O pasado 7 de novembro un terremoto político sacudiu Portugal. A dimisión de António Costa pola suposta implicación de altos cargos do seu goberno en dous casos de corrupción precipitou a convocatoria de eleccións, que se celebran este domingo
O pasado 7 de novembro un terremoto político sacudiu Portugal. António Costa presentou a súa dimisión logo de saberse que o Tribunal Supremo estaba a pescudar o papel do Primeiro Ministro nun proxecto de produción de hidróxeno verde en Sines e na concesión de dúas explotacións de litio preto da fronteira con Galicia. A dimisión foi aceptada polo presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, que dous días máis tarde convocou eleccións, a pesar de que o xuíz rebaixou pouco despois os cargos de corrupción dos que se acusaba a algúns altos cargos do Executivo.
Pechábase así unha lexislatura moi curta, de dous anos de duración, na que o Partido Socialista gozaba da cómoda maioría absoluta obtida nas eleccións do 30 de xaneiro de 2022, duns datos macroeconómicos favorables e dunha posición vantaxosa nas enquisas que, con todo, xa amosaban un notable descenso do PS e unha suba da ultradereita do Chega. Con todo, os sucesivos casos de corrupción que se foran coñecendo e que afectaban a dirixentes e cargos públicos do partido foron debilitando as súas opcións.
A convocatoria electoral obrigou o PS a escoller un novo líder -Pedro Nuno Santos- e consolidou a alternativa da Aliança Democrática, liderada polo PSD e con Luís Montenegro como candidato
A convocatoria de eleccións lexislativas obrigou o PS a escoller un novo líder -Pedro Nuno Santos- e consolidou a alternativa da Aliança Democrática, coalición que reúne o Partido Social Democrata, o CDS – Partido Popular e o irrelevante Partido Popular Monárquico, con Luís Montenegro como candidato a Primeiro Ministro.
A dereita, que non goberna en Portugal dende os tempos de Pedro Passos Coelho (2011-2015), aspira a acabar este domingo con nove anos de executivos socialistas liderados por António Costa. De feito, os seu lemas ("Acreditar na Mudança" e "A mudança está nas tuas mãos") inciden precisamente no cambio de goberno que buscan liderar.
A maior parte das sondaxes sitúan AD por lixeiramente por diante dun Partido Socialista que podería perder entre 10 e 15 puntos con respecto ás eleccións de hai dous anos. Ningún dos dous se achegará á maioría necesaria para gobernar
O PS de Pedro Nuno Santos, que está a empregar na campaña os lemas "Mais Ação" e "Portugal Inteiro", ante a imposibilidade de repetir maioría absoluta e ante unhas sondaxes que deixan o conxunto da esquerda moi lonxe dos 116 escanos, busca cando menos ser a forza máis votada.
Porén, a maior parte das sondaxes sitúan AD por lixeiramente por diante dun Partido Socialista que podería perder entre 10 e 15 puntos con respecto ás eleccións de hai dous anos e que anticipan, sobre todo, un xiro á dereita no país veciño. O descenso socialista non sería aproveitado polos partidos á súa esquerda e tanto o Bloco de Mariana Mortágua coma a CDU de Paulo Raimundo manteríanse preto dos mínimos de votación que acadaron en 2022 ante o empuxe de António Costa. Pedro Nuno Santos vén facendo apelacións a "concentrar" no PS o voto da esquerda.
A única forza que medraría de forma nítida é a ultradereita populista de Chega, que co lema "Limpar Portugal" pode triplicar o seus actuais escanos
A única forza que medraría de forma nítida é a ultradereita populista de Chega. A formación liderada por André Ventura incide nun discurso no que inmigración, inseguridade, corrupción e o establishment se aliñan como inimigos a combater, a limpar. De aí un lema ("Limpar Portugal") co que está a recoller un voto de desencanto co bipartidismo que gobernou Portugal nas últimas décadas. As armas coas que o partido busca triplicar os seus 12 escanos actuais son o carisma do seu líder, construído como comentarista deportivo, e un uso moi intenso de redes sociais como Tik-Tok, que lle están permitindo alcanzar o electorado máis novo.
