A historia de calquera cidade, vila ou aldea foi feita polas mulleres. Case sempre de maneira invisible, sostendo os fogares e traballando ademais fóra da casa. No campo, no mar, labregas, redeiras, lavandeiras..., coidando a comunidade e transmitindo saberes. Pero na cidade da Coruña a pegada das mulleres fíxose evidente dende moi cedo mesmo na industria, a través da Fábrica de Tabacos na que chegaron a traballar máis de catro mil obreiras, que ademais levaron a cabo en 1857 a primeira folga de mulleres de Galicia.
A AC Alexandre Bóveda impulsa o proxecto A Coruña das Mulleres, unha web que busca construír, de modo colectivo, un fondo documental sobre a memoria feminina da cidade da Coruña
A Asociación Cultural Alexandre Bóveda vén de presentar o proxecto A Coruña das Mulleres, unha web que busca construír, de modo colectivo e cooperativo, un fondo documental, gráfico e audiovisual sobre a memoria feminina da cidade da Coruña, e que conta co apoio da Deputación e do Concello. Na páxina fálase de distintos colectivos: cigarreiras, artistas, lavandeiras, mestras republicanas, as xogadoras do Ártabro Hóckey Club ou as do Karbo F.C., que foron campioas de España de fútbol nos anos 80, abrindo camiño para o actual crecemento do balompé feminino.
Hai tamén un gran número de biografías individuais, mulleres pioneiras, traballadoras ou represaliadas, como Amparo López Jean, Elvira Bao, Celia Brañas, Carmen Arias de Castro “Mimina”, Isabel Zendal, Luísa Villalta, María Wonenburger, María Luz Morales, Teresa Herrera, María Barbeito ou María Casares, entre moitas outras.
Están tamén Celia Rivas, a primeira muller camioneira no estado español, nada en 1912 en Fisterra e que con apenas 19 anos chegou á Coruña para sacar o permiso para conducir camións. Ou Milagros Rey Hombre, a primeira arquitecta colexiada na Coruña, que foi tamén a primeira arquitecta municipal e que tivo un papel fundamental no deseño actual da cidade. Ou Irene González Basanta a primeira muller que xogou ao fútbol nos anos vinte do pasado século, e que chegou a ter un equipo que leva o seu nome, o Irene Football Club
"É imprescindible traballar para a visibilización das diferentes contribucións das mulleres, atendendo de modo específico ás clases traballadoras"
"Desde a AC Alexandre Bóvedra levamos moito tempo denunciando a exclusión das mulleres do relato histórico e da memoria oficial. É imprescindible traballar para a visibilización das diferentes contribucións das mulleres, atendendo de modo específico ás clases traballadoras", sinalan dende a entidade, que explica que dende hai uns meses conformouse un grupo de traballo que investiga e achega información sobre o papel das mulleres na historia da Coruña. "O proxecto está comezando", explican, a tempo que solicitan a colaboración de todas as persoas que poidan estar interesadas na iniciativa.
"Queremos visibilizar as partes que quedan normalmente ocultas e poñer nomes e apelidos a estes procesos, recollendo testemuñas directas ou case directas de persoas que estiveron en contacto con estas mulleres", conta Carmela Galego, unha das impulsoras do proxecto. "Deste tecido social quedan testemuñas no espazo físico da cidade [por exemplo as fontes, os mercados ou os poucos lavadoiros que se conservan] pero non é unha testemuña que sexa evidente", di.
"Queremos visibilizar as partes que quedan normalmente ocultas e poñer nomes e apelidos a estes procesos, recollendo testemuñas de persoas que estiveron en contacto con estas mulleres"
"Non é doado chegar a coñecer o que sucedía neses espazos nin ás mulleres que alí estaban", sinala. "Por iso mesmo queremos que sexa colectivo. Queremos chegar a todos os recunchos para que poidan entrar na historia escrita", remata. Dende o proxecto estase á procura de persoas que poidan achegar información, imaxes ou testemuñas sobre a actividade das mulleres nestes e outros ámbitos.
