Unha ducia de premios do Colexio de Xornalistas e 'José Couso' á liberdade de prensa
O vindeiro sábado 3 de maio celébrase o Día Mundial da Liberdade de Prensa. Ao redor desta xornada dende hai vinte anos o Colexo de Xornalistas vén entregando o Premio José Couso, que en cada edición busca recoñecer o labor individual ou colectivo a prol da información libre, plural e en loita contra as censuras, en homenaxe ao camarógrafo ferrolán asasinado polos Estados Unidos en 2003. Nesta ocasión o galardón muda a súa denominación a Premio Xornalistas, atendendo a unha petición da familia Couso, que criticou o feito de "carecer de voz e voto" na organización. Velaquí algúns dos e das premiadas dende 2005.
-
01
? (2025)
'Acción contra el odio', Khadija Amin, 'Haaretz' e o Sindicato de Xornalistas Palestinos son os catro finalistas do Premio Xornalistas, a nova denominación para o galardón do CPXG, que abandona o nome de Premio José Couso, atendendo a unha petición da súa familia, que criticou o feito de "carecer de voz e voto" na organización.
-
02
Marcos Méndez (2023)
Hai dous anos o xornalista lucense Marcos Méndez gañou a XIX edición do Premio José Couso, que recoñeceu a súa cobertura da guerra de Ucraína dende o terreo, un conflito no que era o único xornalista que o cubría en lingua galega.
Un ano máis tarde as escollidas foron as iranianas Nilufar Hamedi e Elahe Mohammadi, condenadas a prisión polas súas informacións.
-
03
Manuel Rico (2021)
Na edición de 2021, a segunda marcada pola COVID, o gañador foi Manuel Rico, un dos fundadores de InfoLibre, que veu recoñecida a súa traxectoria, pero sobre todo o traballo realizado nos meses anteriores investigando o sucedido nas residencias de maiores en Madrid, onde morreron máis de sete mil persoas nos primeiros días da pandemia.
"Cando falamos do coidado de persoas maiores non podemos admitir que impere a lei da selva", dicíanos nesta entrevista, na que lle preguntamos pola investigación que deu lugar ao libro Vergüenza, el escándalo de las residencias.
En 2022 a gañadora foi a xornalista lucense Érika Reija, nunha reivindicación do papel dos medios públicos e do xornalismo nas guerras
-
04
Defende a Galega (2019)
En 2019 o premio foi para o persoal dos medios públicos galegos mobilizado en Defende a Galega. A recollida do premio, a cargo de Beatriz Moyano e Carlos Jiménez, converteuse nun acto de denuncia da situación da CRTVG.
Un ano despois o galardón foi para Lorenzo Milá, correspondente de TVE e que tamén presentara o Telediario na primeira e na segunda canle de RTVE. Foi esta unha edición, a de 2020, na que a entrega do premio se tivo que adiar varios meses por mor da pandemia. Nesta edición o galardón serviu para reafirmar a necesidade de contar con medios públicos de calidade e independentes.
-
05
Xosé Hermida (2017)
En 2017 o premio foi por primeira vez para un xornalista galego. Xosé Hermida (Boiro, 1963) foi o derradeiro delegado de Galicia en El País, xornal no que segue traballando. "Non creo que Galicia sexa hoxe unha sociedade moi ben informada polos seus grandes medios", dicíanos nesta entrevista, na que engadía que era "unha honra engadida" que o premio "leve o nome de José Couso, un tipo que non era un xornalista famoso, era simplemente un informador a pé de obra que morreu estaba facendo o seu traballo".
Un ano despois Julia Otero (Monforte, 1959) recollía o premio na súa XIV edición, un recoñecemento á súa extensa carreira, sobre todo, na radio.
-
06
Jordi Évole (2015)
En 2015 o gañador foi Jordi Évole. O xornalista catalán recolleu o premio en Ferrol, onde nos dixo nesta entrevista que "cada xornalista ten que converter a súa mesa nun Vietnam, nunha trincheira, defender o que quere publicar mesmo por riba dos intereses do seu medio” e reclamou que sexan os xornalistas os que lles marquen a axenda aos poderes, e non ao revés
Ao ano seguinte, o galardoado foi Miguel Ángel Aguilar.
-
07
Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014)
Un ano máis tarde, de novo o premio recoñeceu os reporteiros de conflitos, particulatmente os freelances. Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas estiveran secuestrados en Siria por exercer o seu labor e foron recoñecidos polo "difícil labor de informar" en conflitos coma ese. O galardón deu unha mención especial a Ricardo García Vilanova por exercer como freelance sen a cobertura dun gran medio.
“Couso era un xornalista que estaba facendo o que nós cremos que ten que facer un xornalista: estar sobre o terreo para contar o que pasa e para documentar os terribles efectos que pode ter un conflito", destacaron á hora de recoller o galardón.
-
08
Mónica García Prieto (2013)
En 2013 a gañadora foi a reporteira de guerra Mónica García Prieto, que nese momento vivía en Beirut. Nun encontro con xornalistas denunciou que "os conflitos armados cada vez se cobren peor" e augurou que a Guerra de Siria continuaría durante varios anos. "A única forma de reducir a propaganda nunha guerra é que haxa moitos xornalistas sobre o terreo", concluíu.
-
09
Consello de Informativos de TVE (2012)
A oitava edición do premio, en 2012, foi para o Consello de Informativos de TVE, un órgano de participación destinado a garantir o control interno, a defensa da independencia profesional, a promoción da independencia editorial e o amparo dos profesionais da información. Foi nun momento no que a independencia e o pluralismo de TVE estaba moi ameazado pola presión do Goberno do Estado.
-
10
Wikileaks (2011)
En 2011 o premio foi para Wikileaks, a organización creada en 2006 por Julian Assange co obxectivo de entregar á cidadanía as informacións que grandes poderes queren ocultar e os medios non poden publicar. A súa acción levou ao propio Assange a ser perseguido internacionalmente polos Estados Unidos e a unha reclusión de moitos anos que finalizou recentemente coa súa liberación.
O galardón foi recollido en Ferrol polo xornalista islandés Kristinn Hrafnsson, nese momento voceiro da entidade
-
11
Rosa María Calaf (2009)
En 2009 o premio foi para Rosa María Calaf, a correspondente cunha traxectoria máis extensa en TVE, onde ingresou nos ano 70.
Un ano despois o galardón foi para os xornalista da Cadena Ser Daniel Anido e Rodolfo Irago, condenados a unha pena de prisión dun ano e nove meses acusados dun delito de "revelación de segredos" por exercer o seu labor xornalístico e publicar unha lista de afiliacións irregulares ao PP de Madrid.
-
12
John Lee Anderson (2007)
En 2007 o premiado foi John Lee Anderson, mestre do cadro de profesionais permanente da Fundación Nuevo Periodismo Iberoamericano, fundada por Gabriel García Márquez.
Un ano despois, o galardón foi para José Vidal-Beneyto, catedrático de Socioloxía de la Universidade Complutense de Madrid.
-
13
Ali Lmrabet (2005)
A primeira edición do Premio José Couso celebrouse apenas dous anos despois do asasinato do camarógrafo ferrolán. O primeiro gañador do galardón, en 2005, foi o xornalista marroquí Ali Lmrabet, condenado a tres anos de cadea no seu país acusado dun delito de "inxurias ao rei".
Na segunda edición o premio foi para o xornal Le Monde Diplomatique, dirixido naquela altura por Ignacio Ramonet