Co gallo das celebracións polo Día Internacional da Muller, a Concellería de Igualdade da Coruña presenta este domingo o documental Karbo, escola de fútbol. Ás 12.30 horas no teatro Rosalía de Castro estrearase este filme dedicado a un equipo referente do fútbol feminino no Estado, o mellor galego da historia -esquecido por moitos- e que volve ás pantallas tan só uns días antes de que o Deportivo presente oficialmente o seu novo conxunto en categoría feminina. 21 anos despois da desaparición daquel que gañou títulos e xuntou milleiros de persoas en Riazor a mediados dos 80.
"Había e hai unha débeda histórica co Karbo", destaca Óscar Losada, director do documental
"Había e hai unha débeda histórica con este equipo, que naqueles tempos demostrou que no deporte non todo era Madrid e Barcelona e que foi o mellor de España durante bastante tempo", explica o director do documental, o xornalista Óscar Losada, que contou coa colaboración no guión de Carlos Castro, director da Revista Feminina de Fútbol Galego.
Losada insiste na "necesidade de recuperar a memoria histórica", tamén no ámbito deportivo onde fazañas, sobre todo as que teñen que ver coas mulleres, adoitan ser esquecidas. Fundado en 1970 no colexio Karbo da Coruña, pasou en 1980 a ser a sección feminina do Deportivo e un dos grandes impulsores do deporte entre as mulleres na Península. Gañou tres campionatos de España (1983, 1984, 1985) e unha Copa da Raíña (1981) e foi subcampión do torneo das Sete Nacións tras perder ante o Borussia. E supuxo, ademais, a base da primeira selección galega feminina, campioa de España en 1985 tras vencer a Euskadi no Camp Nou.
O Karbo Deportivo gañou tres campionatos de España e unha Copa a principios dos 80 e foi base da selección galega campioa estatal
Naquel equipo xogaban figuras como Lis Franco -filla do mítico xogador deportivista dos 50, Rafael Franco- ou Pilar Neira, que foi seleccionadora galega de fútbol e fútbol praia. Tamén Geli e Inma, nun conxunto que xuntaba calidade da Coruña e arredores pero tamén do sur de Galicia e mesmo de Asturias. A súa repercusión foi fonda e amplificouse nas portadas logo de gañarlle un partido ao equipo masculino do Laracha (4-2). En 1988, xusto antes de que se crease a Liga feminina, a falta de apoios acabou co Karbo Deportivo e o club coruñés non volveu propoñer a súa recuperación, nin tan sequera nos seus maiores anos de gloria.
"Houbo erros e tampouco colleu a onda boa, como lle pasou a outros conxuntos galegos", resume Losada. Desapareceu xusto cando o fútbol feminino comezaba a organizarse e nada se volveu saber del, nin tan sequera nestes tempos nos que o deporte comeza a profesionalizarse e conta con estrelas galegas mundiais como Verónica Boquete.
O documental estréase a poucos días de que o Deportivo oficialice a volta do seu equipo feminino para a vindeira tempada
No documental, as antigas compoñentes do Karbo Deportivo lembran os seus éxitos, pero tamén as dificultades e prexuízos que sufrían. Todos superados pola súa calidade e esforzo. E chega o filme a poucos días de que o club branquiazul faga oficial a súa aposta pola sección feminina do club, que regresará a vindeira tempada na segunda división tras chegar a un acordo co Orzán. "A directiva debería mirarse no espello daquel Karbo para non repetir os mesmos erros; hai que investir no equipo e darlle a importancia que se merece e non deixalo morrer", insiste Losada, que agradece o apoio do Concello da Coruña e lembra como aquel grupo de rapazas xuntaban entre 5.000 e 6.000 espectadores nas bancadas de Riazor.