La Vuelta chega a Galicia entre protestas contra o equipo Israel pola invasión de Gaza

Un dos corredores do equipo Israel-Premier Tech nesta edición de La Vuelta © Israel-Premier Tech

Están previstas mobilizacións en apoio de Palestina nas tres etapas que descorrerán polo país, onde tamén haberá unha xornada de descanso o luns en Pontevedra

Xa en anteriores edicións a participación do equipo ciclista Israel-Premier Tech en La Vuelta ou este mesmo ano en O Gran Camiño provocou protestas cidadás pola violencia indiscriminada do estado israelí contra a poboación civil palestina. Pero nesta edición da principal carreira ciclista estatal as mobilizacións están a lograr interferir na competición deportiva, con manifestantes que lograron frear o equipo Israel na proba contra o reloxo por equipos o 27 de agosto en Figueres e que levaron a organización a anular os tres últimos quilómetros da etapa que este mércores rematou en Bilbao.

Chamamento da asociación Galiza por Palestina a mobilizarse contra a participación do equipo de Israel en La Vuelta © Galiza por Palestina

Neste contexto, La Vuelta e o equipo Israel chegan este domingo a Galicia, cunha etapa que partirá da Veiga, en Asturias, e rematará en Monforte. O luns Pontevedra acollerá a xornada de descanso da competición, pero o martes haberá outra etapa integramente en Galicia, con saída de Poio e Chegada ao castro de Herville, en Mos, e o mércores os ciclistas deixarán o país saíndo do Barco de Valdeorras en dirección ao alto do Morredero, en León.

"Así como se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe é a quenda de Israel", reclama a asociación Galiza por Palestina

Hai tempo que distintos colectivos de apoio a Palestina xa amosaron a súa intención de mobilizarse contra o equipo Israel, como fixo Galiza por Palestina, que anima a "denunciar o uso do deporte como ferramenta de sportwashing por parte de Israel". Galiza por Palestina salienta que "segundo a Convención Internacional contra o Apartheid no Deporte (1985), os estados que manteñen políticas de segregación racial e opresión sistemática non deben participar en competicións internacionais. Así como se boicoteou á Sudáfrica racista, hoxe é a quenda de Israel".

A asociación fai "un chamamento en Galiza a portar bandeiras palestinas e mensaxes de denuncia do xenocidio durante o percorrido da Vuelta, visibilizando así a solidariedade co pobo palestino".

Equipo Israel-Premier Tech na etapa contra o reloxo por equipos celebrada o 28 de agosto na que manifestantes obrigaron a frear a súa marcha © Israel-Premier Tech

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.