Francisco Vázquez Vizoso é xefe do Servizo de Medicina Preventiva do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) e tamén un activo defensor da sanidade pública por múltiplas canles, como o sindicato CIG-Saúde ou a plataforma SOS Sanidade Pública, entre outros ámbitos. Ante o balbordo creado polo caso de difteria dun neno de 6 anos na localidade catalá de Olot que non fora vacinado, Vizoso apela ao "debate científico". Dende unha postura crítica coa gran industria farmacéutica e partindo da base de que "a presión dos laboratorios é moi forte" o doutor subliña que o "consenso científico" sobre a "necesidade de vacinar" contra diversas enfermidades é "absoluto".
Nestes días medrou o ruído mediático arredor das vacinas por mor da difteria contraída por un neno en Catalunya. Como valora o tratamento deste asunto?
"As vacinas non son panaceas e algunhas presentan problemas, pero non vacinar contra enfermidades sistémicas non ten sentido científico"
O tratamento mediático na prensa e nos medios de comunicación que eu percibo é dunha gran alarma co sucedido. E está plenamente xustificada. Pode haber aspectos controvertidos sobre as vacinas, pero o que non pode estar en absoluto cuestionado é a necesidade de vacinar contra entermidades como o tétano, a difteria, o sarampelo, a tosferina... Hai unha serie de vacinas no que o consenso científico sobre a súa necesidade é absoluto. Pódese ser moi crítico a respecto de moitas cousas, pero non vacinar contra esas enfermidades denominadas sistémicas non ten ningún sentido cientificamente. As vacinas non son panaceas, presentan problemas. Por exemplo, a vacina da difteria ten un compoñente de difteria bastante imperfecto e aspectos pouco claros, e non confire inmunidade a longo prazo. E a presión dos laboratorios é moi forte. Pero quen se opón a vacinas en torno ás que todo está absolutamente claro ten un prexuízo que non se sostén con datos científicos.
Como interpreta que non vacinar as nenas e nenos chegue a ser interpretado como progresista?
"Hai moitos aspectos nas vacinas que distan de estar claros e os intereses creados son moi importantes; outra cousa é o simplismo analítico"
Estamos nun mundo onde a desconfianza cos poderes constitutídos é moi ampla e ten un compoñente que ten razón de ser. Pero moitas veces trasládase a un simplismo analístico movido pola fe. A maior parte dos movementos antivacinas só teñen fe neles e son refractarios ao debate científico, que é o que debería facerse no campo das vacinas. Hai moitos aspectos nas vacinas que distan de estar claros e os intereses creados son moi importantes, mesmo habería que darlles unha volta a vacinas que se usan masivamente. Outra cousa é o simplismo analítico, o confundir a fe coa información. Hai un sector da poboación que ten fe en todo o que teña a etiqueta de natural, e a fe por si propia é dificilmente compatible co debate científico.
Que papel deben ter o Sergas e a sanidade pública en xeral como axentes concienciadores neste ámbito?
O Sergas debería ter un papel activo de difusión da información e non estaría de máis que diferenciase entre aquelas vacinas cuxa administración é imprescindible e aquelas que poden ser obxecto de debate. Isto non é moi difícil. O Sergas debería protexer o debate científico nestes temas máis amplamente do que o fai e prestar maior facilidade a un debate que está absolutamente mediatizado pola industria e que non afecta ao núcleo da cuestión. O problema de Olot está fóra do debate científico.
