Ocupación e vivenda: a batalla do relato

d CC-BY StopDesafiuzamentosACoruña

Vexo, escoito e leo, sobre todo nos medios de comunicación públicos e “concertados” e secundada pola dereita deste país, unha intensa campaña alarmista, sobre o fenómeno da ocupación.

Ata se atreven a poñer o berro no ceo pola ocupación dun edificio da SAREB, ese instrumento utilizado para salvar as aventuras inmobiliarias dos bancos con diñeiro de todas nós por activos tóxicos, cando todas esas vivendas deberían estar ocupadas con xente que necesite unha vivenda para vivir si os gobernos defenderan realmente o dereito da xente a disfrutar dese dereito.

Non puxeron ese berro no ceo cando conscientemente e guiados polos intereses dos bancos rescatados non se utilizaron as propiedades da SAREB para crear un banco público de vivenda de aluguer social para as miles de persoas que son desafiuzadas diariamente.

Vexo, escoito e leo, sobre todo nos medios de comunicación públicos e “concertados” e secundada pola dereita deste país, unha intensa campaña alarmista, sobre o fenómeno da ocupación. 

A estas alturas xa non sorprende que estes mesmos actores mediáticos e políticos, á vez que fabrican esa sensación de alarma por unha cuestión estatisticamente menor, calen ante a situación dunha moi importante parte da nosa xente respecto ao dereito a poder vivir nunha vivenda digna.

Non vin ningunha campaña polo feito de que en Galiza levemos máis dunha década con 2.000 desafiuzamentos anuais, cento arriba cento abaixo, segundo os datos oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos cales segundo eses mesmos datos, como mínimo arredor duns 500 foron e son de vivenda habitual.

Vin como ante o desafiuzamentos de mulleres con fillos, en Vigo e Ourense, se lles ofrecía como alternativa unha vivenda a máis de 100 kms de onde vivían e estudaban e non se consideraba un escándalo que nin a Xunta de Galicia nin os concellos de Vigo ou Ourense tivesen unha soa vivenda pública que ofrecer na propia cidade cando hai miles de vivendas baleiras nelas.E non foi tratado como algo alarmante.

Nunca vin unha análise crítica da política de vivenda dun goberno galego que paralizou radicalmente a promoción de vivenda de protección dende a chegada de Feijóo a San Caetano. Con cifras tan rechamantes como pasar de iniciar 2900 vivendas protexidas en 2010 (inercia da política do goberno de Touriño e Quintana) a unha media de 8 nos últimos 5 anos.

Non vin ningunha campaña polo feito de que en Galiza levemos máis dunha década con 2.000 desafiuzamentos anuais. Tampouco unha análise crítica da política de vivenda dun goberno galego que paralizou radicalmente a promoción de vivenda de protección dende a chegada de Feijóo a San Caetano

Tampouco vin que se machacase día si e día tamén nas páxinas deses medios co feito que nestes momentos no Rexistro Oficial de Demandantes de Vivenda con algún tipo de Protección, haxa nada máis e nada menos que 15.000 demandantes que confían en que o seu goberno atenda as súas necesidades.

Non vin tampouco nas sisudas análises da crise demográfica de Galiza que, para a maioría dos opinólogos do star system, semella ser unha maldición bíblica, sen explicación na aplicación de determinadas políticas, falar do problema do acceso á vivenda de mozas e mozos e a influencia deste feito na posibilidade de emancipación e polo tanto emprender proxectos vitais a longo prazo.

Botei en falta tamén algunha primeira plana que sinalara que, no ano pasado, o programa estrela da Xunta de Galicia para mobilizar vivenda, o Programa de Vivenda Baleira, repartiu no conxunto do país 2 subvencións!

Non se lle deu tanta importancia á venta en Cambre de pisos de protección oficial, é dicir construídos con subvencións públicas, a un fondo voitre co permiso do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que acabou con inquilinos abandonando os seus pisos ben polo incremento dos prezos ben polo desleixo do novo propietario coa conservación do edificio, incluso cando o fondo formaba parte do grupo xestionado polo fillo de Jose María Aznar e Ana Botella.

O fondo comprador era unha SOCIMI unha desas sociedades que foi agasallada con exencións fiscais na época onde a xente do común sufría o incremento do IVE de produtos básicos.

Tampouco houbo campaña por isto nos grandes medios.

Houbo 14 anos para reparar no feito de que os sucesivos gobernos do Estado mantiveran paralizada a regulamentación e a definición da vivenda baleira, co que se logrou que aínda que así o quixesen os concellos non puidesen aplicar o RDL 2/2004 regulador das Facendas Locais para aplicar recargos no IBI aos grandes propietarios con vivendas baleiras e non lembro que éso tivese un tratamento “alarmista” nin lembro ningunha iniciativa da dereita para cumprir coa lei.

Así hai miles de vivendas baleiras en cidades onde medran constantemente os alugueres, propiedades de grandes tenedores aos que lles sae gratis non cumprir coa función social da vivenda porque os gobernos locais si así o quixeran non lles poden gravar o feito de non poñelos á disposición da xente.

Mesmo hoxe en día poderíase centrar o debate na relación que existe entre as condicións das vivendas nos barrios máis humildes e as cifras de contaxio da Covid, tanto no que ten que ver coa conservación xeral dos edificios como á cantidade de xente que vive nalgúns pisos pola obriga de compartilos de 2 ou 3 familias para poder afrontar o custe duns alugueres que non deixan de medrar.

