A xustiza estadounidense considera saldada a súa condena cos cinco anos que permaneceu na cadea no Reino Unido
Julian Assange, fundador de Wikileaks e máximo responsable da divulgación de milleiros de documentos reveladores de como Estados Unidos vulnerou os dereitos humanos en diversos lugares do mundo, vén de pactar co Goberno dese país para declararse culpable e quedar en liberdade a cambio de que lle computen os cinco anos que permaneceu na cadea en Inglaterra.
Entre outras informacións, Wikileaks revelou en 2010 milleiros de documentos clasificados dos Estados Unidos. Assange refuxiouse en 2012 na embaixada de Ecuador en Londres mentres tamén era investigado en Suecia por violación, e alí permaneceu ata 2019, cando foi detido pola policía británica. Suecia acabou abandonando a investigación pero Assange permaneceu detido ata agora pendente dun longo proceso xudicial no Reino Unido para a súa extradición aos Estados Unidos.
Agora, segundo Wikileaks e o seu avogado, Assange vén de saír en liberdade baixo fianza con destino a Australia, o seu país. Faino tras pactar recoñecerse culpable ante os Estados Unidos de obter ilegalmente información a cambio de que a xustiza dese país considere saldada a súa débeda cos cinco anos que pasou na cadea no Reino Unido.
Wikileaks asegura que "este é o resultado dunha campaña global que abarcou organizacións de base, defensores da liberdade de prensa, lexisladores e líderes de todo o espectro político, ata as Nacións Unidas" para crear "un espazo para un longo período de negociacións co Departamento de Xustiza dos Estados Unidos que conduciu a un acordo que aínda non foi formalmente formalizado" e do que seguirá informando. Un acordo que se acadou ante un tribunal das illas Marianas, próximas a Australia pero dependentes dos Estados Unidos, onde Assange ten aínda que comparecer.