Sabela Losada recolle no documental O próximo baile será contigo "a importancia do apoio mutuo entre mulleres" fronte á violencia de xénero e denuncia "a falta de apoio social e institucional ás vítimas"
No ano 2022 conformouse un grupo de apoio mutuo entre mulleres que enfrontan violencias machistas co obxectivo de compartir experiencias e debates, pero tamén "tristura e gargalladas". Tratábase dun grupo "pioneiro, horizontal e non dirixido" creado por mulleres de diversas idades, capacidades, orixes e situacións económicas e migratorias. Pasado o tempo o grupo decidiu volver xuntarse en lembranza da compañeira máis nova, que falecera o ano anterior, sen imaxinar que a morte ía golpealas novamente.
Sabela Losada Cortizas recolle esta experiencia nun documental, O próximo baile será contigo, que amosa en primeira persoa "a importancia do apoio mutuo entre mulleres" fronte á violencia de xénero e denuncia "a falta de apoio social e institucional ás vítimas".
Este xoves a Casa Xohana Torres, en Santiago, acolle a preestrea do documental no marco da programación do 25 de novembro
Este xoves 20 de novembro a Casa Xohana Torres de Santiago de Compostela (espazo municipal de encontro, debate e reflexión feminista) acolle a preestrea do documental no marco da programación do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
No acto participarán a Deputada de Igualdade da Deputación da Coruña Soledad Agra e a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín. Ao rematar o filme haberá un coloquio coa directora Sabela Losada Cortizas e varias protagonistas. O filme presentarase ademais o 25 de novembro no Auditorio de Rianxo e o 10 de decembro na AC Alexandre Bóveda da Coruña.
O filme "ofrece o privilexio de ollar, desde dentro e en primeira persoa, a realidade das violencias machistas dunha maneira nunca vista no noso país: sen que outras persoas 'expertas' falen no nome das vítimas ou se reproduzan estereotipos de xénero", destaca a directora
Sabela Losada, técnica de igualdade municipal e politóloga mestrada en intervención en violencia de xénero, explica que o documental "ofrece o privilexio de ollar, desde dentro e en primeira persoa, a realidade das violencias machistas dunha maneira nunca vista no noso país: sen que outras persoas 'expertas' falen no nome das vítimas ou se reproduzan estereotipos de xénero".
"A través das voces das protagonistas podemos comprobar o gran descoñecemento que como sociedade temos sobre o que significa convivir coa violencia e sobre os múltiples atrancos sociais e institucionais que dificultan o camiño á liberdade das mulleres que deciden saír da relación co seu agresor”, sinala.
"A través das voces das protagonistas podemos comprobar o gran descoñecemento que como sociedade temos sobre o que significa convivir coa violencia e sobre os múltiples atrancos sociais e institucionais que dificultan o camiño á liberdade das mulleres que deciden saír da relación co seu agresor”, di
A directora salienta igualmente que o documental é “un recurso moi potente para a prevención e detección das violencias. Sabemos que o que realmente funciona na sensibilización é escoitar directamente as voces das mulleres que a viviron, pero iso pode ser moi esgotador emocionalmente para elas, por iso, decidimos recollelas neste audiovisual dispoñible de balde”.
Sabela Losada considera que os grupos de apoio mutuo son "unha ferramenta política feminista fundamental para a autonomía das mulleres e a reparación das violencias". A directora fai parte desde os anos 90 do movemento feminista e investiga sobre as violencias machistas de maneira independente e multidisciplinar con proxectos pioneiros como Gineanarquia ou o Observatorio sobre violencias machistas na maternidad.
Sabela Losada considera que os grupos de apoio mutuo son "unha ferramenta política feminista fundamental para a autonomía das mulleres e a reparación das violencias"
O proxecto audiovisual recibiu o Premio Luísa Villalta 2024 da Deputación da Coruña para proxectos culturais pola igualdade polo seu carácter “innovador de acción-creación-investigación, que traballa sobre o apoio mutuo de vítimas de violencia machista a través dunha rede de testemuños de mulleres en contextos de violencia de xénero e denuncia a falta de apoio social e institucional ás vítimas”, destacando ademais o seu “gran impacto social e territorial, en coordinación co tecido asociativo e empresarial, e a súa transferibilidade”.
Na entrega dos premios Luísa Villalta de 2024, Soledad Agra explicou que a Deputación da Coruña con este premio quere “apoiar proxectos de sensibilización, transformación e divulgación que poñen en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres”.