Nos últimos días de xaneiro o Tribunal Supremo confirmou a multa de 20.000 euros imposta pola Inspección de Traballo a Termocalor, compañía viguesa de calefacción e climatización, polo acoso laboral ao que foi sometida unha traballadora despois de anunciar que estaba embarazada. Patricia Estévez ve así recoñecidas as súas denuncias, nunha sentenza que pon fin a case unha década de loita.
En Termocalor os homes eran felicitados pola súa paternidade "e mesmo recibían agasallos". Ela sufriu acoso
Cando un traballador ou unha traballadora de Termocalor anunciaba que ía ter un fillo ou filla, a reacción da empresa era moi distinta. Os homes eran felicitados pola súa paternidade "e mesmo recibían agasallos", destaca Patricia Estévez. En cambio, cando ela (única muller en idade fértil na empresa) comunicou que estaba embarazada, o primeiro que lle dixo o seu xefe foi “ben, ti coñeces as túas responsabilidades e eu as miñas".
Era o ano 2008 e aí iniciouse un proceso de acoso laboral progresivo que tivo como consecuencia que ao regresar da baixa por maternidade, o seu posto fora ocupado polo traballador que a substituíra (que ela mesma tivera que formar) e ela foi enviada a outra localización, totalmente illada dos seus compañeiros e con material obsoleto. Ademais, foille vedado o acceso ao baño de mulleres e sufriu unha serie de desprezos verbais.
A situación agravouse co segundo embarazo da traballadora, dous anos máis tarde, cambiando o seu horario e obrigándoa a facer as cinco horas de redución en xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde). “Para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”, explica. Finalmente, o empresario propúxolle que marchara da empresa, pero non quería pagar indemnización e pretendía que ela mesma renunciara ao seu posto.
Porén, Patricia Estévez nin renunciou nin calou, senón que denunciou a súa situación a través da CIG e na Inspección de Traballo. A avogada do sindicato que levou o caso, Patricia Mariño, destaca a valentía e a capacidade de resistencia da traballadora, clave para a resolución final do seu caso: "Son moitas as traballadoras que sofren acoso laboral cando quedan embarazadas. O caso de Patri coñécese publicamente porque ela se atreveu a contalo e porque aguantou durante anos unha gran presión. Pero casos coma o seu hai moitísimos e a maior parte non se contan".
"O caso de Patri coñécese publicamente porque ela se atreveu a contalo e porque aguantou durante anos unha gran presión. Pero casos coma o seu hai moitísimos e a maior parte non se contan"
"Recibimos moitos casos de mulleres que nesa mesma situación, optan por pedir a conta a marchar, teñen moito medo de enfrontar ese conflito estando embarazadas", explica a avogada, que subliña que o problema de base "é que se asume que é incompatible o embarazo cun traballo remunerado. Esa é unha idea que teñen tanto as traballadoras afectadas coma os seus xefes e xefas, que directamente parten da idea de que unha muller embarazada non é rendíbel". "Para o capitalismo, unha muller embarazada non é rendíbel en termos económicos", resume.
Mariño tamén pon o foco nas eivas que na actualidade existen en Inspección de Traballo, que dificultan castigar este tipo de comportamentos: "Nese momento, cando xurdiu o tema de Patri, Inspección de Traballo tiña unha sección específica que trataba estas cuestións, relacionadas con cuestións de acoso laboral. E retirouse, xa non está en funcionamento".
"Hai moito machismo e misoxinia. E, en xeral, nas empresas o tema da conciliación non o levan moi ben. Ás veces priorízanse as cuestións organizativas sobre o dereito das traballadoras e traballadores, sen ter en conta que as reducións de xornada implican tamén redución salarial, polo que podería cubrir o posto con outra contratación a tempo parcial", explica Patricia Mariño.
"Se non garantimos que unha muller embarazada vai ter un traballo estable, non podemos falar do futuro das pensións ou da natalidade. O meu traballo non é parir futuros pagadores de pensión"
A avogada da CIG salienta a oportunidade que supón a vindeira folga xeral de mulleres do 8 de marzo: "É un bo momento para saír á rúa a denunciar estas cuestións" e pon en relación este caso coas apelacións lanzadas dende as institucións para que as mulleres teñan fillos, aumente a natalidade ou se aseguren as pensións do futuro, en ocasións mesmo mesturando estes temas co dereito ao aborto, como fixo o líder do PP, Pablo Casado. "É moi grave que un señor coas responsabilidades que ten Casado diga que as mulleres temos que poñernos a parir para solucionar o problema das pensións ou que a baixa natalidade se soluciona eliminando o dereito ao aborto", di Patricia Mariño, que engade que "Se non garantimos que unha muller embarazada vai ter un traballo estable, non podemos falar do futuro das pensións, da natalidade nin de nada". "O meu traballo non é parir futuros pagadores de pensión", conclúe.
"O éxito de Patri é moi importante para que outras mulleres co mesmo problema se poidan ver reflectidas"
A avogada subliña finalmente a importancia de que o conseguido por Patricia Estévez se coñeza, que sirva de exemplo: "A cuestión central é esa idea de que un embarazo e un emprego son incompatibles, saber que as mulleres imos ter problemas cando enfoquemos esa cuestión, que imos sufrir a perda dos nosos empregos. Pois Patri loitou e gañou, mantivo o seu posto de traballo". "O éxito de Patri é moi importante para que outras mulleres co mesmo problema se poidan ver reflectidas e vexan que hai solución", remata.