O feminismo galego non é alleo á vaga reaccionaria internacional e así o volveu amosar este 25 de novembro. As mobilizacións que culminaron as diversas iniciativas no día dedicado ao rexeitamento da violencia machista, os movementos feministas e as diversas organizacións que os apoian amosáronse combativos e en alerta nunha vintena de vilas e cidades.
Unha vintena de vilas e cidades acolleron manifestacións contra a violencia machista
As principais cidades acolleron as mobilizacións máis masivas, con Vigo á fronte. Nelas ecoou con forza o manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, enfocado neste 2025 no rexeitamento á "violencia institucional". Isto é, en denunciar que "axentes ou membros de organismos públicos levan a cabo de xeito inadecuado as súas funcións e non proporcionan nin a información nin os servizos de forma adecuada provocando un trato inxusto e incorrendo en situacións de abuso de poder".
"Sabemos que a violencia institucional constitúe o carácter estructural da violencia machista, permeando a cada ámbito da vida e impedindo a conquista dos nosos dereitos", agregou o manifesto. Ámbitos coma o xudicial, o médico ou o económico son algúns dos sinalados nestas reivindicacións, tamén escoitadas nas rúas este mércores.
Canda estes chamamentos, outros coma o sinalado pola Plataforma Feminista de Lugo. A súa mobilización, baixo o lema Nin fronteiras nin portas pechadas, ampliou o foco do 25N ás mulleres migrantes, entre outros aspectos. En todo caso, como todas as organizacións que berraron na rúa este 24 de novembro, para advertir de que a violencia machista non é unha cuestión privada, senón política.
Manifestacións 25N 2025
-
Manifestación deste 25N de 2025 en Lugo -
Manifestación deste 25N de 2025 na Coruña -
Manifestación deste 25N de 2025 en Ourense -
Manifestación deste 25N de 2025 en Santiago -
Manifestación deste 25N de 2025 en Vigo
Os principais sindicatos e formacións políticas da esquerda secundaron tamén estas manifestacións. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, uniuse á mobilización en Santiago. José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, manifestouse na Coruña