O pasado 18 de setembro, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia abría na Coruña o ano xudicial. No seu discurso, José María Gómez y Díaz-Castroverde abordou o estado dos tribunais galegos, especialmente condicionados pola COVID-19, e repasou os principais datos dos asuntos tramitados. Neste sentido, considerou importante "resaltar" o descenso no número de "demandas por ocupación ilegal de vivendas", unha baixada do 21,5% interanual no primeiro semestre do ano, con "51 casos deste tipo" fronte "aos 65 de 2019".
"A alarma xerada nos últimos meses sobre a ocupación de vivendas" aséntase nunha situación "paradoxal", considerou o presidente do alto tribunal, porque "parece non estar avalada polas cifras". A reflexión de Díaz-Castroverde chegaba no mesmo día en que diversos medios de comunicación brindaban ampla cobertura á autoerixida en primeira empresa "antiokupación" creada en Lugo, que nesas xornadas publicitaban os seus servizos asegurando que estaban a contribuír a desaloxar ocupantes ilegais dun inmoble da cidade.
Tres días despois de que o Tribunal Superior considerase que a "alarma" por ocupacións semella "non estar avalada polas cifras" porque as demandas xudiciais ao respecto descenden, a conselleira de Vivenda defendeu que experimentan "un incremento"
Apenas tres días despois, o 21 de setembro, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, xuntaba no seu departamento a representantes de asociacións veciñais de varias localidades. Entre elas, Lugo. A intención do encontro, defendeu, era "esixir unha solución rápida á ocupación de vivendas", fenómeno que, contradicindo os datos do TSXG, asegurou que estaba a experimentar "un incremento de casos en diferentes puntos de Galicia, cunhas 100 denuncias activas, dixo. Neste escenario, o Concello lucense vén de procurar confrontar esa "alarma social" cos datos oficiais non só dos xulgados, senón tamén da Policía: só seis casos en toda a cidade, explica.
O Concello lucense subliña que "segundo as cifras da Policía, son seis as vivendas ocupadas e en todo sos casos, inmobles abandonados"
No marco dun encontro coa Subdelegación do Goberno de España e con representantes da Policía Local e da Policía Nacional, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, chamou a ser "moi cautos". Trátase, defende, de "non atemorizar a poboación con datos falsos" ou "Informacións pouco contrastadas" que "crean unha percepción sen fundamento e que dana a imaxe de Lugo".
Porque en realidade, sinalan dende o Concello, "segundo as cifras que manexa a Policía Nacional, son seis as vivendas que están ocupadas no municipio" e "en todos os casos se trata de inmobles totalmente abandonados". "Non son -detallan- primeiras nin segundas vivendas, nin pisos turísticos nin de alugueiro" que foron ocupados por "cidadáns en risco de exclusión social". "Ao longo do ano déronse máis casos, pero xa foron desaloxadas de maneira voluntaria ou tras a intervención das forzas de seguridade", admite o consistorio, mentres a Subdelegación resalta que o Ministerio do Interior vén de ditar unha instrución para fixar criterios da Fiscalía ao respecto.
A xuízo da rexedora, estes datos non só dan conta dunha escasa incidencia deste problema en Lugo, senón que tamén "reflicten unha carencia de vivendas a prezos razoables para moitas persoas". Non en van, lembra, "actualmente están rexistradas en Lugo preto dun millar de solicitantes de vivenda de protección ou pública", cifra que "pode aumentar ante a grave crise que atravesamos". Por iso, resalta, urxe a Xunta a incrementar o investimento na materia.
A conselleira láiase de que "a ocupación dunha vivenda non é un delito", aínda que realmente si está recollida en varios artigos do Código Penal
Esta petición de Lara Méndez producíase despois de que, no marco da devandita reunión, a conselleira Ángeles Vázquez asegura que o Goberno galego se dispón a "mobilizar diferentes tipos de axudas por un importe dun total de 20 millóns de euros" para "aliviar a situación" da poboación con problemas de acceso á vivenda. Xunto a ese anuncio, a titular de Vivenda laiouse de que "se a ocupación dunha vivenda non é un delito, se están amparados, ao final isto vai medrando".
En realidade, a ocupación ilegal de vivendas si é un delito tipificado no Código Penal. Nomeadamente, o seu artigo 245 recolle o delito de usurpación e o 202, o de violación de morada -allanamiento-. Para estas condutas, a lexislación vixente contempla penas de prisión de ata dous e catro anos, respectivamente, ou de multas en función de factores como se a vivenda está ocupada ou se na ocupación media violencia.