O Goberno galego fala de “experiencia piloto” e anima a concellos e particulares a “incorporar información sobre as zonas e lugares en situación de abandono”
A Lei de rehabilitación de Galicia, aprobada polo PP en abril de 2019, incluíu o compromiso de que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) crease “unha plataforma informática a nivel autonómico” na que divulgar os núcleos rurais que os concellos poidan declarar como abandonados para facilitar así o seu coñecemento por parte de posibles compradores interesados en rehabilitalos, que posteriormente terían que negociar directamente cos propietarios dos inmobles, non sempre coñecidos.
Esa web (https://vivendasnucleosrurais.xunta.gal) vén de ser activada agora pola Xunta, máis de dous anos despois da entrada en vigor da lei, con só tres inmobles. “Polo momento, tan só ofrece información relativa a inmobles localizados en Sober, o concello escollido para realizar a experiencia piloto de lanzamento”, admite a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A conselleira, Ángeles Vázquez, presenta a web como un paso máis para "loitar contra o despoboamento
Para presentar a web a propia conselleira, Ángeles Vázquez, organizou un acto en Sober no que animou a concellos e particulares a que incorporen información “sobre as zonas e lugares en situación de abandono” e presentou a medida como un paso máis para “loitar contra o despoboamento”. Tamén asegurou que “vivir no medio rural e rodeada de natureza” é “unha alternativa que a raíz da covid conta cada vez con maior aceptación e demanda”.
A “aposta firme pola rehabilitación residencial” da consellería pola vía de informar de núcleos e vivendas abandonadas publicítase despois de que nos últimos meses centrase os seus esforzos políticos en loitar contra a ocupación de vivendas malia que as cifras dese problema social son moi inferiores ás de desafiuzamentos.