Rueda tira de axudas directas para lanzar a carreira electoral

Rueda co seu discurso na man antes de inicialo no debate de política xeral deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente anuncia bonos a persoas maiores ou familias e promete reducir a burocracia dunha Xunta disposta a intervir no mercado dos festivais pero non no da vivenda ou da atención á dependencia

Carné +65 con descontos para as persoas maiores ao estilo do Carné Xove, bono de 5.000 euros ao ano para persoas con dependencia grave ou severa que sexan atendidas no domicilio ou un "complemento" doutros 1.200 euros ao ano a quen xa conte cun bono para ir a unha residencia da súa elección. Un "plus" este último que se entregará "independente da capacidade económica e do grao de dependencia". Eses foron os principais anuncios lanzados este luns polo presidente Rueda dirixidos ás persoas maiores no seu discurso inicial do debate de política xeral. Unha intervención na que, pola contra, nada dixo da posibilidade de aumentar as prazas en residencias públicas ou centros de día. 

E como nese eido, o mesmo para as familias ou a industria. Rueda fixo ver no derradeiro gran debate da lexislatura, ás portas dunhas novas eleccións galegas, que a Xunta está disposta a poñer máis cartos e dar máis axudas directas, pero que renuncia a intervir en determinados mercados, como o da dependencia ou o da vivenda. Si está disposta, pola contra, a "ordenar" o mercado dos festivais de música, audiovisuais ou de artes escénicas. 

Vista xeral do Parlamento durante o discurso de Rueda no debate de política xeral CC-BY-SA Praza Pública

Rueda iniciou e rematou o seu discurso inicial deste luns, de hora e media de duración [aquí podes ver como o fomos contando en directo], contrapoñendo a "seguridade" e "estabilidade" do seu goberno, herdado tras a marcha de Feijóo a Madrid hai ano e medio, coas "aventuras políticas de escaso recorrido" do executivo de Pedro Sánchez. Enmarcados con esa apertura e peche, os anuncios de Rueda centráronse no eido das axudas económicas, no que as primeiras valoracións dos grupos da oposición quixeron ver como o primeiro mitin de promesas da campaña que virá. 

Ademais das anteditas promesas para as persoas maiores, Rueda tamén anunciou para as familias que a Tarxeta Benvida que outorga cos nacementos pasará a ser automática, sen que haxa que cubrir ningún formulario, unha decisión que chega tras reiteradas queixas e sentenzas xudiciais. Ratificou o novo bono de 120 euros para material deportivo. Ou avanzou que o imposto de transmisións patrimoniais á compra de vivendas de segunda man, que está en Galicia no 9% con carácter xeral, baixará en 2024 ao 8%, ao tempo que se manterán bonificacións maiores para segundas residencias en parroquias que a Xunta considera pouco poboadas, aínda que estean en lugares tan turísticos como O Grove ou Baiona

Porén, canto á promoción directa de vivendas, Rueda limitouse a dicir que impulsará "preto de 1.900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3.000 de promotores privados", cifras para as que non deu prazos e que chegan tras anos de abandono do sector, cunha demanda moi superior. E nada dixo de aumentar as escolas infantís públicas ou regular as privadas ante a escaseza da oferta pola súa gratuidade.

Rueda durante a súa intervención no debate de política xeral CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda tamén anunciou axudas directas a diversos sectores produtivos, nos que evitou detallar outras políticas propias e nos que culpou dos principais problemas a lexislacións estatais ou europeas

En materia de industria a Xunta está disposta a indemnizar con ata medio millón de euros aos proxectos que ela mesma considere estratéxicos se tarda máis dun ano en outorgarlles todos os seus permisos. Un anuncio que combinou con promesas xerais de reducir a burocracia da administración galega. Outras promesas de axudas directas, con distintos importes millonarios, tamén foron formuladas para os produtores agrícolas, o mundo do mar ou os autónomos en xeral, sectores nos que evitou detallar outras políticas propias e nos que culpou dos seus principais problemas a lexislacións estatais ou europeas. 

Si está disposta a actuar directamente a Xunta, por exemplo, no eido dos festivais, no que Rueda quere "ordenar" o mapa para, segundo fontes do Goberno galego, identificar "os máis representativos dentro de cada ámbito" e "ser referentes en calidade ademais de en cantidade". Tamén actuará directamente o goberno galego na creación de parques caninos nas sete cidades galegas, ou na creación dun "centro do coñecemento xacobeo".

Rueda recibe o aplauso do PP tras o seu discurso inicial no debate de política xeral CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda trasladou a idea de que el encarna a "seguridade" que desexa a cidadanía: "seguiremos sendo Galicia", concluíu 

Con estas e outras axudas económicas e con intervencións directas limitadas quixo transmitir Rueda "seguridade" á cidadanía galega: "seguridade é poder lanzarse a montar un negocio sabendo que aquí haberá apoios", "seguridade é dispoñer duns poderes públicos que analizan minuciosamente os proxectos empresariais que queren asentarse na nosa terra, para velar polo equilibrio entre beneficio económico e beneficio social" ou "seguridade é saber que o Goberno de Galicia non se embarcará en aventuras políticas de escaso percorrido", dixo.

Esa seguridade, veu dicir Rueda, é el, unha persoa "previsible". E rematou o seu discurso, á espera do debate que se abra co resto de grupos na tarde deste luns, cunha referencia de futuro de claras connotacións electorais: "Seguiremos sendo previsibles, seguiremos sendo responsables, seguiremos inspirando confianza, seguiremos sendo Galicia".

Na súa resposta á oposición, Rueda centrou boa parte dela en contrapoñer as críticas de PSdeG e BNG coas actuacións de ambos partidos no goberno bipartito de hai 14 anos. Así, presumiu de que os datos de emprego son mellores que cando o PP volveu á Xunta en 2009 e mesmo reprochoulle que se "atrevese a falar dalgunha manipulación na CRTVG", aludindo de novo á xestión dos medios públicos durante o executivo de coalición. 

Ademais, reprochou ao BNG que sexa "o único nacionalismo que non lle saca nada" ao Goberno central e tamén "o único nacionalismo que fala mal da súa terra". "Señora Pontón, sempre fala mal de Galicia", asegurou, tras criticar a súa "contabilidade creativa de prazos e vidas políticas". "Leva vinte anos na mesma cadeira da oposición e dime a min que estou ao final dun ciclo", dixo. 

Así, cualificou de "apocalíptica pontoniana" a visión do Bloque de Galicia e criticou que non falase nada "da posible investidura de Sánchez". "Que van facer se anuncian a condonación da débeda de Catalunya?", engadiu quen cualificou de "triste" a postura da formación nacionalista no Congreso. "O seu partido di as mesmas mentiras de sempre", asegurou Rueda. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.