A Consellería de Política Social está a estudar a posibilidade de que estar ao día no calendario de vacinacións sexa requisito obrigatorio para que un neno ou nena poida inscribirse nalgunha das escolas infantís públicas. A medida conta xa co aval da Asesoría Xurídica da Xunta, que vén de emitir un informe que subliña que esta condición de acceso é prioritaria na protección da saúde dos menores (recollida no artigo 43 da Constitución) e que, en cambio, non contravén "de ningún xeito" a liberdade ideolóxica, relixiosa ou de culto das familias (artigo 16).
O obxectivo é "velar polo ben común dos menores protexéndoos de calquera enfermidade e garantir a inmunidade do grupo"
O obxectivo da medida é "avanzar na concienciación das nais e pais sobre a necesidade de inmunizar ás súas fillas e fillos ante posibles contaxios", co obxectivo de "velar polo ben común dos menores protexéndoos de calquera enfermidade e garantir a inmunidade do grupo".
Comunidades autónomas como Estremadura e Castela e León xa requiren o calendario de vacinación para formalizar a matrícula. E nos últimos tempos os tribunais superiores de xustiza de Cataluña e A Rioxa teñen ditado sentenzas neste senso. O informe tamén lembra a posición favorable a esta medida manifestada pola Comisión Central de Deontoloxía da Organización Médica Colexial e pola Rede Galega de Investigación Pediátrica.
Os riscos da expansión dos grupos anti-vacinas
Estremadura ou Castela-León e países como Italia ou Francia xa esixen a vacinación para acceder aos centros de ensino
Nos últimos anos a extensión en toda Europa de colectivos que rexeitan as vacinacións masivas (nalgúns casos por razóns relixiosas, noutros por un rexeitamento ás empresas farmacéuticas ou seguindo bulos acientíficos) está provocando a reaparición de enfermidades infecciosas que estaban practicamente desaparecidas. No ano 2015 un neno morreu de difteria en Olot (Girona) porque non fora vacinado contra esta enfermidade, pois os seus pais -partidarios das chamadas medicinas alternativas- rexeitaran facelo.
Estes avances de doenzas que xa deixaran de ser un problema nos nosos países están afectando a adultos anteriores aos programas de vacinación e a nenos e nenas cuxos pais e nais decidiron non vacinar, pero tamén a un 10% de persoas si vacinadas pero que non responden ao tratamento. Con todo, estas persoas estaban ata agora protexidas polo feito de que a práctica totalidade da poboación estaba vacinada contra estas enfermidades, impedindo a súa aparición e contaxio. O crecemento das filosofías antivacinas pon agora en risco as sáus vidas.
En Italia, un dos países nos que os movementos anti-vacinas teñen máis forza, houbo nos últimos anos ducias de mortes por doenzas que en teoría foran xa erradicadas grazas á inmunidade de grupo. Só no ano 2017 houbo máis de 2.400 casos de sarampelo e o 90% corresponderon a nenos e nenas que non foran vacinados. A partir desta semana a vacinación será alí unha condición obrigatoria para que os e as menores de 6 anos acudan ás escolas.