Ao igual que sucedeu o domingo, están previstas varias accións de protesta en distintos puntos do percorrido da carreira
A Vuelta ciclista a España celebra este martes a súa 16ª etapa, con inicio en Poio e final no alto de Castro de Herville, en Mos. Porén, ao igual que vén sucendendo nas últimas dúas semanas, o protagonismo da carreira é para as protestas contra a participación do equipo Israel-Premier Tech e a denuncia do xenocidio que o exército israelí está a levar a cabo en Gaza.
Ao igual que sucedeu o domingo na etapa que percorreu a provincia de Lugo para rematar en Monforte, están previstas varias accións de protesta en distintos puntos do percorrido da carreira e non se descarta que se produzan incidencias. O domingo, varias persoas foron detidas en Monforte e no Corgo, entre elas Rosana Prieto, concelleira do BNG en Pantón e responsable comarcal de Lugo Sur. Houbo, ademais, cargas policiais, e a organización chegou a colocar unha segunda fileira de valos na chegada.
A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina destaca que "a represión policial non puido frear as accións de solidariedade" e manifestou o seu "orgullo" pola resposta da sociedade galega
Este martes as organizacións solidarias con Palestina convocan novas concentracións de protesta en Poio (na saída da etapa, dende as 12.15 horas), Pontevedra, Soutomaior, Alto da Groba, Tui e Mos (no aparcadoiro do Parque Forestal de Zamáns a partir das 15.30 horas). A etapa ten prevista a súa saída ás 13.05 horas e pasará dez minutos despois por Pontevedra; esta previsto que sobre as catro menos dez da tarde os corredores superen o Alto da Groba e que ao redor das 17.15 horas cheguen á meta no Castro de Herville.
Á espera do que suceda nesta nova xornadas de protestas, aínda resoan as consecuencias da tensión vivida o pasado domingo. A Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina destacou que "a represión policial non puido frear as accións de solidariedade" e manifestou o seu "orgullo pola resposta da solidariedade galega: a pesar da represión e dos intentos de criminalizar as protestas, non se conseguiu frrear o obxectivo destas accións, que é visibilizar nas rúas -como se vén facendo dende hai dous anos- a denuncia da ocupación de dos crimes de Israel en Palestina.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López (PP), pide que non haxa protestas no percorrido: "hoxe é Gaza, onte era outro problema e mañá será calquera outro porque o que importa é axitar sempre unha pancarta"
Nun comunicado conxunto, 50 entidades sociais condenaron a "violencia policial" e as "detencións arbitrarias"e denunciaron que as cargas policiais na meta de Monforte converteron "unha protesta lexítima e pacífica nun escenario de represión inaceptable". "Ante un xenocidio retransmitido en directo, non podemos ficar en silencio.
Denunciar a participación de Israel-Premier Tech e o papel que cumpre é defender vidas humanas. Demandar que deixe de participar, é unha necesidade. O mundo do deporte non pode ignorar o xenocidio e debe ser quen de se negar a continuar a lavar a imaxe dun rexime colonial e de apartheid", conclúe o comunicado.
Nos últimos días a participación do equipo Israel e as protestas na súa contra situáronse no centro do debate político en Galicia, con duras críticas do BNG -intensificadas despois da resposta policial do domingo-, que están a ser contestadas polo PP
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López (PP), pediu a través dun vídeo publicado nas redes sociais evitar as mobilizacións contra a participación do equipo Israel na Vuelta malia "entender a preocupación ante o drama de Gaza". López pide que os protagonistas sexan "só a carreira e os ciclistas", afirma que "hoxe é Gaza, onte era outro problema e mañá será calquera outro porque o que importa en realidade é axitar sempre unha pancarta" e agrega a petición de que "todos os partidos, nomeadamente o Bloque, empreguen a súa voz para manifestarse a favor da seguridade na carreira e evitar as imaxes dos últimos días".
E é que nos últimos días a participación do equipo Israel e as protestas na súa contra situáronse no centro do debate político en Galicia, con duras críticas do BNG -intensificadas despois da resposta policial do domingo-, que están a ser contestadas polo PP, que mesmo chegou a responsabilizar os nacionalistas de incidentes como o accidente sufrido polo ciclista Javi Romo.
"Todo o apoio a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza”, indicou novamente Ana Pontón este luns
Este luns o BNG volveu manifestar o seu total apoio "ás mobilizacións que estamos vendo estes días con motivo da Volta Ciclista". "Todo o apoio a un pobo que está expresando a súa indignación ante a pasividade coa que a comunidade internacional actúa ante o xenocidio de Gaza”, indicou Ana Pontón, que condenou tamén "a represión que se veu na Volta", onde se “está intentando silenciar estas protestas que eran manifestacións pacíficas e democráticas” e unha “mostra clara de apoio ao pobo palestino”.
O Bloque apoia as mobilizacións convocadas este martes en distintos lugares da provincia de Pontevedra. En Ourense, o Bloque esixe á Deputación a retirada de calquera tipo de patrocinio, apoio económico ou colaboración institucional destinados á Vuelta -a 17ª etapa sae o mércores do Barco de Valdeorras- debido á participación do equipo Israel. "Desde o BNG considérase inadmisíbel que a vida social e deportiva continúe con total normalidade mentres milleiros de persoas inocentes sofren unha masacre retransmitida en directo", sinala a formación.
As protestas contra a participación do equipo Israel-Premier Tech na Vuelta continúan tamén noutros puntos do Estado. A situación, que levou á dirección da Vuelta a España, a equipos e a ciclistas a pedir publicamente ao equipo israelí a súa retirada da carreira para garantir o seu desenvolvemento sen incidentes, obrigou tamén ao Premier Tech a modificar o maillot que visten os seus corredores para que non se lea nel a palabra Israel.
Ademais, este luns o xornal francés L'Equipe, propiedade de Amaury, o mesmo grupo que organiza a Vuelta a España, chegou a publicar este domingo que se estaba a barallar a suspensión da derradeira etapa, con chegada a Madrid e cunha escasa importancia deportiva, para evitar protestas na capital do Estado. A organización da Vuelta desmentiu esa posibilidade.