A realidade é que hai un gran negocio ao redor da especulación inmobiliaria no que participa moita xente, que teñen os seus representantes políticos e mediáticos que fan o traballo necesario para manter un modelo que beneficia a uns pero que exclúe a moita xente dun dereito básico. Todas as súas políticas nesta materia estiveron dirixidas a manter e, si é posible, subir o prezo da vivenda aínda sabedores de que así deixarían a moita xente fora do, disque, “dereito constitucional” á vivenda.Claro que hai solucións para regular os prezos do aluguer alí onde é necesario, está xa todo inventado. Pero non se quere, porque esas medidas implican un descenso dos beneficios de bancos, fondos voitre e demais inversores do mercado inmobiliario.

Por que non se fai un plan para promover vivenda pública con prezos sociais dirixidos a, cando menos, eses máis de 10.000 demandantes que expresan que queren unha vivenda pública de aluguer (dos 15.000 totais)? Porque simplemente con esa medida “arrefriaría” o mercado inmobiliario.É difícil tomar medidas en materia de vivenda que contenten a todos. A dereita escolle bando e conta con aliados mediáticos para facilitar o camiño, creando o estado de opinión necesario e o sentido común que lles beneficie.

Non é incompetencia que en Vigo, cando sistematicamente hai despexos, non exista solución habitacional na cidade e que se lle ofrezan vivendas en Pontecesures ou A Cañiza como alternativa , creando por certo, unha segregación xeográfica en función da renda.

Nin o PP na Xunta de Galicia, nin tampouco Abel Caballero no Concello de Vigo, consideran parte das súas obrigas dotar á maior cidade galega dun parque público de vivenda que cumpra a función non só de dar solución ás persoas en emerxencia habitacional senón a de dar satisfacción á mocidade ou ás familias que gastan máis do 30% dos seus ingresos en pagar alugueres abusivos.

O realmente preocupante é que diante da gran crise económica que se aveciña, todo parece indicar que peor que a de 2008, os representantes políticos e grupos mediáticos dos grandes axentes da especulación van gañando terreo na batalla do relato

Ao contrario consideran prioritario manter a burbulla dos alugueres actuais que evidentemente fan de ouro a certos sectores.

O realmente preocupante é que diante da gran crise económica que se aveciña, todo parece indicar que peor que a de 2008, os representantes políticos e grupos mediáticos dos grandes axentes da especulación van gañando terreo na batalla do relato e están creando as condicións para poder aplicar duras políticas ante o que vén, que será a dificultade de moita xente para pagar a súa vivenda. A esquerda non se está a anticipar a esta situación actuando á ofensiva nun ámbito onde xa sen esta nova crise económica se tiña que estar actuando.

Como xa dixo Warren Buffet, “hai unha guerra de clases e imos gañando”.

Obxectivamente, cos datos na man, quen expulsa á clase traballadora das súas vivendas non son as ocupacións: son os bancos, fondos voitre, grandes propietarios e en xeral un modelo de vivenda pensado para soster unha importante cifra de rentistas. Iso é o que se trata de ocultar co establecemento do clima que coa campaña anti-ocupación se pretende establecer.

Nos anos posteriores á crise do 2008 as plataformas e movementos sociais conseguiron na rúa ser hexemónicos nas súas demandas de vivenda digna que facilitaron despois certas melloras, aínda que insuficientes. Hoxe estamos nun período de grande involución neste senso xa que estamos falando de ocupación cando se debera estar falando de como se vai garantir que a xente que quede no paro pague o aluguer ou a hipoteca, como regular os prezos nas cidades, como gravar as vivendas baleiras dos grandes propietarios, ou como crear un potente e ambicioso parque público de vivenda.

Tanto na rúa como nas institucións hai que poñer o cambio de modelo das políticas de vivenda no centro do debate como parte fundamental da loita contra unha desigualdade crecente, contrapoñendo ao discurso do darwinismo social unha aposta polas políticas públicas de vivenda que socialicen o mercado para que se cumpra con ese dereito, supostamente constitucional, de que todas teñamos o dereito a unha vivenda digna.

E si hai un caso nos que se ocupe unha vivenda habitual, sinceramente non os coñezo, e por declaracións de xuíces de longa traxectoria deben de ser moi moi minoritarios, pero si se da o caso, direi que non é de xustiza e defenderei o dereito de todas e todos a disfrutar do dereito a unha vivenda digna con seguridade.

Pero cando haxa persoas, e son moitas, abandonadas polas institucións e gobernos que gobernan para os máis poderosos, que buscan o dereito á vivenda ocupando un edificio da Sareb, ou de calqueira dos bancos que utilizaron durante anos prácticas abusivas amparados por eses mesmos gobernos e por unha cúpula xudicial vendida aos seus intereses, o Tribunal Supremo, ou bancos que foron axudados con miles de millóns de euros de diñeiro de todas que non pensan devolver, que non conten comigo para denuncialos porque sei quen exerce diariamente a violencia institucional.

Cando ocupan vivendas de fondos voitre que non pagan impostos polas facilidades fiscais aprobadas por sucesivos gobernos que se forran especulando cun dereito, que non conten comigo para sinalalos.

Mentres haxa políticas que conscientemente expulsan a xente das casas, fan case imposible para a mocidade emanciparse, forzan a que as familias traballadoras adiquen cada vez máis ingresos a pagar por unha vivenda, que non conten comigo para criminalizar a ocupación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.