"Asinou o contrato un día e botárona ao seguinte por estar embarazada"

Hospital Xeral de Vigo © Sergas

"Asinou o contrato o último día de xuño e botárona o primeiro de xullo, sen nin tan sequera empezar a traballar". Así lle ocorreu a unha muller celadora do Hospital Xeral de Vigo, que foi vetada para un emprego ao que accedera a través das listas de contratación do Sergas por estar embarazada de sete meses. Ese é o motivo ao que aludiron na dirección do centro e que foi ratificado pola dirección xeral de recursos humanos do Sergas.

"Asinou o contrato o último día de xuño e botárona o primeiro de xullo, sen nin tan sequera empezar a traballar"

Así o relata Araceli Loureiro, secretaria xeral de CCOO Sanidade de Vigo, que foi quen asesorou a muller no seu conflito coa dirección do hospital, unha celadora que, "frustrada" segundo a sindicalista, decidiu non emprender accións legais. Non obstante, A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto e os sindicatos CCOO, CIG-Saúde e UGT chaman á cidadanía e ao persoal do Sergas a unha concentración este mércores 20 ás 11 diante da porta de Urxencias do centro. Baixo o lema En contra da discriminación laboral das embarazadas, os convocantes queren "denunciar enerxicamente" o que consideran un "feito moi grave".

Porque a muller en momento ningún puxo reparos ao seu traballo, nin tan sequera solicitou non levar a cabo algunhas funcións. "Ela advertiu que estaba embarazada en canto a avisaron de que tiña que ir asinar o contrato, pero o único que lle preguntaron é se quería traballar e respondeu que si", aclara Loureiro. Asinou o último día de xuño e o 1 de xullo incorporouse ao seu posto, pero o xefe de persoal subalterno do Hospital Xeral díxolle que "había un problema" pola súa situación e remitiuna a Mediciña do Traballo. Prohibíuselle exercer o seu labor ata que se emitise un informe que chegou a media mañá para lle comunicar que "non era apta" e para comunicarlle que podía marchar para a casa.

A dirección do Hospital Xeral, así como o Segas, argumentaron no embarazo o veto á traballadora

A muller decidiu agardar a que lle comunicasen oficialmente o seu cesamento a través dunha carta que tamén acabou chegando. CCOO pediu explicacións á dirección de recursos económicos e de recursos humanos do Chuvi e incluso á dirección xeral de recursos humanos do Sergas. A explicación de todos eles foi que o veto á celadora baseábase na "protección á maternidade" e que iso era o que a imposibilitaba para traballar.

"Ela nunca puxo problema ningún, ningún impedimento; e se os puxese, a alternativa era adecuala a un posto máis axeitado para ela onde, por exemplo, non puidese coller pesos, pero nada diso pasou", explica Loureiro, que asegura que "non hai escusa ningunha" para un veto que atribúe ao "veto desta nova dirección do Hospital Xeral, coa que xa houbo outros conflitos".

O protocolo a seguir, segundo aclaran os sindicatos, é obvio: acollerse á lei de prevención de riscos e saúde laboral, que para nada impediría o traballo da muller afectada. "Tan só se escudan no do embarazo; é unha ousadía máis destes dirixentes autoritarios", asegura.

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, CCOO, CIG e UGT chaman á cidadanía a unha concentración este mércores 20 ás 11

"Estar embarazada non é estar enferma; tense todo o dereito a un posto de traballo porque o contrario é cometer un acto de discriminación laboral e sexista, vulnerando un dereito fundamental", insisten nun comunicado as organizacións convocantes da protesta de mañá, tras criticar que "os que gobernan a economía" pretendan tamén "gobernar as nosas vidas". "Decidiron que o modelo de igualdade de mulleres e homes, o da independencia e da autonomía das mulleres non é rendible para os seus intereses, polo que pretenden impor un modelo tradicional, no que as mulleres asuman o rol familiar", insisten, tras criticar que o PP, tanto no Estado como en Galicia, siga este ronsel "con cada norma, cada recorte e cada reforma".

 

Cartel da convocatoria Dominio Público Praza Pública
Hospital Xeral de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.