A páxina ten unha estrutura semellante á web Do gris ao violeta, que dende hai uns anos funciona en Pontevedra e parte da súa información procede do Dicionario de Mulleres Galegas de Aurora Marco e do Álbum de mulleres do Consello da Cultura Galega. Nestes momentos, pode verse tamén unha pequena mostra expositiva no Ágora con varios paneis que nos vindeiros meses se moverán por outros espazos da cidade.
"Queremos chegar a todos os recunchos para que poidan entrar na historia escrita"
Nos últimos anos foron varias as iniciativas que veñen traballando na recuperación das mulleres na Coruña. Nos últimos 8 de marzo, dende o Concello impulsouse a realización de conferencias, exposicións ou roteiros, coma os que nos anos 2017 e 2018 destacaron o papel de cigarreiras, lavandeiras, redeiras ou pescantinas.
As lavandeiras
"O que máis nos interesa é investigar, escoitar, descubrir aquelas voces que aínda lembran historias que contan os traballos das mulleres", sinalan. Historias, por exemplo, coma a das lavandeiras que en 1907 se organizaron no sindicato de oficios “La Heterogénea”, de ideoloxía anarquista, formando unha asociación chamada El Alba de lavanderos e lavanderas. Coa forza da unión, marcaron novas tarifas para o seu duro traballo, mais, como non foron aceptadas, no día 1 de xuño de 1907 puxéronse en folga, que se prolongou durante quince días.
"Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e afianzar vínculos de solidariedade para aliviar as penurias da súa vida diaria"
Dende a AC Alexandre Bóveda destácase a función dos lavadoiros "como espazo de experiencias compartidas, onde se intercambian coñecementos sobre a crianza, a sexualidade ou a organización da vida doméstica" e para a xeración entre elas de sororidade, "un vínculo para se recoñeceren e se defenderen unhas a outras da opresión", como tamén lembraba Encarna Otero nesta entrevista.
"Tiñan os lavadoiros un algo de escenarios liberadores en que as lavandeiras podían conversar, rir, cantar e mesmo fumar, a afianzaren vínculos de solidariedade e compañeirismo que até certo punto permitiron aliviar as penurias e sacrificios que enfrontaban na súa vida diaria", destácase dende AC Alexandre Bóveda.
A web tamén recolle unha crónica xornalística, publicada en 1927 por El Correo Gallego, que é unha boa mostra desa axuda mutua e autodefensa que se creaba entre as mulleres que lavaban xuntas: "Un vecino de Betanzos, conocido por Arturito, estaba celoso de su novia […] no encontró mejor cosa que para llamarle la atención que dirigirse al lavadero público, donde ella estaba lavando, y empezar a regañarle, intentando maltratarla. Nunca tal hiciera, pues las lavanderas todas le dieron tal cantidad de bofetadas y arañazos, que le pusieron la cara hecha un mapa".
En xaneiro de 1918 centos de mulleres decidiron asaltar tendas e lonxas e repartiron os alimentos que requisaron, dicíndolles aos homes: “Fóra! Aquí bastamos nós!”
Na web tamén se recollen as historias das Revoltas das Mulleres, os movementos populares de protesta que tiveron lugar en Galicia no século XIX e no comezo do XX e nos que o protagonismo foi das mulleres, como a Revolta das Pedradas de 1918 en Neda e Narón.
Xa en 1917 houbera 170 mulleres detidas só na cidade da Coruña por mor das protestas contra a carestía dos alimentos e en xaneiro de 1918 centos de mulleres decidiron asaltar tendas e lonxas e repartiron os alimentos que requisaron. A prensa da época recolle que centos de mulleres participaron nunha manifestación pola rúas da cidade, rexeitando a participación dos homes con berros de “Fóra! Aquí bastamos nós!”.