"Os foros de debate sobre vacinación son financiados pola industria, a única maneira de rachar con iso é que os poderes públicos impulsen o coñecemento científico"
Os foros de debate sobre vacinación son financiados pola propia industria, e iso é un problema enorme. Os organismos científicos que debaten sobre vacinas están financiados polas grandes empresas farmacéuticas e é dificilísimo ter un debate serio sen apoio da industria, porque consome recursos. Os congresos médicos son caros porque os paga a industra e págaos a industria porque son caros. A única maneira de rachar con iso é que os poderes públicos teñan claro que iso non se pode permitir e que teñen que impulsar o coñecemento científico. Que teñan claro, por exemplo, que os grandes laboratorios non fabrican determinadas vacinas porque non lles sae a conta. Durante moitísimos anos existían laboratorios de exércitos que producían fármacos de enorme calidade. É un tema complexo, certo, pero as vacinas fundamentais están fóra das patentes. O que cómpre son gobernos que realmente, sen facerlle a guerra a ninguén, teñan claro a necesidade de tomar decisións que non son simpáticas para as farmacéuticas
Terían os Estados, daquela, que avalar con claridade determinadas vacinas?
Os estados avalan unha serie de vacinas. De feito, os calendarios infantís están avalados polos gobernos. Agora, a credibilidade e autonomía dese debate a respecto dos intereses das grandes farmacéuticas é, cando menos, discutible. En Galicia existe, por exemplo, un comité asesor en vacinas do que eu fun membro. E os debates serios nese foro eran, como mínimo, pequenos. A presión das grandes compañías é enorme e, sobre todo en situacións problemáticas, é complicado conseguir vacinas.
Deberían estar precavidos os responsables da sanidade pública ante a posible incursión deste tipo de crenzas ou pseudociencias no ámbito médico?
Hai profesionais da sanidade pública que defenden abertamente ese tipo de posicións. Son poucos, pero hainos. E contribúen a esa filosofía das vantaxes do natural porque o é e punto. Isto ten moito que ver coa debilidade da formación sobre o método científico dos propios profesionais sanitarios. Os médicos, en contra do que moitas veces se di, non somos científicos de profesión. Non dominamos o método científico, e se temos maior coñecemento del é adquirido fóra do ámbito académico inicial. Ensínannos ciencia: anatomía, fisioloxía, farmacolóxia... pero non facemos ciencia
"Non hai medicamentos que non teñan potenciais efectos secundarios, a cuestión é que cómpre máis información científica facilmente accesible"
Mestúrase a cuestión das vacinas coa da industria e tamén cos posibles efectos adversos. Cómpre máis claridade, tamén neste sentido?
Non hai medicamentos que non teñan potenciais efectos secundarios. A cuestión é que faría falta moita máis información científica facilmente accesible sobre efectos adversos. Nos Estados Unidos, por exemplo, existe unha oficina de información estatística accesible ao público sobre efectos adversos declarados. Hai que ter moito coidado: que me atropele un coche despois de tomar un café non quere dicir que a causa do atropelo sexa o café. Que eu estea mal despois de poñer unha vacina non indica que sexa necesario que me puxesen a vaciña para poñerme mal. É necesario, pero non suficiente. Son cousas diferentes.
"Creo pouco no debate con este tipo de organizacións, creo no debate a partir do pensamento científico"
No entanto, eses efectos adversos son empregados como argumento contra a vacinación...
Os argumentos dos chamados movementos antivacinas están baseados exclusivamente na fe. Eu creo pouco no debate con este tipo de organizacións, porque creo no debate a partir do pensamento científico, e aí é evidente que non todas as cousas son como nolas contan con vacinas como, por exemplo, a da gripe ou a do papiloma humano. Se cadra aí si que habería que dar o debate.
Así e todo, en determinados foros si que se sitúan as posicións antivacinas en pé de igualdade coas posicións científicas...
"Hai unha vaga de pensamento irracional que fai, por exemplo, que a homeopatía teña millóns de seguidores malia ser unha falacia que non ten base científica"
Hai uha vaga de pensamento irracional no mundo occidental que fai, por exemplo, que a homeopatía, que é unha falacia que non se soporta e que non ten ningunha base científica, teña millóns de seguidores no mundo occidental. Aínda que todas as revisión científicas amosan a súa falta de eficacia e a falta absoluta de argumentación científica. Pero cando alguén está mal e non cura, a fe tampouco é mal recurso. E moitas veces o querer curar e ter un terapeuta con esperanzas contribúe á curación. O efecto placebo é poderosísimo.