A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto e os sindicatos CCOO, CIG-Saúde e UGT chaman á cidadanía e ao persoal do Sergas a unha concentración o vindeiro mércores 20 ás 11 diante da porta de Urxencias do Hospital Xeral de Vigo. Baixo o lema En contra da discriminación laboral das embarazadas, os convocantes queren "denunciar enerxicamente" o que consideran un "feito moi grave". Segundo denuncian, a xerencia do centro negoulle a unha muller o dereito a un posto de traballo "por estar embarazada" algo que, tal e como sinalan, "sentaría un precedente gravísimo en recortes de dereitos das mulleres e de dereito ao traballo". "Non estamos dispostos a toleralo", aseguran.
Os sindicatos denuncian que un informe desaconsellou a contratación da muller pola súa situación de embarazo
Así, e segundo explican as organizacións denunciantes, o Hospital Xeral -e logo dun informe non apto da Unidade de Prevención de Riscos Laborais- non deixou asinar o seu contrato a unha traballadora embarazada. O argumento é un informe de saúde e da protección da maternidade da traballadora, "como se a situación de embarazo fose unha enfermidade e imposibilitase a prestación de servizos na súa categoría profesional", segundo denuncia CCOO.
O procedemento, tal e como explican as diferentes organizacións, debería ter consistido en "adecuarlle o posto de traballo ou facilitarlle a baixa por maternidade". "Trátase de protexela e non de mandala para a casa negándolle o dereito a un emprego", explican, preguntándose "que contraposición ten o dereito á maternidade co dereito ao emprego digno".
"Deberían adecuarlle o posto de traballo ou facilitarlle a baixa por maternidade"
"Estar embarazada non é estar enferma; tense todo o dereito a un posto de traballo porque o contrario é cometer un acto de discriminación laboral e sexista, vulnerando un dereito fundamental", insisten, tras criticar que "os que gobernan a economía" pretendan tamén "gobernar as nosas vidas". "Decidiron que o modelo de igualdade de mulleres e homes, o da independencia e da autonomía das mulleres non é rendible para os seus intereses, polo que pretenden impor un modelo tradicional, no que as mulleres asuman o rol familiar", insisten, tras criticar que o PP, tanto no Estado como en Galicia, siga este ronsel "con cada norma, cada recorte e cada reforma".
Ademais, CCOO lembra que xa fixo dúas denuncias pola discriminación sufrida por unha muller celadora que, logo de ter asinado o seu contrato de traballo, e na mesma mañá do inicio da relación laboral, foi cesada "polo feito de estar embarazada".