António Costa, que segue á fronte do executivo ata as eleccións de marzo, asume a carteira de Infraestruturas tras dimitir o ata agora titular e o xuíz que supervisa a investigación da Fiscalía reduce os presuntos delitos a tráfico de influencias
A operación policial instada pola Fiscalía o pasado 7 de novembro contra unha presunta trama de corrupción no Goberno de Portugal para facilitar permisos a diversas empresas, entre elas dúas minas de litio nas proximidades da fronteira con Ourense, segue a estender os seus efectos sobre a vida política lusa mentres se reducen ou cando menos matizan os xudiciais. Ao tempo, os partidos están inmersos nos debates internos previos á celebración das eleccións adiantadas fixadas para o 10 de marzo.
Tras a operación policial do día 7 na propia residencia oficial do primeiro ministro, António Costa, onde se atoparon 75.000 euros en efectivo no despacho do seu xefe de gabinete, e a súa dimisión, dous días despois o presidente da República convocou eleccións para o 10 de marzo. Porén, este luns o xuíz que supervisa a actuación da Fiscalía rebaixou o alcance da operación e deixou en liberdade os detidos, retirando diversos cargos de corrupción contra eles e mantendo sobre as persoas máis directamente vinculadas con Costa só as sospeitas de tráfico de influencias.

Ao tempo diversos medios portugueses publicaron que as escoitas telefónicas realizadas na investigación confundiron referencias que nelas se facían a o ministro de Economía, António Costa Silva, co primeiro ministro, do mesmo nome. Porén, a Fiscalía pide tempo para analizar toda a documentación coa que conta e aínda ten nas súas mans a posibilidade de volver ampliar os cargos e as persoas investigadas.
Canto ás derivadas políticas, o primeiro ministro continuará en funcións ata as eleccións do 10 de marzo, pero ademais dos cargos do seu goberno xa detidos na operación do día 7, este luns dimitiu tamén o seu ministro de Infraestruturas, João Galamba, tamén implicado na investigación. A marcha de Galamba non suporá o nomeamento dun novo ministro senón que o propio Costa asumirá esas competencias, segundo anunciou este mércores. Unha área na que segue pendente a concreción da prometida aposta dos socialistas portugueses polo tren de alta velocidade no eixo Vigo-Porto-Lisboa, sen un quilómetro aínda licitado.
Os partidos xa están inmersos nos debates internos previos ás eleccións, cos socialistas Pedro Nuno Santos, ministro de Infraestruturas ata xaneiro, e José Luis Carneiro, titular de Interior, como mellor colocados para suceder a Costa
Galamba chegou ao goberno en xaneiro deste ano tras a dimisión daquela do seu antecesor Pedro Nuno Santos pola polémica xerada pola indemnización que pagou a unha directiva a compañía aérea pública TAP. E agora é precisamente Pedro Nuno Santos un dos dous socialistas mellor colocados para asumir a candidatura do partido nas próximas eleccións, en competencia co actual ministro do Interior, José Luis Carneiro. Dar tempo a esa reorganización interna do PS tras a saída de Costa, xunto co desexo de que se aproben antes os orzamentos do Estado para 2024, foron os argumentos esgrimidos polo presidente da República para demorar ata o 10 de marzo as novas eleccións.
Os novos comicios chegarán dous anos despois dos anteriores, de xaneiro de 2022, cando o PS logrou a maioría absoluta tras un goberno previo en minoría mantido gradas a un acordo con outras forzas de esquerdas, a denominada geringonça. Ante unhas novas eleccións cun PS aparentemente debilitado coa caída de Costa o resto da esquerda abre a porta a reeditar un acordo similar.
Pola súa banda, na dereita o líder do Partido Social Demócrata (PSD), Luís Montenegro, di que é o momento do cambio, e ver aumentar as súas expectativas electorais, pero as enquisas seguen a condicionar un posible goberno encabezado por el a un pacto coa extrema dereita de Chega.