O devalo demográfico é un dos principais problemas do país. Durante as cinco fins de semana de agosto contamos os trámites, trabas e dúbidas a que se enfronta unha familia acabada de nacer na súa relación coa administración. No terceiro capítulo, as dificultades de conciliar mentres se atopan recursos para conciliar.
Antes mesmo de que o bebé protagonista desta serie de reportaxes chegase ao mundo con 35 cueiros baixo o brazo e de que comezase o seu peregrinar de oficina en oficina da administración para formar parte da cidadanía, os proxenitores xa se tiveron que preocupar, entre as inquedanzas sanitarias de todo embarazo, por buscarlle unha gardería a quen aínda non nacera. Porque os tempos da natureza non sempre van ao ritmo dunha Administración e igual que a Tarxeta Benvida se recibe catro meses despois do nacemento, as garderías hai que buscalas antes.
Malia ser supostamente recursos de conciliación, a administración segue a tratar as garderías como centros educativos que inician o curso en setembro e o rematan en xullo de xeito que as inscricións para o seguinte curso hai que realizalas ao longo da primavera. Naza cando naza o rapaz. Ese é o período ordinario e calquera outro momento no que se queira realizar unha inscrición, ademais de estar condicionado pola falta de prazas, xa ocupadas polos que accederon antes, depende de que a circunstancia que o motive, debidamente acreditada, sexa considerada xustificada por parte da administración. Ata hai pouco, máis difícil aínda, non se podía pedir praza ata que nacese o bebé.
A rede de garderías públicas non é única; non é só que haxa garderías municipais e garderías da Xunta, é que a propia Xunta conta con dúas redes paralelas para as que hai que formular solicitudes distintas
Pero sen poñerse no peor, tampouco pedir praza nunha gardería pública no período ordinario de matrícula resulta doado. Pode coincidir, como foi o caso, que ese período chegue co bebé acabado de nacer, o que dificulta a mobilidade da familia para conseguir os documentos precisos e presentar as solicitudes. Ademais, a rede de garderías non é única. Non é só que haxa garderías municipais e garderías da Xunta. É que a propia Xunta conta con dúas redes paralelas, unha de garderías xestionadas a través da Axencia Galega de Servizos Sociais, e outra a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, este último con participación dos concellos. E hai que formular unha petición distinta para cada unha desas dúas redes de garderías. Ou tres, contando coas municipais. Ou catro, se engadimos as privadas, cada unha cos seus propios procedementos. Porque a ver quen se arrisca a pedir praza nunha soa gardería e logo non obtela.
As garderías da Xunta amósanse estritas cos horarios de entrada e saída con independencia de que os proxenitores poidan algúns días coidar eles mesmos dos bebés e evitar que así pasen tanto tempo nos centros
No caso das dúas redes de garderías da Xunta, ademais, os impresos son similares (ollo, un chámase BS404A e o outro BS402A) pero os requisitos de documentación lixeiramente distintos. Nos dous casos, as familias poden solicitar dúas garderías como primeira e segunda opción, nas que obterán praza en función de parámetros como a renda ou outras circunstancias familiares (si, ao igual que na baixa por paternidade ou maternidade, ou á hora de adaptar ou reducir os horarios laborais, o funcionariado da Xunta ten privilexios a respecto do resto de galegos e galegas). Pero tamén en función do horario que soliciten. Porque si, malia que as garderías disque son para conciliar, o horario, limitado a un máximo de 8 horas ao día, póñeno elas. E ese, xunto co emprazamento da gardería (nas vilas ou cidades onde haxa varias), adoita ser a principal preocupación das familias.
A familia protagonista desta reportaxe podía adaptar a hora de entrada do seu bebé, pero interesáballe que a hora de saída puidese ser non antes das 18 horas, algo que non ofrecen todas as garderías, nalgúns casos parecería que pensadas para acoller a fillos ou fillas de cidadáns de calquera país de Europa excepto do que ten uns horarios vespertinos máis contrarios á conciliación. Pero nunha visita, previa a formular as solicitudes, a unha das garderías públicas que supostamente tiña apertura oficial ata as 18 horas a súa directora, ao tempo que atendía a un familiar seu presente no despacho, comunicaba que iso podía non ser así. Se finalmente non había demanda suficiente de familias, podía establecerse que a hora límite se adiantase ás 17 horas. “E que facemos se nos dan praza aquí coa idea de traelo ata as 18 horas e despois a gardería pecha ás 17?”. A resposta foi un encollemento de ombreiros.
Iso si, as garderías da Xunta deixan ben claro que a flexibilidade de horario que a administración se dá a si mesma non é aplicable aos proxenitores. O horario que indiquen para o seu fillo ou filla debe ser o mesmo sempre e non poderán levalo ao centro máis tarde ou recollelo antes. “E se polo noso traballo temos a posibilidade de que algúns días o bebé pase menos tempo na gardería e máis tempo con nós?” Non, salvo excepcións como ir ao médico. Que creran os pais? Que as garderías son para conciliar?
As garderías públicas hai que pagalas e os seus prezos nalgúns casos non difiren moito dos dalgunha gardería privada
Realizadas pois varias solicitudes a varias garderías con varias posibilidades horarias polo que poida pasar, o seguinte paso é estar pendente do Diario Oficial de Galicia, que será onde a Xunta anuncie que xa baremou as solicitudes recibidas e que os interesados teñen praza en tal ou cal gardería. E si, como hai dúas redes distintas, poden obter praza en dúas garderías distintas, que deben escoller e na que deben formular matrícula (nun prazo determinado do que non se informa directamente aos solicitantes senón a través do Diario Oficial de Galicia) certificando nese trámite, como última novidade do proceso, que o bebé conta coas vacinas ao día (nese aspecto afondaremos na próxima entrega desta serie).
Pero non, a familia desta reportaxe non se matriculou. Vendo as dificultades para garantirse un horario adecuado e os obstáculos que puñan nas garderías públicas para que o bebé pasase sempre que fose posible máis tempo cos proxenitores que no centro, optara por unha privada. Ben, por iso e porque as garderías públicas hai que pagalas e os seus prezos nalgúns casos non difiren moito dos dalgunha gardería privada. Si, o seu funcionamento canto aos prazos de matrícula e horarios de permanencia no centro é como o dun colexio público, pero mentres estes son gratuítos porque así o esixe a educación universal, non ocorre o mesmo coas garderías, con tarifas, en función da renda, que poden chegar aos 243 euros ao mes co comedor incluído.
Para as familias que non obteñan praza nunha gardería pública a Xunta creou o Bono Concilia co que subvenciona unha privada
Tamén pode ser que non obteñas praza na gardería pública que solicitaches, e para iso a Xunta creou o denominado Bono Concilia, unha achega económica, tamén en función da renda familiar, para que quen non logre praza pública (ou porque non haxa no seu concello) teña unha axuda para pagala nun centro privado.
Pode que alguén teña a tentación de pedir praza nunha única gardería pública moi solicitada coa expectativa de que lla deneguen para así ter acceso ao Bono Concilia co que sufragarse unha gardería privada máis cara da súa elección. Pero primeiro tería que ter garantida esa praza privada, algo que non é doado polos prazos de matrícula non sempre coincidentes dos centros privados ou porque xa estean completos. Moito risco para acabar pagando o mesmo nunha ou noutra cando o que tes na cabeza é que o bebé estea atendido o mellor posible nun lugar que resulte cómodo para que a familia concilie. Porque diso ían as garderías, de conciliar, non?