O Goberno galego ampliou dun mes a medio ano o prazo que se dá para actuar tras unha denuncia en aplicación dun protocolo contra o acoso que non protexe a todos os traballadores dependentes da administración autonómica
Hai anos que a lexislación laboral e penal vén reforzándose contra o acoso laboral e empresas e administracións de todo tipo veñen implantando medidas de control interno para evitar ou depurar os posibles casos que se dean nelas. Porén, reiteradas denuncias evidencian que a actuación da Xunta ante eses posibles casos é lenta ou inexistente, abocando aos afectados a un longo proceso de reclamacións administrativas e xudiciais. O propio protocolo de loita contra o acoso na Administración autonómica impulsado polo Goberno galego en 2016 vén de ampliar dun mes a seis meses o prazo que poden durar as investigacións deses posibles casos, período para o que non se contemplan medidas cautelares que melloren a situación das posibles vítimas. O protocolo, por outra banda, non se aplica a todos os empregados que dependen da Administración galega.
A Xunta xustifica que o cambio do protocolo foi solicitado e aprobado por unanimidade dos catro sindicatos (CIG, CCOO, UGT e CSIF) e que “obedece a dispoñer de tempo necesario para facer investigacións completas e en condicións, xa que o prazo era moi escaso”.
Os casos de dous empregados públicos galegos que contactaron nos últimos meses con este medio poden servir como exemplo da lentitude da loita contra o acoso laboral por parte de Xunta. Os dous, que prefiren gardar o anonimato dos seus nomes pero aos que non lles importa que se coñezan detalles dos seus postos de traballo, contan con informes médicos que relacionan as súas reiteradas baixas sanitarias co “estrés laboral” ou o “ambiente laboral” e levan anos acumulando probas para intentar demostrar que o que sofren é acoso laboral. Pero o seu empregador, a Xunta, non ten présa en pescudar se iso é así ou non, ou cando menos en volver contar con eses empregados ao cen por cen da súa produtividade.
Un funcionario de Lugo presentou unha denuncia cando o protocolo contemplaba un mes para investigar os casos e cinco meses despois segue sen ter resposta
Un dos afectados, funcionario público nunha oficina en Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con tarefas en parte de xestión interna e en parte de atención á cidadanía, relata como a súa inmediata xefa superior leva tres anos obstaculizando o seu traballo e os seus descansos con requisitos que non pide a outros compañeiros, desatendendo queixas por malas condicións do posto de traballo ou demorando a concesión dos días libres ou vacacións a que ten dereito. Cando volve deses descansos di atopar que na súa ausencia o seu posto non foi cuberto, polo que acumula expedientes sen resolver que acaban afectando á cidadanía. De baixa desde hai case un ano, o pasado febreiro decidiuse a denunciar a súa situación ante o comité de intervención creado polo protocolo de loita contra o acoso laboral da Xunta.
O denominado Protocolo para a prevención, a detección, a actuación e a resolución de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ten un título tan longo como longa é a súa introdución, na que lembra toda a lexislación e recomendacións internacionais de loita contra o acoso laboral. O protocolo foi impulsado pola Xunta en 2016, pero este ano vén de ser modificado. Onde antes daba 30 días para investigar os posibles acosos laborais, agora o prazo pasou a ser de seis meses. Porén, no caso do funcionario lucense a súa denuncia presentouse cando supostamente o prazo aínda era dun mes, pero non foi ata a pasada semana, cinco meses despois, que lle comunicaron que fora admitida a trámite. Aínda agora inciarase a investigación.
O novo texto ampliou o prazo de investigación tanto para as denuncias que se presentan ante os sindicatos como para as que se formulan directamente ante o propio Goberno galego
As denuncias ao amparo do protocolo contra o acoso da Xunta poden formularse ante a secretaría xeral de cada consellería ou ante un comité de intervención composto por oito membros, catro a proposta do Goberno galego e catro representantes sindicais. Dous destes últimos admiten a este diario que a modificación este ano do protocolo que se aprobara en 2016 contou coa aprobación sindical, pero xustifícano na incapacidade material de atender os casos que teñen sobre a mesa, unha vintena na actualidade, en só un mes desde que reciben as denuncias, polo que piden máis recursos á Xunta. A cambio, din, lograron que a Xunta lles ofreza mellor formación na materia da que recibiran inicialmente. Pero o novo texto tamén ampliou o prazo dun a seis meses para os casos que se denuncien directamente ante a propia Xunta e non ante ese comité cos sindicatos. O protocolo tamén permite agora, a diferencia da versión de 2016, que os membros do comité poidan acceder aos centros de traballo implicados, poidan emitir votos particulares ou que a Xunta teña que elaborar unha memoria anual sobre o seu funcionamento.
