O 2020 pechouse en Galicia con 1.398 desafiuzamentos e 94 ocupacións de vivendas

Concentración de Stop Desafiuzamentos na Coruña CC-BY StopDesafiuzamentosACoruña

Nos últimos dos anos campañas publicitarias e noticias nos medios de comunicación puxeron na primeira liña do debate público as ocupacións ilegais de vivendas. A visibilidade social deste delito foi moi ampla, dando a impresión de que se trataba dunha cuestión que se producía en todos os barrios practicamente todas as semanas. Porén, os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial amosan que o seu número continúa a ser moi reducido e sobre todo moi inferior ao doutras situacións, como os desafiuzamentos e desaloxos de vivendas.

Os xulgados galegos practicaron o ano pasado 1.398 lanzamentos, dos que 1.150 (o 82,2%), foron consecuencia de procedementos derivados de impagos de alugueiro

No conxunto do ano 2020 producíronse en Galicia 94 ocupacións ilegais de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social. A cifra é moi inferior á do ano 2019 (145), un descenso interanual do 35%. 

Estas ocupacións de vivenda con moito menos frecuentes que os lanzamento inmobiliarios (desafiuzamentos ou desaloxos). Os xulgados galegos practicaron o ano pasado 1.398 lanzamentos, dos que 1.150 (o 82,2%), foron consecuencia de procedementos derivados de impagos de alugueiro. Outros 206 corresponderon a execucións hipotecarias e os 42 restantes derivaron doutras causas. 

Isto significa que no 2020 se produciron en Galicia case 15 desafiuzamentos por cada ocupación ilegal, mantendo a proporción dos últimos anos. Durante o 2020 descenderon tanto as cifras de ocupacións ilegais (de 145 a 94) como de desaloxos (2.271 a 1.398), unha diminución que pode estar motivada pola moratoria que se aplicou nalgúns casos durante a aplicación do estado de alarma motivado pola pandemia de Covid-19 pero tamén pola menor actividade dos órganos xudiciais.

No 2020 producíronse en Galicia case 15 desafiuzamentos por cada ocupación ilegal, mantendo a proporción dos últimos anos

En cambio, durante o pasado ano as demandas de execucións hipotecarias presentadas en Galicia si experimentaron un lixeiro ascenso con respecto ao ano 2019 (pasaron de 758 a 772), no segundo ascenso dende o ano 2013 (o anterior, no 2018, debeuse en boa medida á folga no sector da Xustiza do ano 2017). No conxunto do Estado aumentaron un 17,5% tras sete anos consecutivos de descenso.

Descenso no orzamento de vivenda

A Xunta, que mantén unha activa campaña política e comunicativa a respecto da ocupación ilegal de vivendas admitiu o pasado outubro que esta reiterada alerta non se basea en "datos reais" sobre o fenómeno. No 2019, segundo a Memoria Anual da Fiscalía Superior de Galicia, incoáronse 399 delitos por 'usurpación' de vivendas baleiras, un número semellante ao do ano 2016 (nesta cifra inclúense as ocupacións de vivendas baleiras propiedade de bancos ou fondos voitre). En canto ás 'violacións de morada', referidas á ocupación de vivendas habitadas ou segundas residencias, abríronse dilixencias en 95 casos.

O orzamento da Xunta en vivenda é un 60% inferior ao de 2009

Ademais, este pasado outono, ao tempo que financiaba un teléfono 'antiocupación', aprobou un orzamento de vivenda que é un 60% inferior ao de 2009. En materia de vivenda, a Consellería conta con 85 millóns de euros, o montante máis elevado dos últimos oito anos, pero tamén un 60% menos que nas derradeiras contas públicas do Goberno de coalición de PSdeG e BNG no ano 2009 e tamén un 25% menos que no derradeiro orzamento do Goberno de Manuel Fraga, o de 2005, cando o conselleiro con competencias en materia de vivenda era Alberto Núñez Feijóo. A diferenza real sería aínda maior de aplicarmos a inflación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.