O Goberno portugués vén de dar esta semana o visto e prace ambiental á mina de litio perto de Covas do Barroso, localidade do concello de Boticas a uns 25 quilómetros da fronteira con Galicia. A Agência Portuguesa do Ambiente (APA) emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) condicionada que, malia todo, non satisfai os colectivos e as administracións críticas cunha concesión que afecta 593 hectáreas e na que se pretende explotar unha área de algo máis de 70 con presenza deste prezado metal, clave para fabricar baterías de móbiles e de coches eléctricos.
A forte contestación social na zona e o rexeitamento do alcalde e de grupos ecoloxistas non impediu botar para adiante a que será a primeira mina de litio na Península Ibérica, nun dos grandes xacementos deste produto en Europa e nunha aposta global de Portugal que prevé completarse con outra explotación semellante para a extracción do mesmo material un chisco máis ao norte -en Montalegre, a 15 km de Galicia- que se atopa tamén en proceso de avaliación ambiental.
Portugal vén de dar o visto e prace ambiental á primeira mina de litio na península, a 25 km da fronteira con Galicia; a só 15 km prevese outra que está pendente do aval do Goberno
Este último, aínda sen aval ambiental do Goberno luso, queda dentro da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, mentres que a mina recentemente avalada sitúase a menos de dez quilómetros. No caso da iniciativa en Barroso, e malia a DIA positiva, ten aínda que cumprir con varias condicións para ter o visto e prace definitivo nun ano e empezar a producir a partir de 2026, co obxectivo de extraer litio dabondo para abastecer medio millón de coches ao ano.
É a empresa británica Savannah a que prevé explotar durante uns 17 anos o terreo no que será a mina de litio a ceo aberto máis grande de Europa Occidental. Nun comunicado, amosou a súa satisfacción polo paso adiante dun proxecto que permite a Portugal "dar o seu primeiro paso para asumir un papel importante na cadea de valor de litio e a transición enerxética en Europa". De feito, o da mina de Barroso inclúese nun megaproxecto liderado por Galp de máis de 900 millóns de euros para a creación dun clúster de baterías no país veciño cos fondos Next Generation da UE.
Entre as compensacións e condicións impostas pola APA para o visto e prace ambiental está a de garantir que os beneficios socioeconómicos redundan tamén na área afectada. A mineira comprométese a compartir activos de infraestruturas, de transporte ou sanitarios; á limpeza regular do monte, a construír unha conexión a unha autoestrada, á creación dunha fundación que recibirá medio millón de euros anuais para iniciativas na comunidade, a non extraer auga do río Covas ou proxectos para a descarbonización e para o apoio do patrimonio cultural e medioambiental da zona.
Alí, a plataforma cidadá Unidos em Defesa de Covas do Barroso (UDCB) repudiou “veementemente” a DIA favorable que considera “um desrespeito pelos direitos ambientais, humanos e sociopolíticos” e prometeu que continuará a “defender a natureza e proteger as populações da ameaça de minas a céu aberto”. Ademais, en declaracións ao diario portugués Público, o alcalde de Boticas, Fernando Queiroga, foi claro: “A nossa posição é que este projecto não avance”. “Vou reunir-me com as equipas que nos estão a assessorar neste processo, ver agora as possibilidades de recursos quer em instâncias nacionais, quer em internacionais. Tudo o que estiver ao nosso alcance iremos fazê-lo”, insistiu.
“A nossa posição é que este projecto não avance”, di o alcalde do concello onde se sitúa a mina e que anuncia recursos "quer em instâncias nacionais, quer em internacionais"
“A APA não teve em conta a posição dos organismos quer da câmara municipal, quer das juntas da freguesia, quer da população, nem teve em conta a distinção única do país que é a classificação de Património Agrícola Mundial, juntamente com Montalegre", explicou o alcalde. Porque, precisamente, Boticas e Montalegre son parte da comarca do Barroso, rexión que en 2018 foi unha das primerias europeas en ser declarada pola FAO como Sistema Importante do Patrimonio Agrícola Mundial polo seu sistema agrario, silvícola e pastoril na que árbores e culturas coexisten, cunha poboación que conserva unha forma tradicional de traballar a terra, coidar o gando e prestar axuda mutua.
A afectación a esta forma de labor e vida é unha das razóns que a contestación cidadá esgrime para opoñerse aos proxectos mineiros a ceo aberto en Barroso, nomeadamente sobre este primeiro proxecto con aval que vira rexeitado o seu primeiro intento de obter unha DIA positiva.
Movementos ambientalistas e a plataforma UDCB insisten en numerosos impactos negativos da explotacion, como "a destruição da paisagem, da flora e da fauna com efeitos dramáticos e a longo prazo causados pela exploração a céu aberto" ou as "ameaças para a saúde e a degradação da qualidade de vida da população das aldeias circundantes com ruidos de explosões e máquinas e emissões atmosférica de partículas produzidas pela pulverização necessária para a concentração do lítio".
Autoridades, grupos ecoloxistas e veciñanza están unidos contra os proxectos na rexión do Barroso, declarada en 2018 Patrimonio Agrícola Mundial
Tamén advirten da "redução do fornecimento e qualidade da água para a área a sul da mina, dado o consumo de mais de 390 mil metros cúbicos de água por ano para lavar o minério extraído", así como unha "inevitável contaminação dos lençóis freáticos por escorrências". Tamén "a delapidação do património histórico, familiar e ambiental pela perda das terras e da sua aptidão natural bem como pelos danos causados por vibrações".
