O pasado 14 de maio, a Xunta asegurou estar "á espera de que o Goberno central fixe uns criterios claros sobre os prazos e condicións para a reapertura" das escolas infantís de cero a tres anos despois do peche total a causa do coronavirus. Anunciábao no marco da apertura do prazo de solicitude de matrícula para o vindeiro curso, que rematou este venres. Foi tamén este venres cando o Executivo galego anunciou, a través de Alberto Núñez Feijóo, que finalmente non haberá reapertura ata ese vindeiro curso 2020-21.
Inicialmente, a Xunta asegurou dilatar a decisión por non existir "criterios claros" do Goberno central para a reapertura das escolas, á que finalmente renuncia por ver imposible "garantir a distancia física necesaria" para evitar contaxios
Dende aquel comunicado do 14 de maio, a Xunta asegurou en varias ocasións -varias delas, a través do propio Feijóo- que seguía a "valorar" a posibilidade de reabrir ou non estas escolas. A decisión dilatábase, culpou, por non existir criterios "comúns" por parte do Goberno central. Pero tamén, detallou, polas discrepancias "doutrinais" entre diferentes voces expertas da pediatría sobre as consecuencias que a reapertura podería ter no control da pandemia.
Despois do Consello da Xunta deste 29 de maio, Feijóo anunciou finalmente que, como os centros de día para maiores e persoas con discapacidade, as escolas infantís tampouco van "retomar a súa actividade ata o curso que vén". A determinación apóiase nas "dúbidas" de "distintas sensibilidades" das sociedades de pediatría e a representantes de escolas "tanto públicas como privadas". A conclusión, di, foi que é imposible "garantir a distancia física necesaria" para evitar potenciais contaxios da covid-19.
Anuncio de axudas
Segundo avanzou Feijóo, nas vindeiras semanas a Xunta lanzará un "bono coidado extraordinario" para paliar as dificultades que poida causar na "conciliación" das familias o peche destas escolas ata setembro mediante a contratación de coidados a domicilio. Á espera de coñecer a convocatoria e as datas de referencia, tras a reunión semanal do Consello o Executivo indicou que "este bono estará dotado de 500 euros ao mes, terá vixencia ata que reabran os centros e poderase aplicar con efectos retroactivos" dende a declaración do estado de emerxencia sanitaria polo coronavirus, o día 14 de marzo.
A Xunta avanza que prevé aprobar un "bono coidado extraordinario" de ata 500 euros mensuais para familias con ingresos de ata 806 euros por membro que contratasen coidados a domicilio para nenas e nenos a partir do 13 de marzo
Sempre segundo o indicado pola Xunta, a previsión é que "poidan solicitar esta axuda todas as familias que teñan fillos de ata 13 anos" cuxos proxenitores "traballen fóra da casa". O límite económico será "que os ingresos da familia non superen os 806 euros netos ao mes por membro" e que "os servizos de atención a domicilio se contratasen despois da declaración de emerxencia sanitaria", isto é, con data posterior ao 13 de marzo.
A Xunta tamén inclúe no que presenta como "paquete extraordinario de medidas de conciliación" a organización dos habituais campamentos de verán para "as mozas e mozos de entre 8 a 18 anos", que como adoito comezarán a mediados de xullo. A novidade deste ano será o "importante reforzo das medidas de seguridade" polo coronavirus, sinala. Así e todo, polo momento o Goberno galego di estar a "dialogar co sector do tempo libre" para "analizar as posibilidades dos albergues e campamentos" e "perfilar as características dunha campaña que se desenvolverá en circunstancias extraordinarias".