Este 27 de xullo o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda -dende o pasado xuño, Vicepresidencia segunda- asinaron un convenio. Consiste en que o Estado achega á Xunta 14,2 millóns de euros de fondos europeos de recuperación NextGenerationEU para, xunto con algo máis de 30,7 millóns xa reservados polo Goberno galego, construír 286 vivendas protexidas de promoción pública destinadas ao alugueiro "social" ou de baixo prezo.
Algo máis de 39 millóns de fondos NextGenerationEU únense a uns 69 da Xunta para engadir 784 pisos a unha oferta de vivenda pública en alugueiro que de 2014 a 2019 sumara só un
Estas 286 vivendas engádense ao case medio milleiro impulsado pola mesma vía o pasado outono mediante outros dous convenios con achegas de fondos europeos a través do Mitma por importe de 24,5 millóns, unidos naquel caso a uns 39 millóns que correspondían á Xunta. En total serán 785 novas vivendas protexidas para o seu alugueiro en Galicia, segundo o Ministerio, nunha suma que o Goberno galego precisa en 784. Trátase, en calquera caso, dunha cifra que fai que, en apenas dous anos, os fondos europeos impulsen en Galicia máis vivendas protexidas en alugueiro que as sumadas nunha década de gobernos do PP de Alberto Núñez Feijóo.
Tal e como acreditan os datos oficiais do Ministerio, pero tamén do Instituto Galego de Estatística, a pasada década foi a da práctica desaparición da vivenda protexida en Galicia, especialmente para alugueiro. Así, tras un ano 2010 con algo máis de 1.300 pisos cualificados como protexidos e dispostos para arrendar -aquel foi o primeiro ano completo do PP de Feijóo na Xunta e as promocións procedían en boa medida do Executivo de PSdeG e BNG-, nun contexto xeral de crise económica as cifras caeron en picado: 476 en 2011, 135 en 2012, 19 en 2013 e ningunha entre 2014 e 2017.
Entre 2011 e 2021 Galicia só gañou 637 vivendas protexidas para alugueiro
O contador da vivenda pública en alugueiro en Galicia reactivouse pola mínima en 2018, cunha soa, volveu quedar a cero en 2019 e recuperou levemente en 2020 con 17 novas vivendas. O saldo de 2021, derradeiro ano enteiro con Feijóo na presidencia da Xunta, volveu ser cero.
Deste xeito, na década transcorrida entre 2011 e 2021, o que implica atribuír xa integramente as cifras de 2011 ao Goberno do PP, Galicia gañou 637 vivendas protexidas en alugueiro. As impulsadas agora pola Xunta á calor dos convenios para recibir fondos europeos son case 150 máis, atendendo ás cifras divulgadas por ambos gobernos esta semana.
Máis da metade, en Vigo e Lugo
Segundo os datos divulgados por ambos gobernos, as cidades máis beneficiadas por estas novas promocións de vivendas públicas en alugueiro son Vigo e Lugo, con algo máis de 200 en cada caso no agregado dos convenios do pasado 2022 e deste 2023. No caso vigués, ademais, cómpre ter en conta outra vintena de pisos no lindeiro concello de Mos.
A continuación, como amosa o gráfico sobre estas liñas, sitúase case un cento de vivendas na Coruña e algo menos de 80 en Pontevedra. En Ourense serán 66, 60 en Santiago e algo máis de medio cento en Ferrol.
Segundo o IGVS, dúas das promocións contempladas nos dous primeiros convenios están xa en construción 38 no barrio vigués de San Paio de Navia e outras 24 no compostelán do Castiñeiriño. Ademais, indica Vivenda, están "aprobados os proxectos de construción" doutras 12 vivendas nunha parcela de Lamas de Abade (Santiago) e doutras 40 en Xuxán, na Coruña. Os demais proxectos, agrega, "están actualmente en redacción" ou en fase de contratación de redacción e dirección das obras.
A obvia mudanza a respecto de anos anteriores non impide, en calquera caso, que as cifras da vivenda protexida en Galicia continúen ben lonxe do acontecido en pasadas décadas, tanto en pisos para alugueiro como nos destinados á venda. Non en van, nos anos 90 do século pasado e tamén na primeira década deste século foron varios os anos nos que a Xunta chegou a poñer á disposición ata máis de 3.000 vivendas protexidas nun só ano