Tras convocar a axuda para este ano con requisitos similares aos de anos anteriores, a Xunta remite "ao longo deste ano 2024" a concreción da promesa do presidente de que se daría sen "cubrir ningún formulario nin achegar ningunha documentación"
"A Tarxeta Benvida pasará a concederse automaticamente a todos os fogares que cumpran os requisitos de renda, que son o 80%, sen que haxa que cubrir ningún formulario nin achegar ningunha documentación adicional". O anuncio lanzouno Alfonso Rueda o 9 de outubro no debate de política xeral no Parlamento de Galicia no que avanzou outras varias axudas directas ou bonos para a cidadanía. Porén, o pasado xoves o Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria da axuda para este ano cunha tramitación moi similar á dos anos anteriores e non será ata despois das eleccións, se o PP segue a gobernar, que se concretará a promesa.
Ante a nova convocatoria da Tarxeta Benvida para este ano cuns requisitos moi similares aos de anos anteriores, Praza.gal preguntou á Consellería de Política Social pola promesa do presidente Rueda do pasado outubro. A súa resposta é que "a Xunta de Galicia introducirá ao longo deste ano 2024 medidas para facilitar que as familias non teñan que realizar o trámite ordinario de solicitude da Tarxeta Benvida, polo que se evitará o papelame e se axilizarán os procedementos". Isto é, as promesas reiteradas en notas de prensa da Xunta sobre que "a Tarxeta Benvida será enviada directamente ás familias que cumpran os requisitos" ou que "todos os fogares que cumpran os requisitos van recibir directamente a Tarxeta Benvida cando teñan un fillo" seguen en pé, pero para máis adiante.
As familias terán que seguir solicitando a tarxeta cun formulario practicamente idéntico ao que había ata agora e "preferiblemente" na por veces complexa sede electrónica da Xunta
Por outra banda, a propia Consellería de Política Social recoñece de xeito implícito que os cambios introducidos de momento na tramitación da tarxeta son menores e só van dirixidos a adiantar o momento en que se pode recibir a axuda, "como no caso das mulleres xestantes para facilitar que poidan adquirir produtos para o bebé xa durante o embarazo", a partir da semana 21 da xestación.
No caso desta nova modalidade a Xunta si facilita opción de consultar ela mesma ao Sergas o estado do embarazo sen que o teña que certificar a nai, cuestión que si deben facer as familias no caso de seguimentos do embarazo alleos á sanidade pública. Porén, no resto de apartados o formulario de solicitude da axuda, tanto no anexo I que debe cubrir calquera solicitante como nos seguintes anexos que deben cubrir outros membros da unidade familiar ou no caso de variacións do nivel de renda, presenta un formato similar e require a achega da mesma documentación xustificativa que en anos anteriores. As familias terán que presentalo "preferiblemente" a través da por veces complexa sede electrónica da Xunta.
A promesa de Rueda de reducir a burocracia da Tarxeta Benvida chegou tras sucesivas sentenzas condenatorias da Xunta por denegar incorrectamente a axuda a varias familias. Como vén contando Praza.gal, hai dous anos unha primeira sentenza reprochou o “rigor formal extremo” co que Política Social denegou a axuda a unha familia numerosa que tiña dereito a ela. Naquela sentenza o tribunal criticou á Xunta que “non era tan difícil” comprobar cunha simple suma o dato de ingresos da familia no que se escudara para rexeitar a solicitude senón que “máis ben era cuestión de boa vontade e boa administración”.
Nunha segunda sentenza, o mesmo TSXG reprochou a Política Social que non admitise documentación que a nai achegou para xustificar a súa recente separación e que considerase fóra de prazo a entrega dunha sentenza sobre a custodia da menor que foi emitida posteriormente por un xulgado, co que non estaba en mans da nai cumprir coas datas do procedemento.
Xa son varias as sentenzas do TSXG que condenaron a Xunta por denegar axudas da Tarxeta Benvida por formalismos burocráticos
Nun terceiro caso a familia trabucouse ao cubrir o formulario de solicitude e indicou que tiña dous fillos en lugar de cinco, e cando pediu corrixilo presentando o título de familia numerosa Política Social rexeitouno. Pero o TSXG lembrou que é a propia Xunta quen emite os títulos de familia numerosa e que debía ser coñecedora dese dato.
E nun cuarto caso o TSXG volveu reprochar á Xunta que non comprobase ben a documentación achegada pola familia, que puxera por erro no formulario unha data de nacemento distinta á do libro de familia. A consellería non atendera a ese documento oficial nin aceptara despois corrixir o erro da solicitude e o tribunal condenouna a facelo e retomar o expediente.