A Xunta mantén dende hai meses unha activa campaña política e comunicativa a respecto da ocupación ilegal de vivendas. A conselleira con competencias neste eido, Ángeles Vázquez, admitía o pasado outubro que esta reiterada alerta non se basea tanto en "datos reais" sobre o fenómeno, dos que di non dispoñer, como no que define como "sensación de impunidade" da que culpa ao Goberno de España, na liña da dirección central do PP.
As demandas novas por ocupación ilegal de vivendas descenden un 26,2% interanual en Galicia, seis puntos máis do que baixan os lanzamentos por arrendamentos e hipotecas. O dato chega pouco despois de que a Xunta comezase a financiar un teléfono 'antiocupacións'
Nesta lóxica inscríbense algunhas das últimas iniciativas da Consellería ao respecto, como a habilitación dunha liña telefónica de balde para "asesorar" ante posibles casos de ocupacións ilegais. Foi habilitada de urxencia para comezar este mesmo mes de decembro mediante un convenio co Consello da Avogacía no que a Xunta pon 27.000 euros. Colexios da Avogacía están a sinalar xa que os profesionais que se anoten ao servizo recibirán uns 72 euros por hora.
Mentres isto sucede, o Consello Xeral do Poder Xudicial vén de actualizar os seus datos oficiais ao respecto e, lonxe de reflectir un incremento, constata que as novas demandas por ocupacións ilegais experimentan en Galicia, entre xaneiro e setembro, un descenso interanual do 26,2% a respecto do mesmo período de 2019: 73 fronte a 99. No mesmo período producíronse 1.136 lanzamentos por impagamento de vivenda, xa sexa de alugueiro (oito de cada dez) ou hipotecada. Isto é, quince veces máis desafiuzamentos consumados que novas demandas por ocupacións ilegais. [A Xunta financia un teléfono 'antiocupación' e aproba un orzamento de vivenda un 60% inferior ao de 2009]
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, os lanzamentos en vivendas hipotecadas nos primeiros nove meses do ano 2020 xa son, malia aos atrancos nos tribunais por mor da COVID-19, máis que todos os rexistrados durante 2019: 419 fronte a 396. Mentres, os lanzamentos en vivendas alugadas si experimentan un notable descenso e son 717 ata setembro.
Boa parte da mingua destes lanzamentos en vivendas arrendadas -sobre os que existen medidas paliativas aprobadas polo Goberno de España-, especifica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está vinculada a que durante o terceiro trimestre do ano, os xulgados galegos practicaron 293 lanzamentos en pisos alugados e outros 51 en vivendas hipotecadas. En total, 356 lanzamentos neses tres meses, un 20% menos que no mesmo período do ano anterior, unha caída seis puntos inferior á das novas demandas por ocupacións.
O TSXG reitera que os novos casos por ocupacións descenden
Na súa análise dos datos, o Tribunal Superior tamén se detén especificamente nos casos de ocupacións para evidenciar que baixan, tal e como advertira na apertura do ano xudicial o seu presidente, acto no que José María Gómez y Díaz-Castroverde, quen sinalara que a "alarma xerada" en torno a este fenómeno "non parece estar avalada polas cifras". Ao debullar a estatística oficial, o propio TSXG evidencia que os datos de novas demandas por ocupacións ilegais nos nove primeiros meses do ano "supoñen un descenso interanual do 26,2%".
Dende que o Poder Xudicial computa os datos de demandas por ocupacións ilegais, en Galicia rexistráronse 254 destes casos, 3.762 lanzamentos por impago de alugueiros e 735 por falta de pago de hipotecas
Nesta liña, abonda o Tribunal Superior, o estudo reflicte que no terceiro trimestre "os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por ocupación ilegal de vivendas" en casos nos que "os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". No mesmo período resolvéronse 31 destes casos e quedaron en trámite outros 31. Esta análise non inclúe, daquela, as vivendas propiedade de fondos de investimento, bancos ou outras persoas xurídicas semellantes.
Dende que o Tribunal Superior e o Consello Xeral do Poder Xudicial comezaron a serie estatística sobre estes casos, no terceiro trimestre de 2018, en Galicia rexistráronse un total de 254 demandas por ocupación ilegal de vivendas. No mesmo período, dende o terceiro trimestre de 2018 e ata o mesmo trimestre de 2020, practicaron 3.762 lanzamentos por impago de vivendas alugadas e outros 735 por falta de pagamento de hipotecas.