Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu este sábado en Santiago o galardón convocado polo CPXG
Dende o 7 de outubro de 2023 o exército israelí asasinou 212 xornalistas palestinos que foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución que, unida ao bloqueo de correspondentes estranxeiros en Gaza e a censura contra o contido propalestino nas redes sociais forman parte dunha estratexia de control informativo por parte de Tel-Aviv.
O Sindicato de Xornalistas Palestinos loita contra esa represión garantindo que as violacións dos dereitos humanos en Palestina sexan documentadas e difundidas a nivel mundial, un traballo que o pasado ano foi recoñecido pola UNESCO e que fixo merecedora á entidade do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa.
Nasser Abu Baker, presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos, recolleu este sábado en Santiago o galardón convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, nova denominación do Premio José Couso. No acto Nasser Abu Baker denunciou que a ocupación israelí "sobrepasa os límites da violencia sen que ninguén poida tapar todo o que sucede". "Este é o peor xenocidio histórico contra os xornalistas", alertou.

Nos últimos dous anos Israel asasinou 212 xornalistas palestinos que foron obxecto dunha campaña sistemática de persecución que, unida ao bloqueo de correspondentes estranxeiros e a censura contra o contido propalestino forman parte dunha estratexia de control informativo por parte de Tel-Aviv
A decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira, fixo entrega do premio, consistente nunha imaxe do fotoxornalista Óscar Corral, recente gañador do Premio Ortega y Gasset á mellor fotografía, a Nasser Abu Baker. No seu discurso de agradecemento, o presidente do sindicato cualificou a situación en Palestina de "guerra mediática de exterminio" e lembrou que, con todo, "os xornalistas palestinos continúan a realizar o seu traballo ao máis alto nivel de profesionalismo, pero en condicións moi perigosas e inhumanas".
Ademais dos máis de 200 asasinados, hai centos de xornalistas palestinos arrestados, numerosas vivendas de profesionais da comunicación destruídas e oficinas de medios bombardeadas. "O que nos fai sentir fortes", asegurou, "é o grande apoio brindado por amigos leais aos principios humanitarios, á liberdade de prensa e á defensa dos xornalistas", polo que agradeceu un premio que considera "un evento histórico" polo que significa como acto de solidariedade con Palestina e que dedicou ás familias dos xornalistas asasinados.
"Os xornalistas palestinos traballan debaixo dos bombardeos aéreos e de tanques, entre as balas, nas prazas dos hospitais entre os corpos das vítimas asasinadas. "Pola mañá un xornalista despídese da súa familia porque probablemente non a volva ver", relatou
"Os xornalistas palestinos traballan debaixo dos bombardeos aéreos e de tanques, entre as balas, nas prazas dos hospitais entre os corpos das vítimas asasinadas, baixo a choiva no inverno e baixo o ardente sol no verán, non teñen casa, traballan en tendas de campaña, cun medo incrible, non teñen acceso a medicamentos nin a suministros de nada", explicou. "Pola mañá un xornalista despídese da súa familia porque probablemente non a volva ver, e isto pasou moitas veces", engadiu.
Nasser Abu Baker chamou á unión de todas e todos os xornalistas: “podemos parar estas atrocidades e podemos pedir explicacións e contas a todos os que son parte. Pedimos que se respecten os dereitos humanos e a liberdade de prensa”, asegura o presidente do Sindicato de Xornalistas Palestinos.
A cerimonia de entrega: coloquio e o manifesto de Anxo Quintela
"Ningún xornalista galego dubida hoxe de que se hai alguén no mundo que estea a loitar pola liberdade de prensa, eses son as e os xornalistas dos territorios ocupados", dixo Marcos Méndez, Premio José Couso en 2023
Nasser Abu Baker participou dun coloquio coa xornalista Valeria Pereiras, onde debullou as condicións que sofren as e os comunicadores en Palestina. Abu Baker lembrou que "o goberno israelí non quere que ningún de vós vexa a realidade do que pasa alí" e que son os xornalistas palestinos en Gaza "os que están a mostrar o que acontece e, polo tanto, o seu traballo é o que provocou que esteamos aquí reunidos hoxe". O presidente do sindicato afirmou que Palestina vive "unha situación inimaxinable" onde "non hai ningún xornalista que non sexa vítima" e chamou ao conxunto dos xornalistas a "seguir saíndo á rúa para denunciar todo o que está a acontecer e reclamar ao Tribunal Penal Internacional que interveña".
A entrevista contou tamén coa participación a distancia de Marcos Méndez, Premio José Couso en 2023, que actualmente traballa en Cisxordania, quen dixo que "ningún xornalista galego dubida hoxe de que se hai alguén no mundo que estea a loitar pola liberdade de prensa, eses son as e os xornalistas dos territorios ocupados".
Nasser Abu Baker chamou á unión de todas e todos os xornalistas: “podemos parar estas atrocidades e podemos pedir explicacións e contas a todos os que son parte"
A cerimonia de entrega, presentada pola xornalista Ainhoa Apestegui, contou cunha pequena actuación da música galego-palestina Najla Shami e as saudacións de Belén Regueira, decana do Colexio de Xornalistas, e Soledad Agra Tuñas, deputada da Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña, que colabora na organización do galardón. Ademais, proxectouse un vídeo sobre o labor do Sindicato de Xornalistas Palestinos en favor da liberdade de prensa en Gaza.

Abu Baker lembrou que "o goberno israelí non quere que ningún de vós vexa a realidade do que pasa alí" e que son os xornalistas palestinos en Gaza "os que están a mostrar o que acontece e, polo tanto, o seu traballo é o que provocou que esteamos aquí reunidos hoxe"
Así mesmo, no acto Anxo Quintela leu o manifesto Estamos dentro, escrito por el mesmo con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, no que se pregunta "en que medida colaboran os medios a alimentar" o fluxo nocivo de comunicación". Ademais, alerta de que a aprobación da nova Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia "é, como afirma o CPXG, unha pésima noticia para os medios públicos galegos, que perden a maioría dos contrapesos profesionais e sociais que se poderían activar para garantir a súa, xa de seu precaria, independencia".
O acto pechouse cunha última actuación de Najla Shami, sobre a que se proxectou un vídeo en lembranza dos máis de douscentos xornalistas palestinos asasinados desde o 7 de outubro de 2023.