A Xunta pagou 8.000 euros por un informe sobre ocupación de vivendas, que reproduce parágrafos dunha lei do PP de Castilla-La Mancha
No pasado mes de abril, a Xunta presentou ao Observatorio Galego de Vivenda e aos medios de comunicación senllos informes encargados pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Os traballos, explicou o Goberno galego, foran elaborados por senllos "penalistas" e "avalan" a petición da Xunta "reformar o Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios".
A autora dun destes informes é Silvia Valmaña, que ademais de profesora profesora de Dereito Penal da Universidad de Castilla-La Mancha foi deputada do PP no Congreso entre 2016 e 2019 e é vicesecretaria de Acción Política do PP castelán-manchego. O Goberno galego pagou 8.000,52 euros por ese informe, IVE incluído.
O informe, tal e como desvelou Praza.gal, liga un incremento das ocupacións de vivendas co suposto "amparo" de Ada Colau á comisión de delitos e foi facturado pola Universidade de Castilla-La Mancha. Ademais, o documento reproduce literalmente parágrafos enteiros dunha iniciativa presentada polo PP en Castilla-La Mancha varios meses antes que, segundo o propio partido, fora redactada por un equipo dirixido pola mesma dirixente que elaborou o informe pagado pola Xunta.
O director xeral do IGVS xustifica o informe para "dar outra visión que puidese introducir algunha variante doutros territorios"
Agora, a Xunta xustifica o encargo deste informe en que, dado que as solucións ao suposto problema de ocupación "deben ser aplicadas en todo o Estado", co documento elaborado pola ex-deputada no Congreso do PP pretendíase "dar outra visión que puidese introducir algunha variante adaptada a situacións ou particularidades que puidesen derivarse doutros territorios".
Quen así o argumentou foi o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, a preguntas da deputada do BNG Alexandra Fernández na Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servicios celebrada no Parlamento o pasado mércores 3 de xuño.
Alexandra Fernández (BNG) censura "un procedemento escandaloso na forma e no fondo" e advirte que o documento é "un copia e pega de informes previos"
A parlamentaria nacionalista criticou "un procedemento escandaloso na forma e no fondo" e denunciou que o documento fose "un auténtico copia e pega de informes previos" xa presentados por Valmaña para o PP de Castilla-La Mancha.
Ademais, reprochou que a Xunta non acudise antes ao Consello Consultivo e destacou que, a vista do texto presentado, demóstrase que a autora "descoñece profundamente a realidade galega e advirte, por exemplo, que asegura que Galicia está a sufrir un incremento "exponencial" dos casos de ocupacións ilegais nos seus xulgados comparando os datos de 2019 cos de 2018, pero obviando que durante máis da metade daquel ano 2018 a actividade xudicial en Galicia estivo fortemente condicionada e practicamente paralizada durante meses a causa da folga do persoal da Administración de Xustiza.
Malia os intentos repetidos da deputada Alexandra Fernández por recibir unha xustificación clara sobre os motivos que levaron a solicitar o documenta á ex-deputada do PP, o director xeral do IGVS limitouse a aludir a esa "visión doutros territorios" para, a continuación, cargar contra o Executivo central.
O BNG acusa a Xunta de valerse de "fake news" e da alarma dalgúns medios para "crear a falsa sensación" de que a ocupación é un problema grave
"Nada disto sería necesario se o Goberno do Estado afrontase o debate necesario para adoptar as medidas precisas para evitar estas situacións [en referencia á ocupación de vivendas]", dixo García, tras insistir na suposta alarma social e na necesidade de aplicar "medidas que, como quedou de manifesto, están a reclamar a maior parte dos cidadáns".
Pola súa banda, Alexandra Fernández acusou a Xunta de "non abordar os problemas fundamentais de vivenda e criminalizar os colectivos vulnerables", ademais de valerse das "fake news" e da alarma "creada por algúns medios" para "crear a falsa sensación de que a ocupación é un problema máis grave do que é". Así, lembrou que, segundo os últimos datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial, o número de ocupacións en 2020 foi de 94 en Galicia, o que supon un descenso interanual do 35% fronte ás 145 de 2019.