Mobilizacións en mar e terra apoian en Galicia a saída da 'Flotilla Sumud Global' cara a Gaza

Imaxe, en 2024, dunha das anteriores 'flotillas' que tentaron chegar a Gaza © Rumbo a Gaza

Este domingo 31 está prevista a saída de Barcelona de parte das embarcacións da flotilla Global Sumud, unha iniciativa civil que pretende romper o sitio imposto por Israel en Gaza por mar e abrir un corredor humanitario 

Este domingo 31 está prevista a saída de Barcelona de parte das embarcacións da flotilla Global Sumud, unha iniciativa civil que pretende romper o sitio imposto por Israel en Gaza por mar, abrir un corredor humanitario e frear o xenocidio actualmente en marcha. Ademais, este movemento global pretende facer visíbel a solidariedade internacionalista coa Palestina. 

O 4 de setembro máis embarcacións uniranse á flotilla saíndo de Sicilia e Tunisia. Entre os e as participantes confirmados están Saif Abukeshek, Thiago Ávila ou Greta Thunberg. Todas as embarcacións contarán con xornalistas, médicos e figuras públicas. Embarcacións de 44 países participan na iniciativa.

Esta fin de semana o Movemento Global a Gaza-Galiza  convoca nunha quincena de cidades e vilas galegas unha serie de concentracións e manifestacións, por terra e mar, en apoio da flotilla. As sete cidades acollerán estas accións, que tamén chegarán a Fisterra, A Illa de Arousa, Redondela, Sanxenxo, Ribadeo, A Guarda e O Deza. En varios lugares as mobilizacións en terra estarán acompañadas de accións marítimas, como unha concentración de embarcacións en Ferrol, unha regata de veleiros solidaria en Vigo ou a conformación dunha flotilla na Illa de Arousa.

Accións convocadas en Galicia en apoio da 'Flotilla Sumud Global' ©

Denuncian que a comunidade internacional "está a asistir en directo" a un xenocidio e critican a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais, “que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel"

O Movemento Global a Gaza-Galiza chama á sociedade galega a mobilizarse en solidariedade co pobo palestino e en apoio á Flotilla Sumud Global. Desde o movemento denuncian que a comunidade internacional "está a asistir en directo" a un xenocidio, con “vidas esnaquizadas, familias destruídas, hospitais e escolas bombardeadas, persoal sanitario e xornalistas asasinados”. Critican tamén a complicidade de gobernos europeos e institucións internacionais, “que manteñen relacións comerciais e militares co Estado de Israel mentres a infancia palestina é obxectivo do terror”.

A entidade pide ás organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, estudantís, ecoloxistas, veciñais e políticas e ao conxunto da sociedade civil galega "que se sumen á mobilización" e fai un chamamento especial a "manter a vixilancia no caso de que a flotilla sufra sabotaxes ou ataques durante a súa viaxe".

O movemento pide á sociedade civil galega "que se sume á mobilización" e fai un chamamento especial a "manter a vixilancia no caso de que a flotilla sufra sabotaxes ou ataques durante a súa viaxe"

Accións convocadas en Galicia

  • Compostela: Concentración ás 12h na Praza do Toural. 
  • A Coruña: Manifestación ás 12h desde o Obelisco. 
  • Ourense: Concentración ás 20h na Praza Maior. 
  • Pontevedra: Roteiro ás 20h desde o Hospital até a Subdelegación. 
  • Lugo: Concentración ás 20h. na Praza Maior. 
  • Ferrol: Encontro de embarcacións ás 12h. no Muelle de Cortina. |Recital poético no Muelle de Curuxeiras ás 20h 
  • Vigo: Regata de vela solidaria ás 11h e marcha terrestre en Samil ás 17h. 
  • Fisterra: Marcha ás 11h desde o Monumento ao Emigrante até o faro. 
  • A Illa de Arousa: Marcha pola ponte e flotilla ás 12h. 
  • Sanxenxo: Marcha desde a Praza dos Barcos á Lonxa de Portonovo ás 19h. 
  • A Guarda: Concentración ás 19h na Praia do Porto 
  • Ribadeo: Concentración o domingo 31 ás 12:30 na Praza de España 
  • Redondela: concentración o luns 1 de setembro ás 20:30h na Praza do Concello

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.