É algo que xa se sabía, pero unha revisión de todo o publicado sobre o asunto é o peche cuantitavo á falsa relación entre vacinas e autismo. Un equipo de investigadores da Universidade de Sydney repasou todos e cada un dos traballos científicos sobre o posible nexo entre a vacinación de nenos e nenas e a aparición de trastornos do espectro autista. En total, revisaron máis dun milleiro de estudos, e tras pór o foco nos máis robustos e completos, a conclusión é diáfana: "Esta metaanálise non proporciona ningunha evidencia dunha relación entre as vacinas e o autismo ou os trastornos do espectro do autista e, por tanto, defende que se continúe cos programas de inmunización de acordo coas directrices nacionais".
Este tipo de estudos, denominados metaanálise, céntranse en revisar a metodoloxía, a calidade e as conclusións de todos os traballos realizados sobre un tema, para tratar de realizar unha fotografía máis ampla. Tras repasar todos os números achegados por estes estudos científicos de calidade, e descartar os nesgados ou pouco fiables, o resultado mostra que entre os grupos de nenos vacinados o risco de autismo sería mesmo inferior.
O equipo liderado por Guy Eslick centrouse nunha decena de estudos, cinco deles sobre grandes poboacións de nenos e cinco de casos de control, para extraer as conclusións cuantitativas. Todos estes estudos abranguen case 1,3 millóns de nenos en Reino Unido, Xapón, Polonia, Dinamarca e EUA, e a robustez das súas análises aséntase en que de media seguiron aos grupos estudados durante máis de oito anos despois da inmunización. Os resultados son tan concluíntes como seguen:
- Non hai relación entre vacinación e autismo.
- Non hai relación entre vacinación e trastorno do espectro autista.
- Non hai relación entre autismo ou trastorno do espectro autista e a vacina tripla vírica [sarampelo, papeiras e rubeola].
- Non hai relación entre autismo ou trastorno do espectro autista e timerosal [un conservante de vacinas derivado do mercurio].
- Non hai relación entre autismo ou trastorno do espectro autista e o mercurio [axente ao que os antivacinas acusan de provocar autismo].
- Os resultados desa metaanálise suxiren que as vacinas non están asociadas co desenvolvemento de autismo ou trastorno do espectro autista.
Son conclusións que as organizacións médicas de todo o mundo xa coñecían pero Eslick e o seu equipo veñen desmontar definitivamente, cun torrente masivo de datos, o bulo sobre o que cabalgaron os nocivos movementos antivacinas desde que en 1998 o doutor Andrew Wakefield publicase un estudo "deshonesto e irresponsable" que relaciona vacinas e autismo co único obxectivo de facerse rico.
O seu traballo foi retractado e desmontado, pero as consecuencias dese falso nexo entre as vacinas e o trastorno perviven aínda. A partir de 1998, o número de vacinacións nos países desenvolvidos esborrallou notablemente e aínda hoxe non se recuperaron as taxas de inmunización previas á fraude de Wakefield, xa que os movementos antivacinación lograron asentar ese medo infundado no imaxinario colectivo.
Nun caso moi peculiar dentro da literatura científica, o propio Eslick conclúe este estudo, que se publica en Vaccine, cun epílogo en primeira persoa no que expresa as súas preocupacións como pai:
"Como epidemiólogo créo os datos que se presentan nesta metaanálise. Con todo, como pai de tres fillos teño certa comprensión cos temores asociados ás reaccións e efectos das vacinas. Os meus dous primeiros fillos sufriron brotes febrís despois da vacinación rutineira, un deles grave. Estes casos non me impediron vacinar o meu terceiro fillo, e con todo, leváronme a tomar algunhas medidas preventivas para reducir o risco de efectos adversos similares. Vacineino pola mañá, así estabamos preparados para calquera reacción adversa durante o día e tamén lle dei ao meu fillo unha dose de paracetamol media hora antes de que se vacinase para reducir a febre que pode aparece despois da inxección. Como pai coñezo os meus fillos mellor que ninguén e atribúo as súas reaccións ao aumento da temperatura corporal por efecto da vacinación. Para os pais que notan un cambio significativo no comportamento dos seus fillos despois dunha vacinación, anímoos a informar de inmediato o seu médico de familia."
Como ben explica Eslick, a vacinación é un método de inmunización que pode ter efectos secundarios. Pero segue sendo a mellor maneira de combater terribles enfermidades que causan dolorosos padecementos e mortes. E, como vemos, podemos estar seguros que entre eses efectos non está o autismo.