A dereita gaña en Lisboa e no Porto, pero o PS recupera forza nas eleccións municipais

O primeiro ministro Luís Montenegro, nun acto do PSD en Aveiro, durante a campaña electoral © PSD

O PSD do primeiro ministro Luís Montenegro vence nas eleccións autárquicas celebradas este domingo en Portugal ao facerse coas dúas meirandes cidades, ademais doutras câmaras de importancia, como Gaia, Sintra ou Cascais

O Partido Social Democrata (PSD) venceu este domingo nas eleccións autárquicas (municipais) celebradas en Portugal. A formación conservadora do primeiro ministro Luís Montenegro confirmou o dominio amosado hai uns meses nas elecciós lexislativas que lle permitiron reforzar o seu goberno e fíxose coas alcaldías das cidades máis poboadas, encabezadas por Lisboa e Porto, nas que gobernarán Carlos Moedas e Pedro Duarte, que encabezaban as listas apoiadas polo conxunto do centro-dereita (PSD, CDS-PP e IL). O PSD gobernará igualmente en Gaia, Sintra, Cascais e probablemente en Braga.

Aínda que as eleccións se prevían axustadas en Lisboa e no Porto, finalmente a diferenza a prol das candidaturas conservadoras foi clara, sobre todo na capital do país.

Porén, malia o triunfo conservador, non foi unha mala noite para o Partido Socialista. A formación progresista chegaba ás elección municipais despois do desastre dos comicios lexislativos do mes de maio, nos que foi relegada pola ultradereita de Chega á terceira posición e que deixou o partido sen un liderado claro. Este domingo, en cambio, o PS incrementou ou seus votos e aínda que perdeu en Lisboa e no Porto, fíxose coa presidencia de importantes câmaras en cidades de tamaño medio, como Faro, Évora, Bragança, Coimbra ou Viseu, e estivo a piques de gañar tamén en Braga.

Porén, o Partido Socialista repúxose do seu mal resultado nas lexislativas e gobernará urbes como Coímbra, Faro, Évora, Bragança ou Viseu

A multiplicidade de alianzas e coalicións a nivel fai difícil facer unha lectura xeral, partido a partido, do resultado obtido a nivel nacional, pero o Partido Socialista achegouse ao 30% dos votos e obtivo unhas 127 presidencias de câmara. As listas encabezadas polo PSD fixéronse con algunhas máis, unhas 136, e unha porcentaxe de voto do 33%.

E se o PS reaxiu dende o desastre das lexislativas, ao Chega ocorreulle o contrario. Do preto do 23% dos votos obtidos entón, o partido de ultradereita pasou a acadar menos do 12%, gobernando apenas unhas tres cámaras municipais. En Lisboa roldou o 10% -gañando ao PCP por uns poucos votos- e no Porto superou por pouco o 8%. No conxunto do país os de André Ventura fixéronse con menos alcaldías que o CDS-PP. O líder ultradereitista recoñeceu que “não foi a noite que queríamos”, a pesar de que a súa formación elixiu 137 vereadores (concelleiros).

A ultradereita de Chega amosa a súa debilidade na política local. O seu líder, André Ventura, recoñeceu que “não foi a noite que queríamos”

Foi unha noite agridoce para o PCP, que amosou que segue a manter unha gran fortaleza a nivel local, con 12 alcaldías e preto do 6% dos votos. Porén, aínda que reconquistou Aljustrel, Montemor-o-Novo, Mora e Sines, o Partido Comunista perdeu Évora e Setúbal, entre outras moitas localidades nas que adoitaba gañar.

En todo caso, a formación comunista obtivo un resultado máis destacado que Bloco de Esquerda ou Livre, que en moitos lugares se presentaron coaligados co PS, pero que onde optaron por competir en solitario acadaron un resultado moi magriño.

Foi unha noite agridoce para o PCP

O CDS-PP, en moitos lugares coaligado co PSD, fíxose en solitario con seis alcaldías, unha máis que o Chega.

Nos resultados, destaca tamén a fran cantidade de triunfos de candidatos independentes, elexidos por movementos de cidadáns, que gobernarán unha vintena de alcaldías. Igualmente a marca Nós Cidadãos fíxose con dúas alcaldías, entre elas a de Guarda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.