“En xeral hai pouco persoal na administración con formación e preparación para a prevención de riscos, e os sindicatos non damos para máis”, di unha representante dos traballadores
“En xeral hai pouco persoal na administración con formación e preparación para a prevención de riscos, e os sindicatos non damos para máis”, di un dos membros do comité consultado, que admite que para os denunciantes a situación pode ser desesperante e abocalos á vía xudicial ante a ausencia de medidas cautelares na vía administrativa, como o cambio temporal de posto mentres non se investiga o caso. Hai que respectar a presunción de inocencia do presunto acosador, e pode que o caso realmente non sexa de acoso laboral, pero os certificados médicos evidencian que os denunciantes así o viven e que a permanencia neses postos acaba desembocando en ausencias prolongadas do mesmo por baixas. Perde o presunto acosado e perde a administración que non pode contar cun dos seus empregados, admiten os representantes sindicais.
“Ti tes que desaparecer. Vives mellor, pero é artificial. Quero traballar, pero sei que se volvo e está alí a acosadora, volveremos discutir”, di un denunciante de acoso laboral
“Ti tes que desaparecer. Vives mellor, pero é artificial. Quero traballar, pero sei que se volvo e está alí a acosadora, volveremos discutir”, resume o denunciante, que sospeita que, como no seu, en moitos destes casos “os implicados son cargos de libre disposición, nomeados por intereses políticos, que primeiro tratan de agochar o que ocorre e despois protéxense entre eles”.
O protocolo non ampara ao persoal da Xustiza ou subcontratas
O protocolo de loita contra o acoso laboral da Xunta é lento, din afectados e sindicatos, e nin sequera ampara a todos os traballadores dependentes do Goberno galego. O propio texto di que é de aplicación ao persoal da administración xeral e dos entes paralelos, o que deixa fóra empregados que traballan tamén para a Xunta en instalacións da propia administración autonómica a través de asistencias externas (os seus empregadores son subcontratas alleas á administración, pero en moitos casos o persoal traballa ás ordes ou en compaña de funcionarios públicos) e mesmo en ramas específicas da administración con organización laboral independente.
O Goberno galego salienta que o ámbito de aplicación do protocolo tras a súa recente modificación é o mesmo que antes e que non pode actuar no caso de empregados das súas asistencias técnicas externas. “E en ámbitos sectoriais como a xustiza, deben promovelo nas mesas sectoriais específicas (xustiza, educación e sanidade)”, di a Xunta.
“Como non hai protocolo na vía administrativa, obrígante a ir ao xulgado, pero despois ningún órgano xudicial di ser competente. E ademais búscate un avogado que se queira enfrontar a un xuíz ou un secretario xudicial que estea acosando...”, di unha denunciante de acoso na Administración de Xustiza
No eido da Administración de Xustiza, unha funcionaria dun xulgado galego leva anos preiteando xudicialmente polo acoso laboral que di ter sufrido. O propio Goberno galego admitiulle, nun escrito asinado polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, que malia existir desde 2016 o protocolo contra o acoso laboral na Xunta, non hai un protocolo para o ámbito da Administración de Xustiza en Galicia. A Xunta, lamenta esta traballadora, tamén demorou a entrega de informes e documentos que precisaba para as causas xudiciais que abriu para intentar defender os seus dereitos.
Na vía penal viu como o seu caso era arquivado, pero como un médico certifica as orixes laborais da súa doenza, considera que a administración, a súa empregadora, debe protexela deses riscos. Porén, as vías xudiciais contencioso-administrativa e social declaráronse xa non competentes. “Como non hai protocolo na vía administrativa, obrígante a ir ao xulgado, pero despois ningún órgano xudicial di ser competente. E ademais búscate un avogado que se queira enfrontar a un xuíz ou un secretario xudicial que estea acosando...”, resume a afectada.
Varios anos despois de iniciar o seu periplo, agora vén de elevar o seu caso á Comisión Europea por posible incumprimento de España á hora de aplicar a normativa comunitaria de protección contra o acoso laboral. Mentres, durante todo este proceso “a acosadora acabou marchando e agora non hai ningún problema”, di a funcionaria, que agradece que os novos responsables da súa área de traballo lle pedisen que lles trasladase calquera problema que tivese.
“Nalgúns casos o acoso para só con que o acosador saiba que se está a investigar”, din desde os sindicatos. Porén, esa investigación non sempre é tan rápida como para supoñer unha ameaza.