Investigadores de Vigo proban con éxito o litio para tratar a Covid-19 en casos graves: "Diminúe a inflamación e potencia o sistema inmune"

O neurocientífico Carlos Spuch, xunto a outras investigadoras do IIS-Galicia Sur, nunha xornada divulgativa CC-BY IIS-Galicia Sur

As dimensións da Covid-19, que se converteu en pandemia en pouco tempo, provocaron unha revolta no eido da investigación biomédica, que afronta o seu maior reto desde que comezou o século XXI. No Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o xefe do Servizo de Psiquiatría, José Manuel Olivares, pensou no litio como un elemento que podía axudar a paliar os efectos do coronavirus ao lembrar uns artigos publicados no ano 1970 que apuntaban a súa acción antiviral. O resultado son unha ducia de persoas curadas e un ensaio clínico máis ambicioso pendente de autorización.

Unha ducia de pacientes moi graves pola Covid-19 superaron a enfermidade co tratamento con litio no hospital de Vigo

"Comezamos a revolver na bibliografía e vimos que coa epidemia do virus SARS-CoV-1 houbo laboratorios de Korea e Singapur que fixeron ensaios nos que o litio era capaz de matar o virus no laboratorio. A partir de aí, había outros estudos máis recentes nos que se trataba con litio distintos tipos de virus", conta Carlos Spuch, doutor en Neurociencia e investigador sénior do Grupo de Neurociencia Traslacional, que dirixe Olivares, dentro do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Carlos Spuch é investigador sénior no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur de Vigo CC-BY CRAEGA

Spuch é o primeiro asinante do artigo 'Does lithium deserve a place in the treatment against COVID-19? A preliminary observational study in six patients, case report’ ('Merece o litio un lugar entre os tratamentos contra a Covid-19? Un estudo preliminar que observa seis pacientes, caso práctico’), que acaba de publicar a revista especializada Frontiers in Pharmacology cos resultados dos seis primeiros pacientes de Covid-19 tratados con litio.

Antes de probalo contra a Covid-19, comprobaron o rexistro de pacientes da área sanitaria de Vigo a tratamento con litio por cuestións de saúde mental e resultou que ningunha desas máis de 450 persoas estaba afectada polo coronavirus. O mesmo sucedeu nunha análise na área sanitaria de Bilbao (con máis incidencia do virus que a viguesa), na que dos máis de 1.100 pacientes tratados con litio só unha muller deu positivo en Covid-19 ao estar sometida a unha gran carga viral por ser coidadora do seu marido, que faleceu pola pandemia.

Carlos Spuch explica que para empregar o litio nos doentes coa Covid-19 precisábase que foran persoas que presentaran patoloxías compatibles co uso habitual do litio, pois estamos ante un uso do fármaco que aínda non está aprobado polo feito de ser moi novidoso. "Moitas veces, as persoas que ingresan no hospital desenvolven síntomas maníacos polo mero feito de verse alí. Neses casos avísase a Psiquiatría, para que valore o seu estado, polo que nós puidemos probar a efectividade do litio na Covid-19 cando se daba esta circunstancia", sinala.

"Sabiamos que os pacientes tratados con litio teñen un sistema inmune máis forte", asegura Carlos Spuch

"Sabiamos que os pacientes tratados con litio teñen un sistema inmune máis forte, pois este elemento actúa como estimulador do sistema inmunolóxico das persoas", describe o investigador. A nivel molecular, están estudadas as dúas accións que realiza o litio. Por un lado está a acción antiviral: "O virus cando comeza a replicarse entra nunha célula e emprega un enzima que se chama ARN polimerasa, que precisa dun ión para funcionar e normalmente emprega o magnesio; pero como o átomo do litio é moi semellante ao do magnesio, intercámbiase, e esta enzima colle o litio e bloquéase". Mentres que a outra acción coñecida que leva a cabo o litio é a de "potenciar os linfocitos" para lograr "que o sistema inmune sexa moito máis robusto".

"Os pacientes que tratamos tiñan uns niveis altísimos de inflamación e comprobamos que o litio, en cuestión de 24 horas, é capaz de diminuíla de forma significativa. Outra característica destes doentes de Covid-19, que é algo que tamén sucede nas persoas con VIH, é que teñen uns niveis de linfocitos baixísimo e co litio, ás 48 horas, os niveis comezan a recuperarse e volver a cifras normais", relata Spuch, que está a buscar financiación para estudar no laboratorio se o litio potencia especificamente uns linfocitos que loitan contra virus e patóxenos.

O litio é un dos fármacos máis antigos, conta coa aprobación da FDA (a Administración de medicamentos e alimentos dos Estados Unidos) para o uso terapéutico desde 1949. Emprégase habitualmente para o tratamento do trastorno bipolar, en algúns tipos de depresión resistente e nalgúns tipos de esquizofrenia. En concreto, en medicina emprégase o carbonato de litio.

Demostraron que o litio é capaz de diminuír a inflamación "de forma significativa" en 24 horas nos doentes con Covid-19 que trataron

No artigo de Frontiers in Pharmacology, tamén asinado polas investigadoras predoutorais Marta López-García e Daniela Rodrígues-Amorím e pola investigadora posdoutoral Tania Rivera-Baltanás, salientan que "non houbo efectos secundarios relevantes relacionados co carbonato de litio". "En total, levamos doce pacientes tratados e curados", celebra Carlos Spuch.

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no que está o IIS-Galicia Sur © Sergas

Ensaio clínico

Agora están a agardar pola autorización da Axencia Española do Medicamento para comezar con ensaio clínico que permitirá contrastar os resultados obtidos ata o momento. "Queremos, ademais de tratar pacientes moi graves como xa fixemos, ver o que pasaría con persoas que non están tan graves como as que rematan na UCI", indica o investigador do IIS-Galicia Sur. Mentres, poderán seguir tratando a doentes da Covid-19 que tamén precisen tratamento psiquiátrico.

"Queremos ver o que pasaría con persoas que non están tan graves como as que rematan na UCI", sinala Spuch

Ampliar o uso do litio a outros pacientes tamén permitirá comprobar as doses necesarias do fármaco, pois Spuch conta que hai dúas rexións na Argentina, onde este elemento está presente na auga de maneira natural, que están preto das minas de litio existentes no país e nas que a incidencia do coronavirus foi moito menor e non houbo falecementos. "Sospeitamos que doses moi baixas de litio poderían funcionar, pero isto require unha investigación", di Spuch.

Por outra banda, o investigador vigués destaca que o litio é un fármaco "moi barato" que non necesita unha patente e podería chegar de maneira sinxela a países con problemas como pode ser Perú, que está a rexistrar cifras de falecementos moi altas polo coronavirus. O equipo do IIS-Galicia Sur involucrado nesta investigación está en contacto con dous médicos do país andino e enviáronlles o seu protocolo co litio para que o proben. "Este fármaco pode chegar a todas partes, creo que paga a pena que se extenda", incide Spuch.

"Creo que coa Covid-19 conviviremos xa no futuro, esperemos que simplemente sexa un virus transitorio que se alguén o colle non teña que ingresar no hospital e quede un pouco como unha anécdota. Pero se aprendemos do mecanismo que ten, isto poderá servirnos para estar preparados cara a novas infeccións virais que deixen en xaque ao sistema", asevera o investigador. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.