En Galicia, Joám Evans, da área de Minaría de Ecoloxistas en Acción, insiste no impacto de proxectos coma este na Reserva da Biosfera do Xurés, "que obviamente é única en termos ambientais e ecolóxicos aínda que unha fronteira pase polo medio", así como a "vinculación" que os movementos contra estas minas a ceo aberto no Barroso tiveron sempre con plataformas análogas en Galicia. "Sempre apoiamos a súa loita, a loita dunha terra con moito vencello e semellanza, desde o punto de vista etnográfico, paisaxístico e cultural, coa provincia de Ourense. "Sempre houbo participación e solidariedade entre a veciñanza dun e doutro lado da raia", insiste.
Para Evans, unha das principais eivas do proxecto mineiro no Barroso foi, "como en Galicia, a vulneración do dereito á participación no proceso". "Desde o inicio o Estado portugués incumpriu as obrigas de acceso á información ambiental", destaca. Tanto a mina Romano en Morgade, Montalegre, como o proxecto en Barroso tiveron que someterse á consulta transfronteiriza que permite que o Estado español abra un proceso para presentar alegacións pola afectación que a explotación puidese ter en zonas de Galicia.
Precisamente, desde o Executivo luso defenden que o proxecto agora avalado ambientalmente nas Covas do Barroso foi alterado substancialmente fronte á proposta inicial, aumentando a protección sobre os cursos de auga e a biodiversidade ou mellorando a xestión de residuos. No fondo, tamén, unha aposta clara polo litio por parte do Goberno nun país, Portugal, que ten máis de 60.000 toneladas de reservas deste material, sendo a oitava maior reserva mundial, só por tras dos EUA, a Arxentina, Australia, Canadá, Chile, a China e o Brasil.
O contexto é o dun futuro onde a utilización de vehículos eléctricos en detrimento dos de motor a combustión interna fará máis imperiosa a necesidade de Europa -que importa o 24% de toda a explotación mundial de litio- de asegurarse o aprovisionamento deste material.
Portugal é a oitava maior reserva mundial de litio, a máis importante da UE, que ten gran dependencia das importacións para fornecerse deste metal
Ademais, a dependencia das importacións de concentrados de litio rolda o 85% na UE, que é totalmente dependente das importacións dos compostos procesados porque non hai ningún estado que leve a cabo procesos de refinado, como destaca Susana María Timón, científica titular do Departamento de recursos xeolóxicos para a transición ecolóxica do Instituto Geológico y Minero de España (IGME - CSIC).
Na súa opinión, a importancia económica e o risco no subministro do litio "require plantexar a decisión sobre se explotar os recursos de maneira responsable e diminuír a gran dependencia das importacións ou deixar os nosos xacementos sen utilizar e seguir comprando as materias primas, necesarias para a transición ecolóxica, a outros países produtores e ao prezo que marque o mercado internacional".
Galicia tamén conta con xacementos
E en Galicia? Pois o país é un dos territorios da Península Ibérica onde existen importantes mineralizacións de litio, ademais de en Portugal, Castilla y León e Extremadura, onde hai proxectadas dúas minas. No entanto, desde 2011 non hai explotación activa ningunha.
Só unhas semanas atrás, Ecoloxistas en Acción e a plataforma SOS Suído Seixo denunciaron novas sondaxes nunha das minas de litio sen explotación activa, a Alberta I, situada entre as provincias de Pontevedra e Ourense. En concreto, os ecoloxistas interpuxeron varias denuncias contra a empresa Recursos Minerais de Galicia pola nova campaña de sondaxes que iniciaron no monte veciñal en man común de Doade, logo da derrota xudicial do proxecto mineiro do ano pasado, cando a Xunta intentou tramitar o proxecto sen sometelo á avaliación de impacto ambiental e foi tombado nos tribunais. Desde a entidade ecoloxista advírtese, ademais, que a empresa "fragmenta artificialmente" o que en realidade é "unha macromina" "coa que pretende explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de vinte quilómetros, incluíndo varias a ceo aberto".
"O principal problema neste tipo de minaría é que para sacar unha pequena cantidade de litio fanse buratos moi grandes e xéranse unha importante cantidade de residuos. Á marxe do impacto paisaxístico, da ruptura da conectividade ecolóxica ou da afectación ás actividades locais e económicas, o depósito dos refugallos mineiros é o máis controvertido", insiste Evans respecto do proxecto portugués, que cre que ten unha proposta para almacenar os desperdicios "totalmente temeraria". "Co paso dos anos, será cuestión de tempo que todo colapse e hai informes que advirten claramente do risco e do impacto que pode ter nos ríos e en todo o sistema fluvial do Douro", explica.
"O principal problema nesta minaría é que para obter pequenas cantidades de litio fanse buratos moi grandes e xéranse moitos residuos, cuxo deposito é moi complexo"
Evans lembra que a de Barroso é a primeira mina de litio que se autoriza na península e que, "se acaba indo adiante, pode supor abrir a porta a moitas máis" algo que, na súa opinión, non ten nada de positivo. "A forma de extracción ten moito impacto e é certo que o mesmo está ocorrendo naqueles países desde onde se importa o metal a Europa, pero aquí a cuestión é que o tipo de transición enerxética que se propón non é viable", engade.
Segundo di, o impulso a estas "macrominas" de litio fundaméntase, sobre todo, no desenvolvemento actual e futuro do coche eléctrico, "un vehículo que de momento é individual e destinado a un mercado de luxo". "O risco é converter este metal no novo petróleo cando cada vez hai máis alternativas e máis axeitadas", insiste quen lembra que "ninguén pensa nas emisións de gases de efecto invernadoiro que a minaría a grande escala coma esta está a provocar tamén á vez que se impulsa a electrificación do parque automobilístico".