Máis de 40 persoas foron propostas para seren sancionadas por incidentes acontecidos durante as etapas ciclistas da Vuelta a España que pasaron por Galicia e que viraron nunha importante protesta contra a participación do equipo Israel-Premier Tech, contra o xenocidio que o exército israelí comete en Gaza e en apoio ao pobo palestino.
As protestas contra Israel na etapa con final en Mos acabaron con 27 propostas de sanción
O Ministerio do Interior vén de informar que a Comisión Antiviolencia propuxo multar 53 cidadáns polos altercados acontecidos en tres etapas que pasaron por Euskadi, Asturias e Pontevedra tras as actuacións desenvolvidas pola Ertzaintza ao paso da proba polo País Vasco e da Garda Civil nas outras dúas tiradas.

Segundo detalla a comunicación, a policía autonómica vasca instou a multar 14 cidadáns por incidentes na etapa 11, ao seu paso por Bilbao, mentres que a Garda Civil propuxo sanción a 39 persoas por dúas etapas transcorridas en Asturias en Galicia. Na 13, entre Cabezón de la Sal e L'Angliru, unha ducia de persoas foron "detidas por intentar cortar a estrada e encadearse aos quitamedos". O resto de proposicións de multas corresponden, xa que logo, á tirada 16 que unía Poio con Castro de Herville, en Mos, e que tivo que ser finalizada antes polas masivas protestas.
A numerosísima presenza de manifestantes na suba final obrigara á organización da Vuelta a suprimir os últimos oito quilómetros, situando noutro punto do percorrido o final da carreira, ante a imposibilidade de que os ciclistas completasen a etapa.
Son 27 propostas de sancións na etapa de Mos que se unen ás 14 impostas polos incidentes acontecidos durante a etapa 14 con final en Monforte de Lemos, facendo un total de 41 multas ao paso da Vuelta por Galicia e que poderían ser aínda máis á espera de posibles novos expedientes.
As 27 sancións de Mos únense ás 14 impostas polos incidentes en Monforte, con multas de 1.500 a 5.000 euros nun caso e de 3.000 a 4.000 no outro
No caso da etapa de Monforte, nove das propostas de sancións corresponden ás incoadas pola Garda Civil a varios manifestantes separados en dous grupos en diferentes tramos do percorrido. Por unha banda, segundo aclaran fontes do Ministerio do Interior, un grupo de oito persoas e por outro, un cidadán máis.Cada unha das multas iría dos 3.001 aos 4.000 euros, ademais da prohibición de acceder a espectáculos deportivos durante varios meses.

No caso da etapa de Mos, e segundo a Comisión Antiviolencia, as propostas recollen sancións de 1.500 a 5.000 euros e tamén a prohibición de acceso a recintos deportivos de 3 e 12 meses pola comisión de infraccións leves e graves. Segundo fontes da Subdelegación do Goberno de España en Pontevedra, e á marxe das que propón a Comisión Antiviolencia centrada no ámbito deportivo, hai denuncias por alteración da orde pública e mesmo pola agresión a un axente da autoridade.
Sexa como for, o total das sancións propostas pola denominada Comisión Antiviolencia (Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte) tras as mobilizacións nas etapas con final en Monforte e en Poio van dos 92.500 aos case 200.000 euros (196.000 aplicando as sancións máis altas).
Estas propostas sancionadoras, realizadas ao abeiro da Lei do Deporte e a través da Comisión Antiviolencia, non son as únicas que se derivan dos incidentes acontecidos durante a Vuelta xa que pode haber máis incoadas a partir de expedientes á marxe do carácter deportivo do acontecemento.