Galicia sofre quince veces máis desafiuzamentos en vivendas de alugueiro que ocupacións ilegais de pisos

Protesta contra os desafiuzamentos en Ferrol, nunha imaxe de arquivo © Susete Ferrol

As ocupacións ilegais de vivendas pasaron a formar parte da axenda política e mediática dos últimos anos, moi especialmente no ámbito da dereita. En cidades galegas como A Coruña, Santiago ou Lugo, os representantes do PP local axitaron a cuestión durante o pasado mandato, culpando os respectivos gobernos locais de pasividade diante desta problemática, que os populares trasladaran nos mesmos termos ao Parlamento de Galicia mentres, a nivel estatal, a propia formación de Pablo Casado, así como Ciudadanos, reclamaban endurecementos da lei para evitala. A mesma cuestión foi parte central da axenda de diversos medios de comunicación.

No segundo trimestre de 2019 os xulgados galegos practicaron 657 desafiuzamentos, tres de cada catro por impagamentos do aluguer

Pero, cal é a magnitude deste problema en Galicia? Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial, recompilados neste caso polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acreditan que as ocupacións ilegais de vivendas existen, pero o seu número é moi reducido. Practicamente residual se é comparado cos problemas vinculados á vivenda que ocupan en maior medida aos tribunais, os desafiuzamentos. Así, por exemplo, no segundo trimestre do ano os desaloxos vinculados ao impagamento do recibo do alugueiro multiplicaron por quince as demandas por ocupacións ilegais. No caso dos vinculados a hipotecas, os casos de desafiuzamentos cuadriplicaron os de ocupacións irregulares.

Como vén de sinalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de abril a xuño de 2019 os xulgados galegos practicaron 657 lanzamentos -desafiuzamentos-. Deles, máis de tres de cada catro (501) tiñan como causa "a falta de pagamentos de alugueiro", mentres que os restantes 140 estaban vinculados a execucións hipotecarias. O incremento interanual de ambos indicadores é moi elevado -de case o 90%-, se ben o propio Tribunal advirte da necesidade de "ter en conta" que de febreiro a maio de 2018 desenvolveuse a folga do persoal da Xustiza en Galicia, o que provocou que "moitas destas dilixencias non se levasen a cabo".

Fronte ao incremento de desafiuzamentos por non pagar o alugueiro, a serie temporal do Consello Xeral do Poder Xudicial amosa unha tendencia á baixa dos lanzamentos hipotecarios, mesmo tendo en conta a distorsión pola devandita folga. Así, séguense producindo máis de cen por trimestre, unha cifra elevada pero afastada dos máis de douscentos que se rexistraban nos peores anos da recesión. 

No segundo trimestre do ano os xulgados de Galicia rexistraron 32 demandas por ocupacións ilegais, un número semellante ao dos tres meses previos

No que atinxe aos procesos por ocupacións ilegais de vivendas a serie temporal ofrecida polo Consello é moito máis curta -comeza en 2018-, polo que non é posible consultar a súa evolución durante a década, pero si os datos máis inmediatos. Tal e como destaca o TSXG, no segundo trimestre de 2019 "os xulgados galegos ingresaron 32 demandas, das que resolveron 22, por ocupación ilegal de vivendas". Segundo esta base de datos, estaban en trámite 42 asuntos por esta causa.

Unha vez pasado o impacto da folga da xustiza de 2018 os xulgados galegos tiveron que abordar arredor dunha trintena destes casos por trimestre. A incidencia é, daquela, moito menor á dos desafiuzamentos. A estatística de persoas condenadas do INE tamén reflicte cifras semellantes, con 39 condenas por usurpación de vivenda en 2018 e 42 en 2017 en toda Galicia. Se ben en 2016 a cantidade foi maior (81), nos anos anteriores non chegaran á corentena. Así, por exemplo, en 2013 houbo 29 condenas por este motivo, en 2014 rexistráranse 36 e en 2016, outras 36.

No entanto, durante a actual lexislatura galega e, moi especialmente, ata a fin do pasado mandato municipal (2015-2019) o PP deu en asegurar no Parlamento galego que existía un "alarmante e crecente problema de ocupación de vivendas" vinculado a "mafias" e á "impunidade da delincuencia organizada". Os populares ligaran ademais esta cuestión con outro tipo de ocupacións de tipo reivindicativo en edificios abandonados.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.