Non calarás! é un proxecto de divulgación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que busca "facer memoria das loitas esquecidas protagonizadas por mulleres". Consta de varias iniciativas, entre as que destaca unha exposición pública e un roteiro que percorrerá as rúas da Coruña o 8 de marzo
Non calarás! é un proxecto de divulgación da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda que busca "facer memoria das loitas esquecidas protagonizadas por mulleres" en Galicia e visibilizar persoas e colectivos que no pasado pelexaron polos seus dereitos e por unha sociedade máis xusta e igualitaria. Cigarreiras, lavandeiras, labregas... "Queremos devolverlles a voz ás mulleres que loitaron, traballaron e marcaron o camiño cara a unha sociedade máis xusta. Mulleres valentes que a historia silenciou, pero que nós reivindicamos con orgullo. Porque sen elas, o relato está incompleto, e nós temos moito que contar", destaca a entidade coruñesa.
O proxecto consta de varias iniciativas, entre as que destaca unha publicación de 60 páxinas que recolle estas loitas, tamén unha exposición no espazo público, que se inaugurará na Mariña da Coruña o xoves 6 de marzo ás 12 horas e tamén dun roteiro que percorrerá as rúas da cidade o 8 de marzo, Día da Muller Traballadora.
"Queremos devolverlles a voz ás mulleres que loitaron, traballaron e marcaron o camiño cara a unha sociedade máis xusta. Mulleres valentes que a historia silenciou, pero que nós reivindicamos con orgullo. Porque sen elas, o relato está incompleto, e nós temos moito que contar"
"É un proxecto de investigación e de produción de contidos para pór en valor o papel histórico no movemento obreiro e asociativo e nas reivindicacións de melloras sociais e laborais realizados polas mulleres amosando as distintas redes de apoio creadas polas traballadoras ao longo do século XX que dan conta un forte movemento de empoderamento das mulleres como motor de loita social", destacan dende a A.C. Alexandre Bóveda
O proxecto recibiu o pasado ano o Premio Luísa Villalta para proxectos culturais pola igualdade que concede a Deputación da Coruña, que recoñeceu a súa "perspectiva feminista" e o feito de ser "inspirador para outras vilas e cidades do territorio".
A exposición inaugurarase na Mariña da Coruña o xoves 6 ás 12 horas. Son doce historias de colectivos de mulleres "que se comprometeron coa causa da xustiza, coa causa da liberdade, cos ideais de progreso e igualdade"
A exposición está composta por unha serie de paneis que fan memoria sobre: As revoltas das mulleres, as lavandeiras, as chambonas, as costureiras, as vendedoras de peixe, as irmandiñas, as mandadeiras, El Progreso Femenino (sociedade fundada na Coruña en 1910 que agrupaba as mulleres que carrexaban, cargaban e descargaban con paxes e cestos polo porto), as cigarreiras, as labregas, Hijas de Galicia (sociedade mutual fundada enb Cuba en 1917) e as cantareiras, a quen se homenaxea de xeito especial neste 2025 que protagonizan o Día das Letras.
En total, doce historias de colectivos de mulleres "que se comprometeron coa causa da xustiza, coa causa da liberdade, cos ideais de progreso e igualdade, mulleres que converteron a reivindicación dos ideais e dos dereitos laborais e sociais nun dos motores da súa vida", sinala a entidade, que destaca que "festexamos ser herdeiras dunhas mulleres que nunca quedaron caladas".
O roteiro
O roteiro Non Calarás! partirá as 12 da Praza de Pontevedra e será conducido por Carmela Galego, Mª Xosé Bravo, Isabel Risco e Patri Angulo
O libro e a exposicións complétanse este sábado 8 de marzo co roteiro Non Calarás!, que partirá as 12 do mediodía da Praza de Pontevedra e será conducido por Carmela Galego, Mª Xosé Bravo, Isabel Risco e Patri Angulo. Haberá música co Grupo de Gaiteiras Non fagas ruído e a pandereteira e cantareira Icía Varela e teatro da man de Noite Bohemia. A duración estimada é de 100 minutos e non fai falta inscribirse.
O roteiro partirá das Escolas da Garda porque aquí estivo o lavadoiro do Caramanchón que perviviría ata que en 1896 se derribou e se proxectou erguer no seu lugar o edificio do colexio. Continuará pola Praza de Santa Catalina e Santo André, no local da Agrupación Republicana Femenina, onde se homenaxerá as Irmandiñas, coa intervención de Cristina Villar, vicerreitora de Igualdade da UDC.
Falarase das mulleres nas fábricas: tecedeiras, cigarreiras, misteiras.. coa intervención dunha cigarreira, Lolecha Rodríguez Morás. Tamén dos traballos do porto: peixeiras, cargadoras, mandadeiras…, coa intervención de Teresa Ramiro, mariscadora
Na rúa Mantelería falarase das mulleres nas fábricas: tecedeiras, cigarreiras, misteiras.. coa intervención dunha cigarreira, Lolecha Rodríguez Morás. Despois, no Obelisco falarase dos traballos do porto: peixeiras, cargadoras, mandadeiras…, coa intervención de Teresa Ramiro, mariscadora.
A seguir, na Traseira do Teatro Rosalía tratarase a revolta das mulleres de 1918 cunha peza de Noite bohemia e a intervención de Isabel Risco. Finalmente, na praza dos ovos, as protagonistas serán as labregas, coa intervención de Isabel Villalba, secretaria xeral do SLG.
A Coruña das Mulleres
Dende hai cinco anos a A.C, Alexandre Bóveda mantén o proxecto A Coruña das Mulleres
Dende hai cinco anos a A.C, Alexandre Bóveda mantén o proxecto A Coruña das Mulleres, unha web que busca construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a memoria feminina da cidade da Coruña, e que conta co apoio da Deputación e do Concello. Na páxina fálase de distintos colectivos: cigarreiras, artistas, lavandeiras, mestras republicanas... Hai tamén un gran número de biografías individuais, mulleres pioneiras, traballadoras ou represaliadas, como Amparo López Jean, Elvira Bao, Celia Brañas, Carmen Arias de Castro “Mimina”, Isabel Zendal, Luísa Villalta, María Wonenburger, María Luz Morales, Teresa Herrera, María Barbeito ou María Casares, entre moitas outras.
Na cidade tamén se desenvolveron nos últimos anos outras iniciativas de recuperación da memoria das mulleres, dende o permanente recordo á importancia das traballadoras da Fábrica de Tabacos, que levaron a cabo en 1857 a primeira folga de mulleres en Galicia. Ou roteiros que buscaban o mesmo obxectivo que o que de novo percorrerá as rúas da Coruña este sábado.