De feito, nunha recente enquisa, a media de idade dos votantes de Chega (44,2 anos) só era superada polos de Iniciativa Liberal (32,6) e situábase moi por debaixo da dos votantes do Bloco (48,3) e, sobre todo, dos da CDU (55,5), AD (56,4) e PS (58,2). O Chega rolda o 30% dos votos entre as xeracións máis novas.
O escenario que debuxan as sondaxes deixa a Portugal preto dunha situación de bloqueo e a gobernabilidade do país en mans de Chega ou dun hipotético acordo entre as dúas grandes forzas do país
A pesar de que nos últimos meses o proxecto de construción do tren de alta velocidade entre Porto e Vigo, priorizado por Portugal sobre a conexión Lisboa-Madrid, si formou parte do debate político, na campaña e nos programas electorais dos partidos lusos o tema non tivo case presenza. Hai un consenso xeral nas principais formacións en que se debe apostar en primeiro lugar pola conexión de Lisboa con Vigo e así figura por exemplo no programa do Partido Socialista. Nos últimos días, ademais, Luís Montenegro reiterou que, aínda que apoia a construción da liña entre Lisboa e Madrid, "neste momento a que é prioritaria e está co procedemento lanzado é Lisboa-Oporto-Vigo”.
Este martes, ademais, José Ramón Gómez Besteiro e Valentín González Formoso participaron en Braga nun acto de apoio á candidatura do Partido Socialista, nun dos poucos movementos políticos de partidos galegos na campaña portuguesa.
O día despois: goberno en minoría, pacto con Chega e mesmo un bloqueo
"É muito simples, não é não. Eu nunca farei um acordo político de governação com o Chega”, dixo Montenegro hai meses. Porén, un sector do PSD ve con mellores ollos un acordo con Ventura
As eleccións deste domingo presentan varias incógnitas e a máis importante de todas é a da forza que acadará máis escanos: AD ou o PS. Durante a campaña o candidato conservador, Luís Montenegro, asegurou que só "assumirá o cargo de primeiro-ministro se ganhar as eleições” e en varias ocasións rexeitou de plano a posibiidade de acadar un pacto coa ultradereita. "É muito simples, não é não. Eu nunca farei um acordo político de governação com o Chega”, dixo en setembro do pasado ano e, máis recentemente, nun dos debates televisados sinalou que o partido de Ventura “tem muitas vezes opiniões racistas, xenófobas, populistas e excessivamente demagógicas” e “usa uma linguagem que não se compadece com os princípios do PSD”.
Iso si, durante a campaña a AD fixo as beiras ao electorado de Chega, buscando a mesma concentración do voto conservador que o PS persegue na esquerda. Un sector do PSD ve con mellores ollos un acordo con Chega e o propio Passos Coelho afirmou que a formación “não deixará de procurar o que lhe faltar para poder fazer o que é preciso” e poder así gobernar o país.
A outra grande incógnita é a dimensión do ascenso electoral do Chega, que busca entrar no Goberno a través dun pacto coa AD. Resistirá o PSD a tentación de aceptar os votos da ultradereita para desaloxar o Partido Socialista?
O escenario que debuxan as sondaxes deixa a Portugal preto dunha situación de bloqueo, con PS e AD lonxe da maioría absoluta (á que non chegarían nin sequera co apoio de BE, CDU, Livre e PAN ao PS ou de IL a AD) e a gobernabilidade do país en mans de Chega ou dun hipotético acordo entre as dúas grandes forzas do país para deixar gobernar a que obteña máis votos e escanos. Durante a campaña o candidato socialista, Pedro Nuno Santos, mesmo suxeriu que podería deixar gobernar a Montenegro, se este resulta ser o máis votado, para evitar a entrada de Chega no Executivo. Unha posibilidade que, á inversa, non foi contemplada publicamente por Montenegro, no caso de que o PS fique por diante.
A outra grande incógnita refírse á dimensión do ascenso electoral do Chega, que busca aterrar no Goberno de Portugal a través dun pacto coa Aliança Democrática. Resistirá o PSD a tentación de aceptar os votos da ultradereita para desaloxar o Partido Socialista?