de novo, a ruptura da disciplina dun edil da esquerda -aquela vez do Bloque- devolvéronlle un poder que revalidou nas urnas en 2011 e mais en 2015, o mesmo que agora semella estar a piques de perder por mor dunha condena a sete anos de inhabilitación.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense vén de emitir a sentenza sobre un procedemento que ten a súa orixe nunha denuncia ante a Fiscalía formulada polo PSdeG local e mais polo grupo independente AIVIC, que consideraban constitutivas de delito 29 contratacións no Concello que, aseguraban, Sierra realizara "a dedo" entre os anos 2012 e 2013. O Ministerio público asumiu a denuncia e, despois de todo o procedemento, a Audiencia dá por "probado" que, efectivamente, o alcalde efectuou eses contratos "sen seguir un procedemento lexítimo", xa que "elixía á súa libre vontade as persoas que quería contratar" sen atender "aos principios de igualdade, mérito e capacidade" e sen sequera "dar publicidade ás ofertas de traballo.

O tribunal dá por certificado que Sierra contratou 29 persoas irregularmente, pero absólveo da acusación de falsidade documental que mantiña a Fiscalía

"O acusado -indica a sentenza, ditada este venres- realizou as contratacións sabendo que non podía facelo deste xeito", xa que "foi advertido pola secretaria do Concello" a través dos correspondentes reparos, "que el mesmo ergueu". Así a propia sentenza debulla que os postos de traballo asignados polo alcalde, a maioría de escasa duración, foron para labores como auxiliar do punto á atención á infancia, peón forestal, socorrista, oficial de primeira, condutor de motobomba o u auxiliar de axuda no fogar.

A lei de partidos obriga a deixar o posto de inmediato aos cargos públicos condenados por delitos contra a Administración aínda que a sentenza non sexa firme

As testemuñas recabadas durante o proceso, indica a sentenza, deixan claro que Sierra "decidía a quen se contrataba, non existindo constancia de ningún procedemento de selección nin publicidade previa" e, cando manexaba listas proporcionadas polo Servizo Público de Emprego, determinaba o outorgamento do contrato sen "ningún procedemento de selección". Estas e outras probas levan o tribunal a determinar que o alcalde de Vilariño tomou decisións inxustas e contrarias á legalidade no exercicio do seu cargo sabendo que o estaba a facer, polo que dá por boa a acusación de prevaricación que mantiñan contra el a Fiscalía e a acusación popular. Desbota, no entanto, o delito de falsidade en documento oficial -formularios da oficina de emprego- que observaba a Fiscalía, polo que o Ministerio Público pedía ata 5 anos de prisión para o rexedor.

Neste contexto, o tribunal determina que Ventura Sierra debe ser condenado a sete anos de inhabilitación especial para emprego ou cargo público e para "calquera cargo ou posto que sexa froito de eleccións" en calquera ámbito. Aínda que cabe recurso contra esta sentenza ante o Tribunal Supremo, a actual redacción da lei de partidos políticos complica a permanencia de Sierra na alcaldía. Como xa sucedera cos edís do PP de Santiago condenados en 2011, o feito de que esta norma estatal obrigue á saída inmediata dos seus postos aos cargos públicos condenados por delitos contra a Administración aínda que a sentenza "non sexa firme", obriga, a priori, a que deixe xa a Alcaldía.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.