Política Social autoriza reabrir as escolas infantís o 1 de setembro pero as súas non o farán ata o 4

Unha escola infantil autonómica baleira CC-BY-SA Xunta

A consellería comezará a realizar probas PCR ao persoal de centros sociosanitarios que volva de permisos e vacacións tras acordalo así a nivel estatal pero aínda o estuda para os centros de día

A Consellería de Política Social fixo oficial este luns a súa autorización para que as escolas infantís poidan reabrir en Galicia o martes 1 de setembro, malia que as da súa propia titularidade non o farán ata o venres 4. Tamén este luns Política Social informou dos cambios que se verá obrigada a introducir en data aínda non concretada no seu protocolo para centros sociosanitarios -como a realización de probas PCR ao persoal de residencias que volva de permisos e vacacións- tras ser acordados o pasado venres a nivel estatal e despois de que as decisións en materia sanitaria -como o peche do ocio nocturno- fosen xa concretadas pola Xunta no Diario Oficial de Galicia (DOG) apenas un día despois, o sábado

Unha residencia de maiores, nunha imaxe de arquivo © DomusVi

Pechadas desde o 13 de marzo, a Xunta non informou ás familias ata o 29 de maio de que as escolas infantís non volverían a abrir durante o pasado curso

Pechadas desde o 13 de marzo, non foi ata o 29 de maio que o propio Feijóo informou ás familias de que as escolas infantís entre 0 e 3 anos non volverían abrir durante o pasado curso. Este luns, apenas dúas semanas antes da reapertura, a Consellería de Política Social concretou de xeito oficial a data coa publicación no DOG dunha resolución asinada o 4 de agosto e adiada ata agora que acorda “a reapertura dos servizos e centros de atención á infancia como escolas infantís 0-3, puntos de atención á infancia, casas niño, espazos infantís e ludotecas a partir do 1 de setembro de 2020”. 

Nesa data poderán abrir as escolas infantís privadas ou titularidade doutras administracións, pero para as autonómicas a Xunta xa fixara o 4 de setembro como data de inicio do novo curso cando a mediados de maio abriu o proceso de matrícula e sen informar aínda daquela de que xa non volverían abrir durante o curso anterior.

Tamén este luns, dous días despois de que o sábado a Consellería de Sanidade concretase nunha edición extraordinaria do DOG a aplicación aquí das medidas sanitarias acordadas o venres a nivel estatal, Política Social informou dos cambios que introducirá no seu protocolo para centros sociosanitarios. En rolda de prensa o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, avanzou que, agora si, faranse probas PCR ao persoal das residencias que se incorpore aos seus postos de traballo tras vacacións e permisos.

Porén, esa medida aínda está en estudo para o caso dos centros de día, sector no que a Xunta vén adiando e corrixindo decisións desde o comezo do desconfinamento, convertendo a Galicia na última comunidade autónoma na que reabriron.

Política Social tamén restrinxirá ao máximo nas residencias tanto as saídas de residentes como as visitas, que só poderán ser dunha única persoa por residente e dun máximo dunha hora de duración.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.