O Goberno galego tardou dous anos en activar a plataforma informática que comprometeu por lei en 2019, gabouna como unha "ferramenta novidosa" para "loitar contra a despoboación" e outros dous anos máis tarde só suma catro aldeas
En xuño de 2021, hai agora dous anos, a conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, desprazábase ata Sober para presentar unha “plataforma dixital” de aldeas abandonadas coa que “loitar contra a despoboación e reactivar estas zonas”. Dous anos máis tarde esa web só incorporou seis inmobles en catro núcleos de dous concellos, en Sober e A Peroxa.
Foi na Lei de rehabilitación de Galicia, aprobada polo PP hai máis de catro anos, en abril de 2019, onde se incluíu o compromiso de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) crearía “unha plataforma informática a nivel autonómico” na que divulgar os núcleos rurais que os concellos poidan declarar como abandonados para facilitar así o seu coñecemento por parte de posibles compradores interesados en rehabilitalos, que posteriormente terían que negociar directamente cos propietarios dos inmobles, non sempre coñecidos.
Isto é, a Xunta comprometíase a crear o que na práctica é unha páxina web publicitaria (https://vivendasnucleosrurais.xunta.gal) pero a iniciativa de mobilizar os núcleos abandonados quedaba en mans dos concellos. E o que sucedeu neste tempo foi que só dous concellos gobernados polo PP participaron na iniciativa.
Na última década o número de aldeas abandonadas aumentou en 130 concellos e só se reduciu en 40
A limitada actuación da Xunta nesta iniciativa non impediu que a conselleira a publicitase hai agora dous anos como unha política propia de loita contra a despoboación. “Vivir no medio rural e rodeada de natureza”, dicía Vázquez naquel momento, é “unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda”.
A iniciativa do Goberno galego contrasta coas ducias de aldeas completas e casa abandonadas que se poden atopar en webs privadas especializadas que, aínda que de xeito illado, cada certo tempo acaban concretándose en compras e rehabilitacións. Porén, o ritmo de despoboación segue sendo superior ao ritmo de rehabilitación, de xeito que na última década o número de aldeas abandonadas aumentou en 130 concellos, mentres que só se reduciu en 40 municipios.